A UVigo propón un obradoiro para resolución de problemas

Desing thinking

Un grupo de persoas migrantes poderán aprender a aplicar a metodoloxía Design Thinking

Joseba Delgado, investigador da UVigo, e Natividad Álvarez, responsable provincial de Cruz Vermella.
Joseba Delgado, investigador da UVigo, e Natividad Álvarez, responsable provincial de Cruz Vermella. | Iago Cortón

Hoxe, 21 de abril, celébrase o Día Mundial da Creatividade e da Innovación. Con este motivo, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo ten organizados unha serie de obradoiros, enmarcados dentro do Plan de Ciencia de Ida e Volta, unha iniciativa da UCC+i que conta co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Estas actividades desenvolveranse ao longo dos vindeiros días e estarán dirixidas a distintos públicos, co obxectivo de visibilizar a conexión entre creatividade, innovación e divulgación científica. Neste senso, dentro do programa, o xoves 24 está previsto un obradoiro nas oficinas de Cruz Vermella en Ourense, dirixido a persoas migrantes. Este taller busca mellorar a capacidade das persoas participantes para identificar e resolver problemas cotiáns, a través da metodoloxía Design Thinking, que segue un proceso estruturado con fases como empatizar, definir, idear e prototipar.

Estratexia innovadora

“Trátase dunha metodoloxía innovadora que parte dun problema, ven sexa persoal, social ou de calquera tipo, e a partir de aí pasa por distintas fases para tratar de resolvelo a través de estratexias creativas”, explica o conductor da actividade, Joseba Delgado-Parada, investigador predoutoral FPU do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da Facultade de Educación Social e Traballo Social da UVigo.

Neste senso, utilizaranse distintas ferramentas como vídeos animados -para favorecer a identificación emocional-, técnicas como o brainstorming, así como outros métodos visuais para representar solucións. “Proponse un proceso sistematizado en cinco fases, pero a partir delas a experiencia de cada persoa e como as aplica as súas cuestións varia totalmente”, asegura Delgado facendo referencia a que cada participante obtén unha solución única e personalizada. Porén, por moito que cada un aplicará as ferramentas como considere o interesante desta actividade tamén está en facela en grupo, para que entre varias persoas se poidan axudar.

Bo resultado

Será a primeira vez que esta actividade este enmarcada dentro do Plan de Ciencia de Ida e Volta, sen embargo, Delgado leva xa un tempo desenvolvendo estes talleres da man de Cruz Vermella. “Hai catro anos fixen prácticas nesta institución e foi entón cando empezamos a ver que esta metodoloxía podía ser de utilidade na área de migración”, apunta o investigador. Dende entón organizan grupos varias veces ao ano para poder ofrecerlles a posibilidade de descubrir como esta metodoloxía lles pode axudar no seu día a día. “As situacións que traballamos poden ir dende problemas cos compañeiros de piso, ata temas burocráticos ou laborais”, explica Delgado.

“Nos intentamos ofrecerlles ás persoas que chegan todas as oportunidades posibles”, asegura Natividad Álvarez, responsable provincial de Cruz Vermella en Ourense, que recoñece que o contexto de cada persoa é relevante e inflúe, porén insiste en que “o bo desta metodoloxía é que se pode adaptar a calquera caso”.

Neste senso, normalmente estes talleres desenvólvense ao logo dunhas tres semanas en varias sesións. “O tempo de cada xornada está delimitado, pero sempre deixamos unha marxe porque ao tratarse dunha metodoloxía práctica non hai que cortar de xeito repentino”, apunta Delgado. Así, este investigador pode asegurar que as persoas que teñen participado “sentense moi apoiadas”. Con todo, o Design Thinking non ven para substituír a ningunha outra metodoloxía, senón que o que pretenden é que sexa complementario.

Un podcast recollerá varias experiencias coa metodoloxía Design Thinking

Dentro das actividades que organiza a UVigo con motivo do Día Mundial da Creatividade e da Innovación, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación lanzará unha serie de cinco episodios en formato pódcast, protagonizados por participantes deste programa formativo.

Neles recóllense historias persoais que amosan como a metodoloxía Design Thinking contribuíu na súa toma de decisións diaria. “En cada episodio abordaremos unha historia persoal, de xeito que o pódcast conforme un repositorio para outras persoas migrantes en situación de vulnerabilidade”, explican desde a organización.

Así, dende a UCC+i destacan que “a colaboración entre a Universidade de Vigo e Cruz Vermella fai posible a transferencia de coñecemento e metodoloxías innovadoras a contextos reais, contribuíndo así a crear pontes entre o ámbito académico e as necesidades da cidadanía”.

Outras actividades

Por outra banda, dentro da programación, o mércores 23 de abril ás 17:00 horas terá lugar no edificio Redeiras, en Vigo, o obradoiro gratuíto “Pensamento creativo: obradoiro práctico para impulsar a creatividade na aula”, dirixido ao profesorado de Educación Primaria e Secundaria. A formación será impartida por Juli Molares Cardoso, profesora na Facultade de Comunicación, onde coordina o mestrado en Dirección de Arte Publicitaria, e directora da Área de Imaxe da Universidade de Vigo.

Este taller propón un percorrido práctico arredor da creatividade como ferramenta educativa. Estruturado en tres bloques, comezará cunha introdución ao concepto de creatividade, desmontando mitos frecuentes e analizando as barreiras que dificultan o seu desenvolvemento nas aulas. A continuación, afondarase no pensamento lateral, como método para abordar problemas de xeito non convencional.

Por último, exploraranse diversas técnicas de pensamento creativo mediante exercicios verbais, conceptuais e visuais que estimulan a asociación de ideas, o cambio de perspectiva e a resolución de problemas de maneira innovadora

PERFIL DOS PARTICIPANTES

Despois de ofrecer este tipo de formación en varias ocasións, dende Cruz Vermella observan que a tendendia é que os participantes sexan mayoritariamente mulleres de mediana idade que acaban de chegar á cidade. “Normalmente este é tamén o perfil que temos na institución”, indica Natividad Álvares, responsable provincial de Cruz Vermella en Ourense.

Con todo, o interesante desta metodoloxía é que se pode adaptar fácilmente a calquera tipo de situación e necesidade. “Realmente este plantexamento naceu nunha contorna empresarial, aínda que agora tamén se aplique ata no ámbito educativo”, explica Joseba Delgado, investigador da UVigo e coordinador da actividade.

Neste senso, ningunha das dúas partes descarta a posibilidade de continuar a organización destos talleres enfocados para outro tipo de perfís. “Vemos que os resultados son moi positivos, polo que nun futuro próximo poderíamos traballar con outras persoas que o necesiten”, apunta Delgado.

Contenido patrocinado

stats