Ourense reivindícase como o principal refuxio e fortín da lingua galega
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
O galego retrocede en Galicia, pero o seu uso repunta na cidade de Ourense. O 60% dos fogares da provincia de Ourense manteñen a transmisión do idioma de pais a fillos, nun contexto de perda de galegofalantes.
Nun contexto no que o castelán xa é a lingua maioritaria no conxunto de Galicia, Ourense resiste como un dos principais baluartes do galego. Xunto con Lugo é a provincia onde máis da metade da poboación segue a ser galegofalante, concretamente un 54,2%. Así o reflicten os datos recollidos pola Enquisa Estrutural de Fogares publicada en 2024 (on datos a peche de 2023). Esta casuística coincide coas zonas da comunidade nas que se concentra unha poboación máis envellecida, como salienta Ana María Iglesias, doutora en Lingüística e membro do Instituto de Investigación LINGUA, quen sinala que a idade sempre foi un factor moi influente. “A idade e o tipo de hábitat son as dúas variables que máis inflúen”, subliña.
A lingua galega emprégase en menor medida na contorna urbana. Porén, a cidade das Burgas, onde o castelán é maioritario, como no resto de urbes, presenta un dato relevante. Malia non ser onde máis se fala galego, é a única cidade onde medra o seu uso no último lustro -medra, pero de forma case imperceptible en Santiago e Pontevedra, mentres cae no resto de espazos urbanos- pasando dun 33,5% de uso no 2018 a un 37,9% no 2023.
A clave da transmisión
Para que o idioma logre sobrevivir a transmisión do idioma aos máis cativos é esencial. A lingüísta Ana María Iglesias considera que é necesario que o galego estea “presente en tódolos ámbitos”, máis aló da educación. “As aulas non deixan de ser obrigatorias, e están vinculadas con exames”, analiza Iglesias. Neste sentido, o idioma no que se comunican os proxenitores cos seus descendentes gaña moito peso a hora de gañar galegofalantes. A provincia de Ourense aproba, en certa medida, neste eido. Un 37,6% dos pais e nais falan sempre en galego aos fillos, e un 21,7% fano máis en galego que en castelán. A suma destas dúas cifras indica que case un 60% das familias ourensás apostan polo galego como lingua no fogar.
Os datos debuxan un escenario onde o galego sobrevive con forza no eido familiar en Ouernse en comparación coas provincias atlánticas -Lugo gaña por goleada como provincia máis galegofalante-. Pese a que existen certos datos positivos, non se debe esquecer que a situación da lingua é fráxil e, por vez primeira, o castelán xa é lingua maioritaria no conxunto da poboación galega e está a piques de selo tamén en Ourense.
Música e deporte, aliados para a lingua
Os datos do IGE sobre o uso do galego, que sitúan por primeira vez o castelán como lingua maioritaria, acenderon as alarmas na sociedade. A doutora en Lingüística Ana Iglesias considera que a gravidade da situación non reside unicamente na barreira simbólica de baixar do 50% de falantes. “O motivo da alarma non é só iso, senón que nestes últimos cinco anos hai un pico de caída”, sinala. Ante esta realidade, a experta advirte dunha necesidade urxente de actuación. “Algo hai que cambiar, porque se non, vai seguir igual”, considera.
Non obstante, Iglesias atopa “motivos para a esperanza” nos novos movementos culturais que conectan directamente coa xuventude, especialmente nas cidades, que é onde o número de galegofalantes soe ser menor. Destaca o impacto da música urbana, un movemento que está sendo “moi importante, porque vai dirixido á xente máis nova”. Valora, ademáis, que as cancións que están xurdindo, potencian o sentimento de identidade coas súas letras. “Non é unha música calquera feita en galego, é unha música na que a lingua en si mesma ten unha importancia e un valor”, apunta.
A lingüísta pon en valor o caso do Celta de Vigo, que apostou por priorizar o galego na súa comunicación. “O feito de que o Celta considere que a lingua vai servir de reclamo é moi indicativo de que realmente lles está funcionando, porque ao final eles teñen uns intereses, lóxicamente, comerciais”, analiza.
Tanto a música como o deporte están a promover a aparición de referentes galegos para os máis pequenos, algo que faltaba e que a lingüísta considera “moi importante”. “Que vexan que xogadores como Hugo Álvarez falan en galego logo dos partidos é positivo para o idioma”, asegura.
Con todo, demanda unha transformación estrutural, lamentando que as institucións sigan instaladas nun “discurso falaz que fala da imposición do galego, cando o galego está en desigualdade social”. Sinala tamén as carencias do sistema de ensino, xa que “desde o decreto que temos vixente, o que temos é o trato igualitario de galego e castelán no ensino, cando o galego necesita un trato compensatorio”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PROYECTO INTERNACIONAL
Los embalses de Ourense se reformulan como recurso turístico
TALENTO Y DEDICACIÓN
La UVigo celebra 30 años de “impecable” labor del Consello Social
Lo último
DENOMINACIÓN DE ORIGEN
Los vinos ourensanos siguen sumando medallas
PROYECCIONES DE POBLACIÓN
Un cuarto de la población de Ourense será extranjera en el 2041
PROGRAMACIÓN CULTURAL
Parada de Sil acoge el día 27 el décimo certamen de corales