O OUFF inclúe dous encontros literarios dentro do programa

FESTIVAL DE CINE

Cineísta Andarengo e Mujeres de Cine presentaranse ao público ourensán no marco do festival

Cartel do OUFF 2025.
Cartel do OUFF 2025. | IAGO CORTÓN.

O Ourense Film Festival reafirma, un ano máis, a súa aposta pola cultura en todas as súas formas. Máis aló das proxeccións, rutas audiovisuais e exposicións, a cita contará tamén cos xa consolidados “Encontros Literarios”. Trátase dunha actividade paralela que celebra a profunda relación entre cinema e literatura. Ensaios, memorias, investigacións e ficcións teñen contribuído a enriquecer a historia cinematográfica, e o OUFF quere ser tamén espazo para a súa difusión e reflexión.

Nesta edición, a número trinta, o festival proporá na súa programación dúas presentacións destacadas que propiciarán o encontro entre público e protagonistas, xerando conversa e debate arredor do audiovisual e da escrita. A actividade conta coa colaboración especial das librarías ourensás Tanco e Eixo, as que se suma este ano a cafetería Ceres 1984.

O cine nas letras

Mañá mércores, día 24 de setembro, terá lugar a primeira das citas propostas polo OUFF. Será a partir das 20,00 horas, na Libraría Tanco. Alí presentarase antes os ourensáns o libro “O Cineísta Andarengo” de Manolo González, activista do cinema e do audiovisual galego dende hai corenta anos. Trátase dunha obra que fai unha viaxe á Galicia dos anos 20 e 30 para narrar a historia de Bernardino de Lamas, pseudónimo do xornalista ferrolán Alfonso Piñón, cineasta afeccionado que filmou preto de trescentas películas coa súa cámara Pathé Baby.

Esta lectura reivindica o cinema amateur como unha expresión de amor pola vida e pola imaxe, afastado da narrativa profesional pero profundamente revelador. Así, pretende ser unha homenaxe aos pioneiros que filmaban por pracer, por costume, por paixón. Unha temática que encaixa perfectamente a unha edición do OUFF na que se pretende dar espazo a todos os amantes do audiovisual.

O segundo destes Encontros Literarios terá lugar o vindeiro sábado, 27 de setembro, ás 12:30 horas, no Ceres 1984. Alí presentarase “Mujeres de Cine”, unha obra de Ruth Gabriel, coa que achega ao público a historia de 30 actrices clásicas do cinema español, nadas entre 1900 e 1965.

A través de relatos inéditos e ilustracións de Vanessa Santos Fraules, o libro rescata figuras como Carmen Sevilla ou Verónica Forqué, revalorizando o seu legado e ofrecendo referentes ás novas xeracións. O prólogo corre a cargo da directora Paula Ortiz. Ruth Gabriel, actriz e escritora, compartirá neste acto a súa experiencia e visión sobre estas mulleres que marcaron época.

O OUFF celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Esta edición, a número 30, vén chea de novidades, entre elas, seccións coma Colleita, Xanela, Agarimo ou Xeración OUFF. n

Contenido patrocinado

stats