María Yáñez, directora de cine: "'Kiro' é unha película feita para o público"

MELLOR PELÍCULA DE PANORAMA GALICIA

Tras dirixir o filme premiado no OUFF como mellor película da sección oficial Panorama Galicia e co Premio do Público, María Yáñez reivindica a conexión de Ana Kiro cunha Galicia popular, emigrante e durante anos pouco recoñecida institucionalmente.

María Yáñez recibindo a Calpurnia á Mellor película da sección oficial Panorama Galicia do OUFF
María Yáñez recibindo a Calpurnia á Mellor película da sección oficial Panorama Galicia do OUFF | Xesús Fariñas

María Yañez é a directora de “Kiro”, gañadora da sección Panorama Galicia e do Premio do Público do OUFF. Uns recoñecementos que lle chegan coa súa primeira longametraxe. Fala con La Región horas antes de recibir os galardóns.

Pregunta. Que supón recibir este premio?

Respuesta. Estou moi contenta porque era a primeira vez que poñiamos a película diante do público. Foi a estrea mundial aquí en Ourense e, polo tanto, a incógnita sobre como ía ser recibida era total. Recibir o premio do xurado e ademais o do público é unha dobre validación moi chula. Quere dicir que hai unha calidade e, sobre todo, que a película conecta co público, que era o que buscabamos.

P. Contentar as dúas partes non sempre é sinxelo.

R. Claro. Neste caso, “Kiro” é unha película moi feita para o público. Tanto é así que é tamén protagonista, porque é un filme que fala da relación dunha artista, Ana Kiro, co seu público. A reacción foi xenial: a xente aplaudía e ría durante a proxección. Que despois se vexa tamén acompañado polo recoñecemento do xurado, pois moito mellor.

P. Por que decidiu explorar precisamente esa parte da popular Ana Kiro?

R. Porque creo que é o máis interesante da súa figura, máis alá da súa biografía, da súa obra ou do seu percorrido. Era algo que non estaba tan contado e a min chamábame moito a atención esa relación tan especial. Fomos descubrindo testemuños individuais de xente que adoraba a Ana Kiro e iso levoume a pensar que aquí había todo un país que, individual e colectivamente, podía describir un fenómeno social. Interesábame tamén o contraste entre ese cariño que lle tiña a xente e certo desprezo ou indiferenza por parte das elites culturais da época. Ana Kiro non foi especialmente recoñecida con premios nin institucionalmente, pero a nivel popular simbolizou moitísimas cousas, sobre todo para a emigración.

Contenido patrocinado

stats