Queres que che cante unha copla?
BENVIDA Á PRIMAVERA
O casco vello da cidade celebrou onte a súa Festa dos Maios para dar a benvida á primavera; un total de 61 participantes expuxeron as súas construcións ao ritmo das burlas e críticas feitas con moito enxeño e cantadas tanto por pequenos coma maiores.
O mal tempo deu unha tregua na mañá do domingo, para que centos de ourensáns puidesen desfrutar un ano máis da Festa dos Maios. As rúas do casco vello da cidade enchéronse de persoas que acudiron relixiosamente ata a Praza Maior e a de Santa Eufemia -ubicación obrigada pola previsión de choiva- para descubrir as creacións que asociacións, colexios e grupos de amigos fixeron este ano.
Houbo máis de medio centenar de maios -concretamente 61 participantes-. Os máis tradicionais -con forma de pirámide- foron os máis abundantes, aínda que dentro das pautas marcadas cada un puido desenvolver a súa creatividade, para deixar un selo persoal na súa construción. Foi o caso de Amigos do Patrimonio de Toén, que participaron por primeira vez no concurso “para recadar algo de cartos”. “Fixemos a nosa propia interpretación da pirámide, rematada cunha cruz e engadindo moitas flores”, explicaron.
Con todo, os maios artísticos roubaron a atención da maior parte dos asistentes. Os veciños de San Martiño-Sobral elaboraron unha representación da matanza do porco, na que non faltaba detalle. “Mira o porco ten tripas”, apuntaban os que pasaban por diante deste maio, no que tamén podía verse pan dentro dun forno, chourizos colgados e un anfare -fornelo de barro- do que saía fume. Destacou tamén o maio da Asociación Cultural Os Lolailos, que fixeron unha réplica da fonte da Praza do Ferro. “Sempre eliximos cousas que representen a cidade ou a tradición”, explicaba Jacobo, un dos representantes, que aseguraba que comezaron os traballos “nada máis rematar o entroido”. As miradas tamén repararon no maio de Óscar López no que se podía ver a unha pulpeira e a varias personaxes sentadas ás mesas.
Ao ritmo da música tradicional, os asistentes viviron unha xornada de celebración que comezou ás 11,00 horas e se prolongou ata última hora da tarde co concerto de Xabier Díaz. “Queres unha copla?” foi a frase máis repetida ao longo do día. Pequenos e maiores non pararon de vender exemplares das súas composicións, aínda que houbo algunhas persoas reticentes a mercalas.
Como é costume, as letras recollían unha combinación de crítica e burla de cousas que foron acontecendo ao longo do ano. Neste senso, un ano máis o gran protagonista das coplas foi o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome. “Sáelle de balde, Jácome non paga nin as multas do coche cando vai de escapada/ cando vai de escapada a Ponte non pisa o barrio abandonado está todo que da risa”, dicía unha das moitas composicións que se escoitaron onte.
Os maios celebraronse un ano máis por todo o alto, demostrando que hai canteira de rapaces e moitas ganas de que esta tradición continúe viva. Porén, houbo que lamentar certo malestar. Como denuncia o partido nacionalista, houbo incerteza ata o propio domingo sobre a ubicación definitiva e a localización onde debían situarse cada un dos maios. Ademais, os participantes sinalaron que non puideron defender ben as súas coplas. “O xurado só nos deixa cantar as tres primeiras estrofas”, comentaban.
Os temas das coplas: A situación das termas, a Praza de Abastos ou os aranceis de Trump
Os participantes na Festa dos Maios aproveitaron as súas coplas para lembrar temas locais e internacionais que non pasaron desapercibidos ao longo do ano. Así, ademais de facer referencias ao alcalde e algún dos seus concelleiros, os veciños de Ourense aproveitaron a ocasión para insistir na apertura das termas. “Con moita devoción no tempo de lecer oramos e pregamos por as termas encher” ou “Nas termas das Burgas, un pracer sensual podes desfrutar de auga virtual/ de auga virtual, termalismo seco en todo o planeta falan deste invento”. Tamén se falou da Praza de Abastos e a teima por desprezar a cultura. “Coa praza de abastos que vai rematar coma o Museo sendo outro bar”. Ata Donald Trump foi mencionado nas coplas dalgúns ourensáns.“Vaia personaxe como o americano cos seus aranceis fixo un bo amago”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar