O OUFF pecha a súa 30 edición cun 50% máis de público

FESTIVAL DE CINE

Para Óscar Doviso, director artístico do festival, o balance da edición é “extraordinariamente positivo”

prensa DSC8654
prensa DSC8654

O Ourense Film Festival (OUFF) presentou onte o balance do seu trinta aniversario, unha edición marcada pola alta calidade dos filmes seleccionados e pola gran asistencia de público a todas as actividades programadas. No acto, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, estiveron presentes Óscar Doviso, director artístico do festival; Marcos Vázquez, director técnico do OUFF; e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense.

Segundo Doviso, o festival pechou dun xeito “extraordinariamente positivo”. Neste momento, o certame superou as 13.692 persoas asistentes durante os dez días de programación, e, a falta dalgunhas actividades que aínda quedan por celebrar, o director artístico do OUFF afirma que se superarán os 15.000 espectadores, o que supón un incremento do 50% respecto da pasada edición. O festival rexistrou 3.500 espectadores nos filmes das competicións oficiais, 3.800 na exposición Making Movies -que continuará ata o 2 de novembro- e 6.400 nas actividades paralelas.

Doviso celebrou tamén que este ano o público estivo conformado por persoas moi diferentes entre sí, o que lle da pruralidade ao evento: “Puidemos ver xente de idade media e maior, que xa tiñamos asentada, pero tamén moita xente nova.”

A valoración dos filmes presentados polos asistentes foi tamén moi positiva, destacando especialmente a sección Panorama Galicia, que acadou unha media de 4,3 puntos sobre cinco, cun 80% das longametraxes presentadas por riba do 4. “A cidadanía percibiu unha enorme calidade na programación. Estes datos hai que superalos na seguinte edición, e vai ser un reto”, asegurou o director artístico, que insistiu en que “o OUFF debe ser valorado pola cidade e percibido como propio, un acto cultural importante a nivel galego e estatal.”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, desfíxose en eloxios cara á organización do festival, que debutaba nesta edición: “Non era fácil, pero saíu moi ben. Souberon manter a esencia das 29 edicións anteriores introducindo cambios necesarios, porque o OUFF está asentado, pero non é inmóbil”, afirmou. Ademais, anunciou as datas da próxima edición. Celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro de 2026.

Menor subliñou que as salas cheas e a excelente resposta do público son “a mellor proba do éxito do festival”. Ademais, sinalou que o evento tivo un grande impacto económico: “Durante a fin de semana da clausura, as prazas hoteleiras estiveron esgotadas e o resto da semana mantiveron niveis moi altos. O comercio tamén o notou.”

Engadiu, ademais, que nun contexto no que “a cultura pasa un momento complicado en Ourense e hai quen a considera cousa de catro persoas, o OUFF demostrou que a cultura tamén xera retorno e dinamiza a cidade.”

Contenido patrocinado

stats