O OUFF inicia a rodaxe do seu 30 aniversario

FESTIVAL DE CINE

“Playa de Lobos”, de Javier Veiga, inaugura dez días nos que se poderán ver máis de 80 películas no Ourense Film Festival

Publicado: 26 sep 2025 - 06:00 Actualizado: 27 sep 2025 - 02:22
Alberto González, Óscar Doviso, César Fernández e César Silva, na presentación da programación.
Alberto González, Óscar Doviso, César Fernández e César Silva, na presentación da programación. | MIGUEL ÁNGEL

Chegou a data sinalada. A 30ª edición do Ourense Film Festival bota a andar esta tarde cunha gala de inauguración que promete non deixar indiferente a ninguén. A partir das 20,00 horas, no Auditorio Municipal, o sector audiovisual e os afortunados que conseguiron unha entrada -antes de que quedasen esgotadas- daranse cita para dar o pistoletazo de saída a dez días de cultura. Porque o OUFF pretende sempre ir máis aló das pantallas.

Fotograma "Playa de Lobos".
Fotograma "Playa de Lobos".

“Playa de Lobos”, de Javier Veiga, é o filme elixido inaugurar as 164 proxeccións que ofrecerá o festival na súa programación. Trátase dunha comedia protagonizada por actores como Guillermo Francella, Dani Rovira, Marta Hazas e Antonia San Juan. A trama comeza nun bar de praia cunha discusión entre dous descoñecidos, un turista e un camareiro do local. A película chegará ás salas do país o 5 de decembro, polo que os espectadores do OUFF poderán gozar dela con dous meses de antelación.

Festexar a traxectoria

Antes do visionado desta obra haberá tempo para celebrar os 30 anos de historia, unha cifra que se di rápido, pero non por elo hai que esquecer os esforzos levados a cabo para manter vivo este gran evento. Durante a gala tamén se fará entrega de dous premios cos que o festival pretende render homenaxe a figuras claves do sector.

José Manuel Cancela, compositor de cine e televisión con cinco premios Emmy, será galardoado co Premio Chano Piñeiro. Mentres, a Fundación AISGE concede este ano o seu Premio Honorífico a Charo Pena, actriz e directora de dobraxe que deu voz a lendas como Meryl Streep, Jane Honda ou Susan Sarandon.

Un programa de nivel

A partir do sábado, o Ponte Vella, o Teatro Principal, o Auditorio Municipal, o Cineclube Pai Feijóo e o Centro Cultural Marcos Valcárcel comezarán a acoller proxeccións das máis de 80 títulos que forman parte desta edición. Estreas mundiais, cinema galego de primeiro nivel e películas con toque social son algunhas das propostas que se poderán ver no OUFF este ano.

As entradas xa están dispoñibles na web ataquilla.com, por un prezo de catro euros. Entre as sesións ofertadas figuran tamén as que servirán para proxectar as obras gañadoras das seccións de competición, que se poderán ver o domingo 5 de outubro, día no que o OUFF se despedirá do seu 30 aniversario. “La deuda”, de Daniel Guzmán será a película encargada de por o broche de ouro a esta edición do OUFF.

Contenido patrocinado

stats