EN ESTADO DE ENVEJECIMIENTO
Condena de 17.000 euros a la constructora del gas por inundar el colegio Cardenal Cisneros
ANO OTERIANO
O Ano Oteriano aterrou este venres en Ourense coa presentación da reedición do libro “Del Orense Antiguo y otras colaboraciones”, no que se recompilan 162 artigos escritos por don Ramón Otero Pedrayo e publicados en La Región entre 1958 e 1960. “Poderiamos definilo como un testamento vital de Don Ramón sobre a súa cidade de sempre, sobre as pedras de Ourense, sobre a súa xente. É un libro cheo de ourensanía literaria”, así definiu este volume o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, durante a súa intervención no acto celebrado no Liceo de Ourense.
O responsable do Lexistativo puxo en valor “a unanimidade de todos os grupos políticos” para a declaración do 2026 como ano dedicado ao escritor ourensán, coincidindo co 50 aniversario do seu pasamento e o centenario da súa recoñecida “Guía de Galicia”. “Que se aprobe co visto e prace de todas as partes parece o normal, pero non o é. Don Ramón concitaba un algo máis que outras figuras e resultaba case imposible dicir que non á proposta”, asegura Santalices, quen quixo destacar a importancia de que o Patriarca das Letras non fixese distincións: “Otero Pedrayo non escribía para elites, facíao para todo o mundo”.
Pola súa banda ao conselleiro de Cultural, Lingua e Xuventude, José López Campos, tampouco lle chegaron os eloxios para referirse a Otero Pedrayo. “Logo de dedicarlle o 2025 a Castelao, entendíamos que este ano tiña que ser necesariamente o ano de Don Ramón”, apuntou. Nesta liña, incidiu na relevancia desta figura literaria para todos os galegos. “Entendiamos que era a figura relevante para seguir construíndo esa Galicia que todos queremos, que une e que non separa, esa Galicia que nos xunte no galeguismo e no amor polo noso patrimonio e a nosa lingua”, subliñou o conselleiro.
Campos destacou que o libro presentado é “unha pequena xoia” que permite lembrar as verbas escritas por Otero Pedrayo. Así, incidiu na importancia de preservar o seu legado facendo especial fincapé na necesidade de transmitilo a toda a cidadanía. “Don Ramón tiña clarísimo que o seu legado era para as novas xeracións e agora é a nosa responsabilidade tamén facelo así”, resaltou.
A reedición presentada este venres no Liceo inclúe 13 artigos máis do ano 1960, que non aparecían na primeira obra elaborada pola anterior directiva da Fundación Otero Pedrayo. Maribel Outeiriño e Afonso Vázquez-Monxardín son os responsables desta suma de valor ao volume que recolle os textos escritos polo Patriarca das Letras. “Tiñamos a intención, xa antes de saber que sería Ano Oteriano, de localizar todas as obras e artigos publicados por Otero Pedrayo en La Región”, asegurou Martín Outeiriño, responsable a cargo da reedición, quen se referiu ao escritor como “o máis célebre dos articulistas” que pasaron polo xornal, sendo isto “un motivo de honra”.
Agradeceu tamén á editorial Galaxia por ceder os dereitos sobre a obra do ourensán, facendo posible preservar o “patrimonio común de todos os galegos”. Outeiriño asegurou que no libro os lectores van poder atopar a “historia pretérita de Ourense” a través dos ollos de Don Ramón. “Nel aparecen historias das súas xentes, de personaxes moi coñecidos da cidade, pero tamén doutros máis descoñecidos”, explica en referencia aos textos que aparecen no volume. “Tamén fala da paisaxe, de obras inconclusas como a intención de facer o Miño navegable ata Ourense, pero tamén dese Ourense que coñeceu un neno de Trasalba”, engade.
Esta foi a primeira cita do Ano Oteriano na cidade de Ourense. Porén ao longo dos vindeiros meses están previstas unha morea de actividades, todas elas coa premisa de impulsar o legado de Otero Pedrayo para que prevaleza na memoria dos galegos. Así, o presidente da Fundación Otero Pedrayo anunciou que o vindeiro 4 de marzo vaise proxectar no Liceo o documental sobre a figura do escritor. Trátase dunha obra dirixida por María José Bravo Bosch, catedrática da Universidade de Vigo e membro do padroado da Fundación Otero Pedrayo, na que se reflicte a relación do escritor ourensán coa súa contorna.
Por outra parte de La Región, publicaranse outros dous volumes nos que se recollen textos do Patriarca das Letras, un de artigos publicados entre 1961 e 1963 e outro libro no que aparecerán as pezas escritas baixo pseudónimo. Ademáis, co obxectivo de achegar a Otereo Pedrayo ás novas xeracións, o xornal organizará visitas a centros educativos para que os máis pequenos poidan achegarse a esta gran figura da literatura galega. O 10 de abril, coincidindo co 50 aniversario do pasamento do autor publicarase un especial. Haberá tamén unha xornada de Foro La Región, con varias mesas de especialistas que lembrarán o percorrido e a influencia do homenaxeado.
Haberá tamén propostas formuladas dende outras organizacións. Está previsto que se faga unha reedición da “Guía de Galicia”, con capítulos introdutorios das persoas máis destacadas hoxe no mundo da xeografía, da historia e da cultura de Galicia. Por outra banda, organizaranse rutas seguindo as historias escritas polo Patriarca das Letras Galegas e volveran a convocarse os premios que levan o nome do autor. Dende a Fundación agarda que o 2026 se converta nun gran ano para a memoria.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EN ESTADO DE ENVEJECIMIENTO
Condena de 17.000 euros a la constructora del gas por inundar el colegio Cardenal Cisneros
ESPACIOS Y RECURSOS
La Diputación de Ourense se orienta hacia el turismo familiar
CALLES CERRADAS Y EN OBRAS
Alto riesgo para el tráfico en Ourense durante los Entroidos
Lo último