Sanidade carga contra o novo Estatuto Marco, “unha provocación” ás portas da folga indefinida dos facultativos

PALABRAS DE GÓMEZ CAAMAÑO

Antonio Gómez Caamaño responsabiliza ao Goberno de España das consecuencias da futura mobilización médica e asegura que a reforma “só ten traído problemas”

El conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en un pleno.
El conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en un pleno. | Archivo

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, criticou duramente a aprobación, por parte do Consello de Ministros, do proxecto de Lei de Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. O responsable da sanidade galega considera que levar adiante a norma neste momento, ás portas dunha folga indefinida do persoal facultativo en todo o país, supón “unha provocación” e cuestiona que o texto poida avanzar sen contar co respaldo dos profesionais médicos.

É un novo paso cara atrás”, afirmou Gómez Caamaño, que censurou especialmente o momento elixido polo Goberno para aprobar o proxecto de lei. Na súa opinión, presentar o texto ante a proximidade dunha mobilización indefinida dos facultativos “non ten moito sentido” e evidencia a falta de acordo coa profesión médica.

“Non hai medicina se non hai médicos”

O conselleiro insistiu en que a reforma non conta coa aprobación dos facultativos e reivindicou o papel dos profesionais no funcionamento do sistema sanitario. “Non hai medicina se non hai médicos, isto é unha realidade”, sinalou.

Gómez Caamaño tamén cuestionou a documentación que acompaña ao proxecto de Estatuto Marco. Segundo denunciou, trátase dun texto que “non ten unha memoria nin técnica, nin económica, nin xurídica” e que, ao seu xuízo, “só ten traído problemas”.

As críticas do conselleiro prodúcense nun contexto de crecente tensión entre o Ministerio de Sanidade e as organizacións que representan aos facultativos, que preparan unha folga indefinida para reclamar cambios nas condicións profesionais e no novo Estatuto Marco.

Máis de 300.000 actos asistenciais afectados en Galicia

O titular de Sanidade da Xunta puxo tamén o foco no impacto que as mobilizacións xa tiveron en Galicia. Segundo os datos manexados pola Consellería, as diferentes xornadas de folga acumuladas supuxeron máis de 300.000 actos asistenciais afectados.

Gómez Caamaño advertiu de que unha nova mobilización, desta vez de carácter indefinido, pode agravar aínda máis a situación da sanidade galega, especialmente no relativo ás listas de espera. “Unha folga que vai aumentar todavía máis as listas de espera”, afirmou, antes de criticar a actuación da ministra de Sanidade, á que acusou de limitarse a dar “unha patada adiante” ao problema.

Na súa opinión, o Ministerio estaría trasladando a responsabilidade sobre o conflito ao Executivo central no seu conxunto e, en última instancia, ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez. O conselleiro considera que a aprobación do proxecto de lei fai que o Goberno de España sexa o principal responsable das consecuencias que poida ter a mobilización dos facultativos. “Transfire a súa responsabilidade neste tema, neste problema, ao Goberno de España, neste caso ao seu presidente, Pedro Sánchez”, afirmou en referencia á ministra de Sanidade.

Contenido patrocinado

stats