O Principal acolle a estrea mundial de “Nas Nubes”, de Redrum Teatro

ALEX SAMPAYO

A obra combina propón unha mirada crítica e divertida sobre o impacto da tecnoloxía na vida

Presentación da obra.
Presentación da obra. | Miguel Ángel

O Teatro Principal de Ourense acollerá hoxe, 15 de novembro, a estrea mundial de “Nas Nubes”, o novo espectáculo da compañía Redrum Teatro, dirixido por Alex Sampayo e interpretado por Julio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo. A obra, que combina humor, surrealismo e reflexión filosófica, propón unha mirada crítica e divertida sobre o impacto da tecnoloxía nas nosas vidas e na construción da identidade.

Ambientada nun futuro non tan afastado, “Nas Nubes” sitúa o público nun museo de “reliquias predixitais” guiado por Nexus e Rino, dous personaxes que acompañan aos visitantes nun percorrido tan cómico como inquietante. O que comeza como unha sátira sobre o presente acaba converténdose nunha fábula contemporánea sobre a memoria, a realidade e o que significa ser humano, cando unhas misteriosas bolboretas que xorden dun bonsai comezan a recordar que poderían ter sido algo máis.

O espectáculo está integrado no proxecto plurianual polo que a compañía compostelá obtivo unhas das axudas da Xunta á creación escénica. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, explicou na presentación que Redrum conta cunha subvención de 100.000 euros como unha das tres compañías seleccionadas na modalidade destinada a garantir a continuidade dos seus equipos e proxectos no trienio 2025-2027. “No caso de Redrum, este apoio tradúcese na produción tanto de Nas nubes como de Caídas, dúas propostas que amosan o compromiso da compañía coa creación contemporánea e co diálogo entre o teatro e as novas realidades sociais”, indicou.

Pola súa parte, o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, expresou que esta obra “ten un claro aroma a dúbida cartesiana de Descartes, sendo unha dicotomía que ten dado grandes éxitos como foi Matrix” e animou o público ourensán a non perderse este espectáculo. As entradas estarán dispoñibles a través da web de ataquilla ou na billeteira do Teatro Principal dúas horas antes do espectáculo. Tamén poderá verse o vindeiro día 28 na Laracha e, tamén dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o 4 de decembro no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.

Contenido patrocinado

stats