O OUFF presenta o cartel da súa 30 edición, obra do ourensán Miguel Robledo: "Recolle a esencia de Ourense"

FESTIVAL DE CINE

O artista ourensán amosouse “moi, moi agradecido pola confianza. Estou encantado de participar nesta 30 edición”

Presentación do cartel do OUFF 2025.
Presentación do cartel do OUFF 2025. | IAGO CORTÓN.

Ourense Film Festival xa ten o cartel para o seu 30 aniversario. A imaxe da nova edición do festival, obra do ilustrador ourensán Miguel Robledo, presentouse este martes no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O artista ourensán amosouse “moi, moi agradecido pola confianza. Estou encantado de participar nesta 30 edición”. Sobre o seu deseño especificou que “os pros de contar cun local fan que se poida usar cousas de aquí. Tirei un pouco do tópico da Calpurnia, a primeira habitante rexistrada da cidade, coa súa estética romana, e que tamén é o premio principal do festival. Cun aire surrealista, mesturei a esta Calpurnia, cun proxector, conseguindo esa luz que sae do ollo e que nos serve de guía”.

Cartel do OUFF 2025.
Cartel do OUFF 2025. | IAGO CORTÓN.

A isto hai que sumarlle detalles que fan únicos a este cartel e que o relacionan coa cidade como as pontes, o río, a catedral, ou a máquina do tren. “Engandinlle tamén unha tira que parecen fotogramas, pero que son realmente os soportais da Praza Maior”, confirmou Robledo, certificando que o deste ano é un cartel máis ourensán ca nunca.

Un cartel en movemento, gran novidade desta edición

Óscar Doviso, director artístico do festival, alabou o traballo do autor para logo presentar unha novidade da edición deste ano: a animación do cartel. “Grazas a este movemento conseguimos ver como a través do ollar de Calpurnia se proxecta todo. É un traballo súper potente e que se nota moi traballado e co que estamos moi contentos dende a organización” confirmou.

A animación parte do debuxo de Miguel Robledo e conta coa animación feita por Soraya Picouto, a sonorización de Sebastián Mato, que inclúe elementos como o son dun afiador, do tren, ou o río en movemento, e o novo logo do OUFF, deseñado por Miguelanxo Carvalho.

“O festival ten unha clara liña editorial e a Calpurnia ten que transmitila. Temos que ver o cine, a través dos ollos desta muller, o que nos fará mellores espectadores e mellores persoas. Xusto é ese un dos alicientes do cine, que nos permite poñernos na pel do outro” afirmou Doviso.

O presidente da Deputación, Luis Menor, expresou a súa felicitación a Miguel Robledo polo seu excelente traballo á hora de crear o cartel desta significada edición do festival. Unha creación, dixo, "que recolle a esencia de moitos lugares icónicos da capital, berce dunha cita cinematográfica que este ano, máis ca nunca, aspira a ser o verdadeiro festival de cinema de Galicia. Queremos transmitir que Ourense é cine e levalo por toda a provincia”.

Contenido patrocinado

stats