COCINA TRADICIONAL
La buena cocina casera siguiendo recetas tradicionales en Casa Testa
HISTORIA E ELABORACIÓN
“Ahi ven o maio/De frores cuberto/Puxéronse a porta/Cantándome os nenos…” (transcrición literal). Quen non coñece, alomenos, estas estrofas? Son o comezo do popular poema que o célebre Manuel Curros Enríquez compuxo en 1880, formando parte do poemario “Aires da miña terra”, e que Luis Emilio Batallán lle deu un novo pulo cando o musicou no 1975. Bodas de Ouro neste 2025 para un tema que se acabou convertindo nun emblema deste mes de maio, e tamén dunha das celebracións máis senlleiras e máis fermosas que temos: a Festa dos Maios. Aínda que a súa orixe nos leva moito máis atrás no tempo de devantitos anos: ás civilizacións prerromanas, cando naceu como un rito pagán de agradecemento que garda moita relación coa agricultura, coa fertilidade da terra e a renovación da natureza. Os maios son un canto á primavera. Unha data que é xusto a oposta á dos defuntos.
Nesta exaltación do mes de maio, o punto de inicio pode sinalarse na tardiña do día 30, cando a tradición fala de recoller xesta en flor -amarela ou branca- para colocala nesa noitiña nas portas e no parabrisas e lúas traseiras dos coches (no seu tempo era nos carros), co fin de atraer e agradecer á nai natureza a fecundidade e a bonanza da colleita agraria, ademais de espantar aos malos espíritus. Unha tradición moi extendida na provincia de Pontevedra e que cada vez gaña máis terreo na nosa provincia.
A Festa dos Maios en si mesma exténdese a diferentes recunchos de Ourense como Verín, Allariz, O Barco ou Ramirás, -e tamén na provincia de Pontevedra está especialmente asentada-, pero é na mesma cidade das Burgas onde a tradición se celebra dun xeito moi especial. Máis alá de que fose declarada Festa de Interese Turístico en Galicia (2001), esta senlleira xornada é (e será) recordada por moitos, con certa morriña e nostalxia, por acudir cos pais e avós a ver esas construcións recubertas de musgos, bugallos, flores… e a escoitar as coplas nunha xornada do máis familiar que fai aflorar recordos. Incluso entrañables lebranzas de cando participaban facendo o seu propio maio e compoñendo as imprescindibles estrofas nas que, con certa retranca, se lle da unha volta á actualidade.
A celebración dos maios comezou con connotacións totémicas á divinidade primaveral ou das árbores. Co tempo, esta connotación foise perdendo e converténdose nunha festa que nos leva ás civilizacións de fenicios e gregos, quenes manifestaban a súa adoración aos deuses con festas motivadas polo decorrer do tempo. Así, a festa “maiumea” fenicia exaltaba a chegada da primavera. Os romanos tamén iniciaron esta tradición da festa “maiumea” na honra da chegada da primavera. E, como en cada poboado romano tiñan deuses propios, en Hispania adorábase á deusa da fertilidade, Maia, ou Fauna, na mitoloxía romana.
Se recorremos a datos documentados, o diccionario de Pascual Madoz, que recollía o censo de toda España, así como datos económicos, de cultura, natureza, patrimonio e festexos, entre outros sectores, falaba no ano 1849 de que as principais festas da provincia de Ourense eran os Maios e o Entroido. Aínda que a tradición xa viñese de moito antes.
Escritores como Vicente Risco, Xaquín Lorenzo Xocas, López Cuevillas, Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo ou o mesmo Curros Enríquez son algúns dos nosos grandes literatos que fixeron unha mención especial a esta festa do rexurdir da natureza na súa plenitude, recollendo e estudando a Festa dos Maios.
Máis alá de Ourense e Pontevedra, en moitos sitios de Galicia perdeuse esta tradición, e incluso a cidade de Ourense pasou polos seus “séculos escuros”, cando a finais do século XIX estaba practicamente desaparecida. Gracias ao “Tío Marcos da Portela” e Prado Lameiro, que promoveron que houbese un concurso para incentivar a participación, foise recuperando e pode dicirse que goza dun novo rexurdir.
A iconografía dos maios recoñécese pola realización dunha estrutura base, non moi pesada e ríxida, que soe ser de forma cónica ou piramidal (Maio enxebre) que se fai con madeira e arame como principais elementos base. Coroando, soe colocarse unha cruz, símbolo da cristianización. Sobre tea de saco, vaise cosendo de xeito totalmente artesán elementos naturais como musgo, carrabouxos, xestas amarelas e brancas, fiunchos, hedras, laranxas… Os pés do maio cúbrense con ramilletes de flores, xestas ou carpazas. Ademais, a estrutura disponse sobre unha base que permita transportalo.
Os maios tamén foron evolucionando e, a esta construción tradicional, sumáronselle outras figuras propias da iconografía galega: cruceiros, pontes, lavadoiros… e incluso recreacións de espazos e actividades, así como de figuras humáns e animais. Son os chamados Maios artísticos.
Tamén existe a categoría de Maio creativo, a representación dos maios máis enxebres, podendo empregar calquera técnica ou material, e o Maio infantil, realizado por nenos e nenas menores de 18 anos.
Antigamente, cada barrio facía o seu propio maio. A día de hoxe son as asociacións (na portada o Maio de Amencer) dalgúns barrios e diferentes localidades, grupos de amigos ou os centros de ensino, entre outros, os encargados de facer o seu maio máis “feitiño” para sorprender á multitude de visitantes que nesa xornada se congrega na cidade.
Os “maios” ou “maias” eran nenos que, según saían da escola cubríanse con xestas, ramas, flores e outros elementos da natureza converténdose en maios humáns que ían “pedir o maio”. Cantaban coplas diante das casas e soían dárselle castañas secas (maiolas), noces, avelás… e, co tempo, cartos. Unhas cantigas que eran as mesmas ano tras ano, pero que o tempo modificou ata ir incorporando composicións novas en cada edición da festa, e nas que se van lembrando os diferentes acontecementos ocorridos durante os últimos meses, tanto na vida política como na social, ou referentes á actualidade da contorna. Son as que agora coñecemos como coplas.
O canto das coplas acompaña ás creacións dos maios e agora soen imprimirse en octavillas que se venden ao público co fin de obter un aguinaldo destinado a diferentes fins. A tradición manda que sexan estrofas de catro versos que normalmente replican a melodía tradicional, específica desta celebración. Riman segundo con cuarto, e o primeiro verso de cada estrofa recolle o final do anterior. Todas as coplas deben comezar saudando ao maio e acaban coa despedida. Cada ano modifícase a súa temática para así achegarse á actualidade non exenta da retranca galega. Hai que ter en conta que, durante anos, estas coplas tiñan que pasar pola vara de medir da censura. E, se escapaban á mesma, as coplas eran raiadas ou modificadas por riba debido a que a autoridade de turno non as consideraba apropiadas. Con todo, segundo os estudosos, durante o Franquismo, se había algo que estaba permitido dicir, iso podía facerse nas coplas dos maios, xa que “eran cousas de nenos”.
Pero pase o tempo que pase, hai algo que non cambia. A ledicia que se vive nesta xornada. Chova ou faga sol. A música invade os recunchos. As coplas entonadas con orgullo gañan ás tebras. É un canto á natureza máis pura. Un agradecemento a todo o que nos dá.
Hoxe é día de saír a rúa, deixarse levar, deterse en cada detalle dos maios, escoitar aos autores, buscar o dobre sentido das coplas, facer as nosas propias apostas a maio gañador… e axudar a que esta festa da nosa senlleira e anterga cultura non se perda. Xa chegou o maio!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
COCINA TRADICIONAL
La buena cocina casera siguiendo recetas tradicionales en Casa Testa
DEDICACIÓN E APLICACIÓN
A Orquestra do Conservatorio, finalista nacional, da man de Raquel Carrera Álvarez
Lo último