Ourense, un Campus con iniciativas que causan impacto no mercado
A UVigo financia en Ourense seis proxectos de I+D con potencial de explotación, co fin de fomentar a valorización e transferencia de coñecemento xerado polos investigadores da institución.
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, puxo en marcha este ano un programa que aposta por transformar o coñecemento xerado polo seu persoal investigador en produtos e servizos con valor no mercado. A súa primeira acción foi unha convocatoria de axudas a iniciativas con este obxectivo que ven de ser resolta. Seis proxectos acadaron financiamento ao seu abeiro para desenvolverse nos vindeiros meses.
As iniciativas pertencen maioritariamente ao eido científico e tecnolóxico e están lideradas por persoal investigador de grupos de investigación do Campus Auga e procedentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e das facultades de Ciencias e de Ciencias Empresariais e Turismo.
Variedade de temáticas
Un dos proxectos beneficiarios céntrase na demostración da eficacia en campo da planta “solanum sisymbriifolium” -comúnmente coñecida como revientacaballos- para a eliminación de quistes do nematodo da pataca. Liderado por Antía Gómez, o seu obxectivo é evitar un uso excesivo de nematicidas químicos nos terreos ofrecendo unha alternativa sostible. “A nivel económico, a estratexia proposta constitúe unha práctica agrícola altamente prometedora, tanto polo seu baixo custe de implantación como polo aforro significativo grazas á redución de nematicidas de síntese química”, sinala a investigadora.
Helena Raquel dos Santos é a investigadora que lidera tamén un dos proxectos elixidos, que se centra en novas fontes de proteína a partir de insectos mediante tecnoloxías de baixo impacto ambiental. Esta proposta estuda o potencial de transferencia dunha tecnoloxía desenvolta no proxecto Inprosect-Incremento do valor das fariñas de insectos nun contexto de bioeconomía circular. “Os resultados non só impulsan o uso de insectos en alimentación, senón que tamén abren novas oportunidades para a bioeconomía e a economía circular”, apunta a súa responsable.
Outro dos traballos financiados, a cargo da investigadora Ana María Torrado, ten que ver coa validación do proceso a escala piloto de obtención enzimática de xilooligosacáridos prebióticos (XOS) a partir de palla de trigo e avaliación nun alimento real. O seu obxectivo é o deseño dun proceso alternativo aos habitualmente empregados para a produción de oligosacárido -un carbohidrato complexo-.
Pola súa banda, Gonzalo Astray desenvolverá a iniciativa “Intelixencia solar en Galicia: modelos de aprendizaxe automática para a irradiación solar global mensual. Inicio do camiño cara unha transferencia tecnolóxica”. “Este proxecto baséase no desenvolvemento dunha ferramenta de aprendizaxe automática capaz de xerar predicións máis ou menos precisas da irradiación solar global mensual na comunidade autónoma de Galicia”, sinala o investigador. Permitiría “empoderar aos usuarios ao ter acceso a información preditiva útil que os axudará á hora de tomar decisións como a localización máis axeitada das instalacións solares, planificar as actividades agrícolas ou xestionar o consumo de enerxía con vistas o futuro”.
Tamén se financiará un traballo sobre o desenvolvemento e promoción de Fortran Analyser, a cargo de Laura de la Torre. FortranAnalyser é un software libre que leva a cabo análise estática de código Fortran, axudando a mellorar a calidade e mantemento dos proxectos deste software. “A proposta permitirá mellorar a súa implantación nas contornas empresariais e académica para posteriormente ofrecela e comercializala como un servizo de software como servizo”, apunta a súa responsable.
Fóra do eido científico-tecnolóxico completa a listaxe un traballo de análise da viabilidade operativa e comercial da ferramenta Renturs, de Diego Rodríguez. “Presenta unha innovación metodolóxica no eido da avaliación de proxectos turísticos, ao ser a primeira ferramenta baseada en análise custo-beneficio adaptada especificamente para cuantificar o impacto social en contextos turísticos”, explica o responsable da iniciativa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CATEDRAL DE SANTIAGO
Un centenar de internos de San Rosendo recorren la Vía de la Plata
OFRENDA DE LAS MADRES
Una tradición ourensana que no deja de crecer en Fátima
PRESUPUESTOS MUNICIPALES
El PSOE llama “titiritada” a las cuentas de Jácome
Lo último