Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia: "A política local de Ourense debe recuperar prestixio, a imaxe non é boa”

EXPERIENCIA INSTITUCIONAL

Desde a súa dilatada experiencia institucional e o seu recente papel como delegado rexio, Santalices reivindica o “sentidiño” e o diálogo da Cámara galega fronte á crispación estatal

Momento da entrevista a Miguel Santalices, realizada nos estudos de Telemiño. | Marcos Atrio

Miguel Santalices (Bande, 1955), presidente do Parlamento de Galicia, pasa polo Café de Redacción para analizar as claves do horizonte político e cultural galego, marcado pola recente declaración unánime de 2026 como Ano Oteriano. Desde a súa dilatada experiencia institucional e o seu recente papel como delegado rexio, Santalices reivindica o “sentidiño” e o diálogo da Cámara galega fronte á crispación estatal, ao tempo que alza a voz polas necesidades urxentes de Ourense.

“Ourense ten un potencial cultural inmenso que ás veces queda tapado por titulares baleiros e liortas banais”

Pregunta.O Parlamento vén de impulsar unha iniciativa simbólica de gran calado: declarar 2026 como Ano Oteriano. Como se xestou ese apoio unánime de todos os grupos?

Respuesta.Así foi. No último pleno do ano, unha proposta de declaración institucional que recollía o que foi a figura de Otero Pedrayo desde o punto de vista de ensaísta, de escritor, de home comprometido con Galicia, coa lingua e coa nosa identidade plasmouse nese resultado final por acordo de todos os grupos: declarar Ano Oteriano o 2026, no que conmemoramos os 50 anos do seu pasamento. É importante que teña sido por unanimidade, porque se non non se podería ler esa declaración institucional; o Parlamento ten unha norma pola cal, se non hai acordo de tódolos grupos, non se pode ler. Creo que houbo un acto de xenerosidade por parte de todos, pois a figura de Don Ramón concita un acordo. Quen se podería opoñer a falar do Patriarca das Letras Galegas e do home que tanto fixo pola cultura en Galicia, en Ourense e polo mundo?

P.E que vai significar este ano para Galicia?

R.Agora é cuestión de empezar a programar o que se pode facer no Ano Oteriano. A Consellería de Cultura programará unha serie de actos relacionados coa cultura e a divulgación da figura de Otero Pedrayo, tanto dende o ámbito de escritor e xeógrafo como do home que contribuíu á identidade de Galicia dun xeito especial. Haberá que contar coa Fundación Otero Pedrayo, que ten a súa sede en Trasalba, e poñerémonos de acordo para ver como facer actos de recoñecemento a unha figura senlleira como a de Don Ramón. Isto hai que programalo, non é calquera cousa. E nós, sendo ourensáns e falando dunha figura universal, vamos tratar desde Ourense de que a cousa vaia cun pouquiño de carga de profundidade. Temos que presumir do Patriarca das Letras Galegas.

P.Mencionaba esa xenerosidade dos grupos para acadar o acordo. Preocúpalle que o clima de crispación que se vive no Congreso dos Deputados se traslade ao Parlamento de Galicia?

R.Preocupar sempre preocupa. Pero no Parlamento de Galicia, no que cumpro dez anos de presidente, observo que nós temos unha forma de debater que, sen deixar de ser profunda, non percibo que sexa demasiado crispante. A iso estamos acostumados. Penso que hai unha boa empatía entre os responsables dos grupos e a Mesa do Parlamento. A min tócame a responsabilidade de presidir os debates e, aínda que non é todo unha balsa de aceite, non teño recordo neste último ano de ter chamado á orde a ninguén. Podo tratar de reconducir un debate e pedirlle a un deputado: “Oia, isto lesiona a dignidade dun grupo, hai posibilidades de que o retiremos?”. E normalmente accédese. Iso evita ter que chamar á orde e as leas e malos entendidos que se ven a diario no Congreso. Din que os galegos somos diferentes, e é posible que lle botemos máis sentido ás cousas; con certas discrepancias profundas, pero aplicando esa palabra tan de moda que é o “sentidiño”. Pódese debater con profundidade sen insultar nin transgredir as normas. Sempre poño o exemplo de temas con carga ideolóxica como a violencia machista: observo que as deputadas debaten dun xeito aguerrido, pero sempre buscan un punto final para chegar a un acordo. Presumo diso, porque que catro grupos cheguen a un acordo nun tema tan sensible despois de confrontar dialecticamente, pero con educación, é algo que os dignifica moito e nos diferencia doutros parlamentos.

P.Nun contexto político polarizado, no que vostede fala de que en Galicia non hai esa crispación, como encara o Parlamento Galego a función de manter a calidade democrática?

R.O Parlamento Galego está obrigado a preservala. Somos representantes elixidos pola sociedade. Dannos un voto de confianza que di: “vós sodes os nosos representantes”. E como tal, queremos que isto funcione dun xeito democrático, sen estridencias que non aportan nada ao que necesitan os cidadáns. Os cidadáns dannos un voto para que apoiemos as súas necesidades. Nese sentido, a calidade democrática está garantida pola responsabilidade que asumen os deputados, porque non hai nada máis grande que unha persoa deposite a súa confianza en ti para que a representes. Iso é como unha acta notarial: douche todo o poder para que fales por min e te preocupes dos meus asuntos. Iso soamente se pode facer cunha discusión democrática, na que todos falemos; pode haber diferenzas, pero por riba de todo temos que tratar de entendernos. Creo que esa é a gran diferenza. Cando tomamos posesión do cargo de deputado asumimos unha responsabilidade que nos obriga a estar á altura do que se nos pide.

P.O pasado martes exercía como delegado rexio na tradicional Ofrenda de Traslación ao Apóstolo Santiago. Non era a primeira ocasión; como o viviu?

R.Sempre é moi emocionante e tes unha carga de responsabilidade, porque falas por unha delegación do Rei, para Santiago e para toda España. En Galicia ten unha repercusión moito máis grande. O peso da responsabilidade telo igual. Aínda que che digan que tes práctica, a todo o mundo lle tremen as pernas e neste caso tamén. Xa fixen moitas e podía dicir que teño certa complicidade co Apóstolo, aínda que el ao mellor podía dicirme: “Bueno, viñeches tantas veces pedindo, a ver cando traedes algo!”. Pero non o tomo a broma. Tomei como referencia a mensaxe do Rei: escapar dos populismos e das estridencias, moverse nun marco de convivencia e tratar de que a política recupere esa simpatía que tiña por parte da poboación, pois agora hai unha desafección. Pedín tamén pola saúde e tiven en conta os nosos emigrantes. E claro, como ourensán, aproveitei para falar dos lumes e do que supuxo para a nosa provincia o asunto deste verán pasado. Pedín dúas cousas fundamentais. Unha é a coordinación entre administracións, porque o do verán pasado foi excepcional, pero os lumes son un tema recorrente na provincia de Ourense. Pedín que fagamos un esforzo e que no centro integral de Toén se poida ubicar a Unidade Militar de Emerxencias. É unha petición sensata que xa fixo quen ten a responsabilidade de pedila. Tamén me centrei no tema das comunicacións. Unha provincia do interior coma a nosa, cunha despoboación grande e castigada pola lacra do lume, necesita boas comunicacións. O tema do ferrocarril e a supresión de frecuencias fíxonos moito dano. Liguei os dous temas que máis preocupan hoxe: lume e comunicacións, apelando á responsabilidade de quen ten a posibilidade de repoñelas.

“A política local de ourense debe recuperar o prestixio”

Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.
Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia. | Marcos Atrio

P.Cre que fallou a cooperación e que é viable que o Goberno central decida ubicar no centro de Toén esa base permanente da Unidade Militar de Emerxencias?

R.Viable é. O verán pasado debe servir para recoller experiencias e pensar no futuro. Non é boa a liorta política nunha cuestión coma esta; discutir entre administracións non é o camiño. O bo é a coordinación e a xenerosidade política de quen ten a responsabilidade de tomar decisións. A ubicación dunha unidade no centro integral de Toén é estratéxica. Que aquí veña formarse xente doutros países europeos dálle un caché especial. Temos persoal preparado e é un punto estratéxico: se se producen situacións que se nos escapan das mans, esa ubicación é perfecta pola súa isócrona para abordar unha emerxencia coma a do verán pasado. Merece unha reflexión e creo que sería un acto de responsabilidade política contar con esa unidade.

P.Falamos de lumes, falamos de supresión de frecuencias... Por que parece que cada ano os ourensáns temos que dar conta de titulares negativos?

R.Os titulares negativos ás veces véñennos impostos, pero os ourensáns temos algo que non ten moita xente: o sentimento da “ourensanía” e a creatividade. Se repasas a historia do que se achegou culturalmente desde Ourense, vese realmente o potencial que temos. Sobre as decisións que xeran malestar e titulares negativos -só fai falta ver un pleno do Concello-, a política hai que exercela con maiúsculas. Non hai nada máis grande, é un acto de tratar de facer algo polos demais; por iso che dan o respaldo. Iso necesita xenerosidade, responsabilidade e pensar en positivo. Se nos enzarzamos en cousas banais, saen eses titulares baleiros. Gústame que sexa motivo de discusión a UME en Toén ou a posta en marcha da unidade de ictus; esas son as cuestións que preocupan á cidadanía. Pídese mesura, sentido común e debater o real. Teño visto algún pleno que me fai preguntar se iso realmente lle preocupa á xente. Iso xera noticias fóra e a imaxe institucional que se está dando no Concello de Ourense non é boa.

P.Preocúpalle esa imaxe de Ourense que estamos dando fóra?

R.Si, porque sempre fomos moi institucionais. Ourense ten fama de ser creativo pero tamén de estar á altura na parte institucional. O posto de presidente do Parlamento de Galicia é moi institucional e por aí pasaron ourensáns como Victorino Núñez, Tomás Pérez Vidal, Dolores Villarino ou eu mesmo. Os ourensáns sabemos de institucionalidade e respecto. Preocúpame que a imaxe actual non se achegue a ese respecto histórico. Recordo presidentes de deputacións como Victorino Núñez ou Baltar, e alcaldes que exercían o seu cargo, con discrepancias, pero desde un punto de vista institucional. Non se trata de ser máis ou menos elegantes. A institucionalidade vai inherente ao cargo, e esas doses serían fundamentais para gañar o respecto das institucións.

P.Hai uns meses, sentábase aquí mesmo para falar da constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Como ten evolucionado?

R.Estou moi satisfeito. Levabamos 25 anos esperando unha lei que aglutinase o Panteón. Aprobouse por unanimidade, un feito histórico. Quedaba a difícil tarefa de acordar a integración do padroado: Mesa do Parlamento, Alcaldía de Santiago, Arcebispado e Xunta. Artellar esa máquina administrativa non foi fácil; foron moitas reunións para sacar adiante un proxecto tan interesante. Recoñezo a colaboración de moitas persoas, entre elas o Arcebispo, Francisco José Prieto, un home de Ourense co que me entendín rapidamente. Finalmente, constituímos o padroado nun acto solemne en San Domingos de Bonaval. Pechada esa parte, quedaba a comisión asesora, que logramos constituír en decembro con fundacións como Curros Enríquez, Otero Pedrayo ou Alfredo Brañas. Xa están nomeados os directivos e o artellamento pechouse con éxito. Agora queda definir actividades, cesións de uso e obras de mantemento, para o cal haberá que habilitar un orzamento importante. Pero síntome satisfeito de pechar con éxito e cesións por todas as partes un proceso tan complexo. A foto histórica recórdanos que o acordo é posible cando falamos entre nós.

P.Como médico de formación, como de diferentes son os diagnósticos que fai Miguel Santalices da situación de Galicia e de España?

R.O diagnóstico diferencial é claro: nós estamos presididos polo “sentidiño”. En Galicia hai dous aspectos que cambiaron o noso devir. Primeiro, as transferencias sanitarias grazas ao Estatuto e á Constitución. Antes non tiñamos nada; era unha peregrinaxe a Madrid ou Santander para operarse do corazón. Pasamos de mendigar a recibir pacientes doutros sitios, como agora coa protonterapia en Santiago. Iso marca unha diferenza substancial froito do esforzo da comunidade. Pero non debemos pasar por alto que, comparado co Estado, temos os mesmos dereitos que os demais. Temos os mesmos dereitos que cataláns ou vascos. Se falamos de financiamento autonómico, hai que facelo con rigor: fináncieme vostede dereitos dos cidadáns, non territorios. Hai que ir ao práctico. Aí Galicia non pode ceder, e o presidente Rueda teno claro. O sentido común debe primar: non podemos deixarnos levar por acordos bilaterais. Se falamos de dereitos en igualdade, nós o mesmo a todos. As comparacións Galicia-Estado pasan hoxe fundamentalmente polo financiamento e as comunicacións.

P.Os ollos están postos agora en Venezuela. Cal é a súa visión?

R.Preocúpame o que está a ocorrer. Son moitos españois, maioritariamente galegos, os que alí viven. A intervención non é a solución definitiva. Desexo que Venezuela recupere a súa normalidade democrática polos mecanismos legalmente establecidos como piares dun sistema democrático.

P.Chegamos ao final. Que mensaxe lle gustaría trasladar ás galegas e galegos neste inicio de ano?

R.A mensaxe a quen ten altas responsabilidades é que todas as decisións estean presididas polo sentido común. Se nos deixamos levar polo ego, convertémonos en algo insoportable. A nivel galego, o mellor que podo desexar é saúde. Ourense xa lle está gañando a Xapón en lonxevidade. Cando lle preguntas a unha centenaria polo segredo, diche que se o conta deixa de selo, pero o fundamental é coidarse: alimentación sa e seguir os consellos sanitarios. É o mellor desexo: saúde e sentido común.

Contenido patrocinado

stats