CONFLICTO EN EL PP
La corporación de Barbadás ya tiene cuatro no adscritos
entrevista
Logo de tres anos no cargo, Francisco Javier Rodríguez Rajo fai balance dun mandato marcado pola obtención do selo de especialización do Campus Auga, o inicio das obras do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o impulso das relacións con distintas empresas da provincia de Ourense.
Pregunta. Como viviu o proceso electoral?
Respuesta. Con moita intensidade, porque falas con moita xente. Aquí en Ourense tivemos a sorte de ter un apoio moi maioritario. Iso quere dicir que fixemos as cousas ben durante estes tres anos e hai que quedar con iso. Fomos un vicerreitorado ao servizo de todo o mundo, tanto de alumnos como do Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS), e do profesorado. Parece que nas eleccións quedou reflectido ese esforzo.
P. Que balance fai do seu tempo á fronte do vicerreitorado?
R. O obxectivo que sempre tiven en mente foi facer o posible para deixar o campus mellor do que o collín. E iso que xa partiamos dun campus moi ben considerado e de alto nivel. Traballamos moitísimo na acreditación do Campus Auga, algo vital durante o noso primeiro ano de mandato. Isto supuxo un reforzo tremendo, con máis de 3 millóns de euros para investir. Iso deunos un pulo moi importante a todas as titulacións e facultades. Tamén traballamos moito o sentido de pertenza. Queriamos que a xente estivese contenta co seu campus, non só os traballadores e estudantes, senón tamén a contorna, a cidade e as comarcas. As empresas confían hoxe moito máis en nós.
P. Onde cre que estivo a clave para chegar ás empresas?
R. En visibilizar o bo traballo que xa se facía no campus. Estamos avaliados a nivel mundial. O ránking de Shanghai di que somos os número 17 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, os número 1 de España e os 2 de Europa. Temos tamén un alto nivel en agricultura, dereito, turismo e humanidades. Cando o tecido empresarial empeza a ver iso, comezan a confiar en nós como socios fiables para desenvolver proxectos, algo que antes non se facía en tan pouco tempo. O ano pasado rozamos os 3 millóns de euros en contratos con empresas, multiplicando case por catro as cifras anteriores. Incluso acabamos de asinar unha unidade mixta de investigación co Grupo Coren, cun investimento de 4 millóns de euros, onde profesionais da empresa e investigadores da universidade traballarán xuntos. Esta relación co tecido empresarial non se limita á cidade, logramos chegar a cinco ou seis comarcas, levando a universidade fóra da capital.
P. Precisamente un dos seus obxectivos era que a universidade estivese presente en toda a provincia. Cre que o conseguiu?
R. Si, de feito, nestes proxectos que menciono xa participan agricultores e empresas de todas as comarcas, desde A Limia ata Monterrei. Os agricultores participan cedendo as súas fincas, obtendo rendementos económicos e aplicando os nosos resultados. Cando falas con eles e lles dis que están colaborando con oito ou nove das mellores universidades do mundo grazas ao Campus de Ourense, síntense parte de algo grande. A idea de internacionalización axudou moito a cohesionar a provincia ao redor do campus.
P. En 2027 toca a revalidar o selo de especialización do Campus Auga. É optimista?
R. Sen dúbida. Ten un futuro moi prometedor. Todos os anos facíannos unha avaliación con case 150 indicadores de seguimento e execución. Eran moi duros, pero conseguimos chegar ao 400% do obxectivo en investigación, ao 150% en docencia e ao 200% en transferencia. Superamos os indicadores con fartura. Este luns aprobamos no consello de dirección o novo plan estratéxico para o Campus Auga, que é a documentación que debemos presentar para a súa renovación. Pediremos máis fondos, preto de 8 millóns de euros. Fixemos os deberes e teño a confianza de que o panel avaliador renovará o noso selo por catro anos máis. O Campus Auga non só é clave para nós, senón que é un motor tractor para toda a Universidade de Vigo.
P. Queda tamén pendente a inauguración do novo edificio de Enxeñaría Aeroespacial.
R. Vai ser un espazo importantísimo. O campus medrou moito en alumnado e en investigación, e tiñamos unha falta de espazo tremenda. Houbo que habilitar espazos ata nas bibliotecas para dar clases. Este edificio dará un respiro vital ao campus, permitindo reubicar Enxeñaría Aeroespacial, que é unha das nosas titulacións estrela. É certo que as obras van a modiño, en parte por imprevistos na cimentación e os temporais, pero farase realidade o vindeiro ano. Permitiranos ter espazo para seguir ofrecendo unha docencia e uns servizos de máxima calidade.
P. Outro dos grandes anhelos é o soterramento da avenida Otero Pedrayo.
R. Hai que darse conta de que isto non é unha rúa normal, que é unha entrada a un polígono con camións, entón todo leva os seus atropelos. Iso uniría non só un proxecto de campus, senón un proxecto de cidade. Eu penso que se vai facer, pero como todas as obras tarda moito tempo. Penso velo como profesor do campus, nun período breve de tempo.
P. Considera que o Campus de Ourense superou o reto de non quedar como un “campus periférico” á sombra de Vigo?
R. Totalmente. No mes de novembro tivemos o primeiro congreso nacional de campus non centrais, nunca os chamo periféricos, en Ponferrada. Expuxemos as nosas fortalezas e a xente quedou abraiada co que temos en Ourense. Moitos dicíannos que non tiñamos que estar aí, porque somos unha universidade. E é certo, temos titulacións de todas as ramas (ciencias, enxeñarías, humanidades, xurídico-sociais...). Iso fainos únicos. Non sinto que sexamos periféricos, sinto que somos unha gran universidade e estou moi orgulloso de defender o meu campus por toda España.
P. Que consellos lle da á nova vicerreitora, Montserrat Cruz, que toma agora o relevo?
R. Que traballe con moita ilusión. Ela xa formou parte de cargos directivos, estivo na comisión permanente da vicerreitoría e no consello de campus, así que coñece ben a engrenaxe. Anímoa a que siga traballando con moitísima ilusión polo campus, e que entre todos a axudaremos a que siga avanzando e facendo que o Campus de Ourense sexa máis visible e xere aínda máis confianza.
P. Nun futuro podería considerar volver á xestión do campus ou dalgunha facultade?
R. Nunca se sabe. Foron anos moi intensos e agora quero volver ao meu grupo de investigación, porque a produción científica baixou un pouco ao non haber tempo para todo. Para conseguir unha praza no campus entrei co programa Ramón y Cajal, xa que estiven fóra moitos anos e iso é moi duro, e tiven a oportunidade de quedar noutros sitios, pero sempre tiven a ilusión de vir ao Campus de Ourense. Estou moi orgulloso do meu campus e traballarei por el como faga falta no futuro, desde outro lado, pero sempre intentando achegar o máximo posible.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CONFLICTO EN EL PP
La corporación de Barbadás ya tiene cuatro no adscritos
"UNA NECESIDAD ESTRATÉGICA"
Ourense avanza en el futuro centro de seguridad digital
Lo último
MUCHOS BUENOS RECUERDOS
Borja Fernández se despide de la UD Ourense entre lágrimas
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Jácome en el columpio
UMBRAL DEL CALOR
Valdeorras lidera la tolerancia al calor en Galicia: 39 grados