Máis de 20.000 ourensáns viaxan gratis coas tarxetas de mobilidade

Tarifa+65 e tarxeta Xente Nova

Usuarios da Tarifa+65 e a tarxeta Xente Nova impulsadas pola Xunta realizaron en 2024 case 600.000 viaxes de balde

Viaxeiros na estación de autobuses de Ourense.
Viaxeiros na estación de autobuses de Ourense. | La Región

Máis de 20.300 persoas usuarias do transporte público da provincia de Ourense beneficiáronse en 2024 das tarifas gratuítas Xente Nova (TXN) e +65, impulsadas pola Xunta de Galicia. En concreto, máis de 7.800 persoas maiores de 65 anos teñen acceso á tarifa gratuíta e máis de 12.500 persoas menores de 21 anos dispoñen da Tarxeta Xente Nova.

A través de ambas as dúas medidas facilítanselles aos colectivos beneficiarios ata 60 viaxes de balde ao mes no autobús interurbano e noutros medios de transporte público na comunidade, como o ferrocarril de proximidade na área de Ferrol e o transporte marítimo da ría de Vigo. En conxunto, as persoas beneficiarias da provincia de Ourense realizaran en 2024 un total de 595.000 viaxes gratuítas, e as bonificacións da Xunta para compensar a súa aplicación superaron os 620.000 euros.

No que se refire á tarifa +65, aplícase a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia desde o 1 de xaneiro de 2024, polo que as tarxetas que contan coa dita tarifa nesta provincia superaron no seu primeiro ano de funcionamento as 7.800. Esta iniciativa facilita o desprazamento das persoas de máis de 65 anos a servizos esenciais como a sanidade pública, e tamén para xestións, compras e lecer.

Sobre a evolución da demanda, as persoas maiores de 65 anos de Ourense realizaran máis de 160.000 viaxes gratuítas en 2024 e a Xunta investiu no pagamento da bonificación destas viaxes máis de 170.000 euros, unha contía que os usuarios da tarifa puideron aforrar neste período.

Por concellos, os maiores de 65 anos con domicilio en Ourense son os que realizaron máis viaxes gratuítas coa tarifa +65 no transporte público de Galicia en 2024, 52.000, e os que recibiron a maior bonificación, 64.000 euros. Barbadás e Allariz son os seguintes concellos por volume de viaxes bonificadas para os seus cidadáns, 34.000 e 3.900. Mentres, por importe da bonificación, situáronse Barbadás e Verín, con 175.000 e 6.600 euros, respectivamente.

Aumento na tarxeta Xente Nova

Por outra parte, en canto á Tarxeta Xente Nova, en 2024 as tarxetas totais na provincia de Ourense para os menores de 21 anos ascenderon a máis de 12.500. Así, desde o inicio do ano os beneficiarios desta iniciativa pioneira da Xunta para o fomento do transporte público que permite viaxar de balde en toda Galicia incrementáronse un 21% en Ourense.

O ano pasado, os menores de 21 anos da provincia de Ourense realizaran máis de 431.000 viaxes gratuítas, un 13 % máis que en 2023. Cómpre sinalar que en 2023 xa se rexistrara un máximo anual, con 320.000 viaxes gratuítas para os máis novos, incrementándose un 20% con respecto ao exercicio anterior. Estas viaxes gratuítas supuxeron unha bonificación de 450.000 euros en 2024, un 17 % máis que en 2023.

Por concellos, os menores de 21 anos con domicilio en Barbadás son os que realizaran máis viaxes gratuítas no transporte público de Galicia en 2024, 88.000, e os de Ourense, os que recibiron a maior bonificación, 110.000 de euros. Os seguintes concellos con máis viaxes bonificadas para os menores de 21 anos foron Ourense e Verín, con 71.000 e 28.000, respectivamente. Os seguintes maiores importes das bonificacións foron para usuarios de Barbadás e Verín, con 49.000 e 36.000 euros, respectivamente.

O obxectivo desta medida, posta en marcha pola Xunta en 2016 e que non deixou de medrar desde entón, é contribuír á economía familiar e facilitarlle á mocidade o acceso a servizos básicos ao tempo que se fomenta o transporte público e unha mobilidade sustentable nesta franxa de idade.

O PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA REXISTRA CASE 2,6M DE SERVIZOS ANUAIS

A Xunta destina este ano ao Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) case 150 millóns de euros, incluíndo o transporte interurbano e escolar, co obxectivo de ofrecer un servizo público moderno, de calidade e en constante adaptación ás necesidades cambiantes das persoas usuarias. Polo tanto, trátase dun plan vivo que experimentou un importante avance cuantitativo e cualitativo nos últimos anos ata acadar 3.600 liñas -case 300 máis que 2020- e máis de 58.500 paradas -máis de 7.000 por riba das rexistradas en 2020- con case 2,6 millóns de servizos ao ano.

A Xunta aposta pola continua mellora deste servizo público colectivo de cara á súa optimización, para o que se realiza un constante seguimento do funcionamento e escoita das suxestións e reclamacións.

Do mesmo xeito, o Goberno galego realiza mensualmente unha verificación dos servizos das 127 concesións cun sistema de xeolocalización de autobuses a través do sistema de axuda á explotación (SAE), do que Galicia é pioneira en España na súa implantación. Así, permite comprobar en tempo real o cumprimento dos servizos e os pasos por parada. Polo tanto, a Xunta realiza un seguimento exhaustivo con medidas de control que contribúen a garantir solucións áxiles ás incidencias que poidan xurdir.

Cando se detectan desaxustes ou incumprimentos nos servizos froito deste control sistemático e exhaustivo, a Administración autonómica actúa con modificacións de horarios e percorridos ou mesmo a incorporación de novas liñas se é preciso, ou coa apertura de expedientes ás empresas para garantir o cumprimento das condicións dos contratos, como o medio cento incoado no que vai de ano.

Contenido patrocinado

stats