O OUFF anuncia as primeiras catro películas desta edición

FESTIVAL DE CINE

O OUFF celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 e está coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.

Fotograma de “Un simple accidente”, unha das grandes propostas desta edición do OUFF.
Fotograma de “Un simple accidente”, unha das grandes propostas desta edición do OUFF. | OUFF 2025

O Ourense Film Festival anunciou o xoves, 21 de agosto, as primeiras películas da Sección Oficial Internacional para a edición deste 2025, na que se estrea dirección.

O OUFF vén de anunciar os primeiros catro filmes desta 30ª edición. As películas seleccionadas son unha mostra destacada do mellor cine internacional máis recente, con propostas procedentes de lugares tan diversos como Irán, Arxentina, Taiwán ou Portugal.

O festival seleccionou títulos de gran relevancia como “Un simple accidente”, de Jafar Pahani, un filme procedente de Irán e recente gañador da Palma de Ouro en Cannes 2025. Tamén se proxectará “Entroncamento”, de Pedro Cabeleira, unha película portuguesa que terá a súa estrea estatal no certame ourensán.

Completan esta primeira selección as películas “Extranjera”, de Michelle Malley, unha coprodución entre Porto Rico e Taiwán que será tamén unha estrea do OUFF, neste caso europea, e “Gatillero”, de Cris Tapia, unha película de acción rodada integramente en plano secuencia, procedente da Arxentina.

A selección ampliarase con outros títulos de gran relevancia no panorama cinematográfico internacional, que buscan poñer en valor a excelencia creativa e técnica da industria do cine nos últimos anos. Estas incorporacións enriquecerán unha Sección Oficial Internacional que, coincidindo co 30º aniversario do OUFF, se presenta máis ambiciosa e diversa ca nunca.

O OUFF celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 e está coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.

O festival reafirma a súa vocación internacional tamén co regreso da tradicional Sección Oficial Curtametraxes, que recupera a proxección de obras de produtores de todo o mundo. A programación está organizada en tres bloques de 90 minutos, que inclúen unha mestura de curtametraxes galegas, españolas e internacionais, cunha notable diversidade temática e un especial énfase nas cuestións sociais.

As curtametraxes de produción galega competirán polo premio á Mellor Curtametraxe na sección Panorama Galicia, mentres que as internacionais optarán ao galardón na Sección Oficial Internacional.

O OUFF recibiu máis de 950 curtametraxes para esta edición, con solicitudes procedentes de países como Arxentina, Brasil, Irán, Italia e Francia, ademais de España. A selección final inclúe obras de Irán, Arxentina, Italia, Bulgaria, Alemaña, Brasil, Paraguai, Australia e Francia, entre outras. Entre os traballos destacados están “Land of the Dead Deer”, de Anahita Qarcheh e Soroush Javadzadeh; ou “Donde revientan las luciérnagas”, de Miguel Ángel Papalini.

Contenido patrocinado

stats