O OUFF trae de volta as súas mellores películas

FESTIVAL DE CINE DE OURENSE

Na 30 edición, o festival volverá proxectar filmes premiados coa Calpurnia. “Haberá quen queira volver a títulos que lles marcaron e quen descubra por primeira vez estas obras”, apunta o programador

Fotograma de “Mug”, primeiro filme de orixe polaca en facerse coa Calpurnia, en 2018.
Fotograma de “Mug”, primeiro filme de orixe polaca en facerse coa Calpurnia, en 2018.

O Ourense Film Festival (OUFF) celebra este ano a súa 30 aniversario. Para festexar a súa traxectoria renderá homenaxe aos traballos premiados coa Calpurnia á mellor película ao longo destas tres décadas de historia co ciclo “Xeración OUFF”. Desta forma, regresarán a Ourense títulos como: “Tren de sombras”, de José Luis Guerín, a primeira longametraxe en recibir o premio Calpurnia á mellor película, en 1997, “Vidas cruzadas” (The Station Agent), o primeiro traballo do laureado director Tom McCarthy, que foi premiado en Ourense en 2003 ou “Mug”, de Małgorzata Szumowska, o primeiro filme de orixe polaca en facerse coa Calpurnia, en 2018.

Mais aló de conmemorar a 30 edición, este ciclo chega “para reivindicar grandes títulos, que en moitos casos iniciaron o seu percorrido aquí, e para celebrar unhas Calpurnias inesquecibles”. “Haberá quen queira volver a títulos que lles marcaron e quen descubra por primeira vez estas obras de Guerín, McCarthy ou Szumowska, que son xa parte da nosa propia identidade como festival”, apunta o programador, Alberto González Araujo.

Para Araujo este é o seu quinto OUFF, despois de colaborar nas edicións de 2015, 2018, 2019 e 2020. Da súa selección xurdiron, por exemplo, títulos como The Bra, Parásitos, Cachada, Verano del 85 ou a mencionada Mug, que se proxectará de novo na 30 edición do festival.

O OUFF celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Entre outras novidades, presenta unha directiva renovada, contará cun protocolo de contorna segura e acollerá unha residencia audiovisual para novos cineastas, Faíscas.

Contenido patrocinado

stats