A Universidade de Vigo mostra o seu compromiso coa divulgación científica
QUERO SER INVESTIGADORA
A Universidade de Vigo volve deixar constancia do seu compromiso co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, coa quinta edición do catálogo “Quero ser investigadora”, co que pretenden visibilizar as historias de profesionais da institución
“Quero ser investigadora” é o título do libro publicado pola Universidade de Vigo no seu compromiso coa divulgación científica e co obxectivo fomentar as vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas.
Trátase da quinta edición desta publicación que forma parte das actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) dentro do programa de Ciencia de Ida e Volta, que conta co financiamento da FECYT -Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidad-.
Neste exemplar dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a astrofísica, a economía, a comunicación, o dereito ou a nanotecnoloxía. “Os camiños que seguen estas mulleres son múltiples e amosan que non hai unha única maneira de chegar á investigación, senón que cada traxectoria está atravesada por decisións persoais, curiosidades, obstáculos superados e paixón polo coñecemento”, subliñan dende a UCC+i.
Historias reais
Entre as protagonistas desas historias está Julia Carballo, profesora de Microbioloxía na Facultade de Ciencia do Campus de Ourense. “Eu realmente non teño o recordo de soñar con querer ser científica”, recoñece e indica que foi “o que me foi pasando na vida” o que a trouxo ata o lugar no que está hoxe. “O que sí recordo é que lía moito e gustábame observar todo o que me rodeaba”, apunta como factores tamén esenciais no seu camiño ata ser investigadora.
Pola súa banda, Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense -onde imparte clases da área da Didáctica da Lingua e da Literatura-, formou parte desta iniciativa o ano pasado. Ao igual que a súa compañeira, gustáballe moito ler e tamén escoitar á xente maior. “Todo que caía nas miñas mans, para min era fundamental lelo”, asegura, “pero había tamén auténticos sabios do que era a oralidade”. Foi entón cando comezou a súa inquedanza pola linguaxe.
Crear vocacións
A infancia destas dúas investigadoras desenvolveuse no rural galego, un feito que as marcou e do que presumen con orgullo. “Valoro moitísimo terme criado nun medio rural, porque aprendí unha cantidade de cousas impresionante que, por exemplo, as miñas fillas que naceron e se criaron na cidade non coñecen”, celebra Carballo. “Implica unha forma de ver a vida que creo que foi un privilexio”, engade Mociño.
A decana da Facultade de Educación e Traballo Social conta na súa historia que as súas referentes foron profesoras que a animaron e acompañaron no seu camiño, neste sentido resalta que “a perspectiva de ter referentes é prioritario”. “Ao final, aspiramos e soñamos con aquilo que coñecemos”, explica Mociño, que engade “os referentes para min teñen que ser elementos a coidar porque están marcando e condicionando a vida de moitas persoas”.
Unha dos aspectos fundamentais do catálogo “Quero ser investigadora” é que as mulleres que aparecen nel poidan converterse en referentes para os máis pequenos. As historias pretenden facer ver que se pode conseguir o que unha queira e co que unha soña. “Visibilizar o traballo que se fai, crear eses referentes e promover o coñecemento entre adolescentes ten que ser unha prioridade”, Isabel Mociño.
Nesta liña, Julia Carballo leva anos organizando no Campus, xunto a outras compañeiras, o “eXXperimenta en feminino”. Trátase dunha xornada que ten por obxectivo visibilizar á muller na ciencia. “A idea é promover, atraer a calquera, pero especialmente as nenas, ás carreiras máis técnicas”, explica. Nesta liña manda unha mensaxe a todos aqueles que están pendentes nestes días de entrar ou non a carreira: “Que non se preocupe moito, porque a ciencia é absolutamente transversal”.
Achegar a universidade
Este novo catálogo, así como o anterior no que participou Isabel, está dispoñible en centros de ensino de primaria e secundaria de toda Galicia. De feito acompáñase dunha guía didáctica e contidos gamificados para empregar nas aulas. A Unidade de Cultura Científica da UVigo fai un esforzo para buscar ese tipo de ligazón, de diálogo con outros niveis de ensino. “A relación universidade-sociedade é fundamental entre os distintos niveis de ensino é ten que ser prioritaria”, insiste Isabel Mociño.
Unha das novidades máis destacadas desta edición é a incorporación dun audiolibro, no que son as propias protagonistas as que dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Neste mesmo espírito, incorpórase unha versión de lectura fácil que adapta os contidos con linguaxe clara e frases sinxelas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PÓLVORA Y ROSQUILLAS
Galería | Las Madamitas y el buen tiempo conquistan San Lázaro
BAJADA DE LOS PRECIOS
Las gasolineras de Ourense recuperan clientes tras la rebaja del combustible
Lo último