UNIVERSIDADE DE VIGO
Dos viñedos á biotecnoloxía: a ciencia dos Premios Campus Auga
UNIVERSIDADE DE VIGO
O Teatro Principal de Ourense acollerá o mércores 25 de novembro, ás 18.00 horas, a entrega conxunta dos VII e VIII Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga. As dúas edicións suman 22 traballos e iniciativas recoñecidas, nove na convocatoria de 2025 e 13 na de 2026, que reflicten a diversidade e o potencial científico da Universidade de Vigo.
Os galardóns son unha das iniciativas coas que o Campus Auga busca impulsar a investigación e achegar os seus resultados á sociedade. Este proxecto de especialización da Universidade de Vigo en Ourense, acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, articúlase arredor de tres grandes ámbitos: alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal. Os premios buscan estimular o talento da comunidade universitaria e dar visibilidade ás súas achegas. Cada edición conta cunha dotación de 12.000 euros.
A VIII edición, correspondente a 2026, premiou teses de doutoramento, traballos fin de mestrado, artigos científicos e iniciativas de transferencia e divulgación. As temáticas abranguen desde a presenza de antibióticos nos solos agrícolas ata o aproveitamento de recursos mariños ou a innovación para mellorar a sustentabilidade no viñedo.
Tres son as teses de doutoramento galardoadas nesta edición dos premios. Unha delas titúlase “Presenza, transporte e degradación de antibióticos de uso humano (ciprofloxacina, claritromicina e trimetoprima) en solos agrícolas”, realizada pola investigadora Lucía Rodríguez e dirixida desde a Facultade de Ciencias por Manuel Arias e Andrés Rodríguez Seijo. Deste mesmo centro foi galardoada a tese “Produción dirixida de xilooligosacáridos mediante tecnoloxías enzimáticas innovadoras para a súa aplicación en ingredientes alimentarios”, da investigadora Andrea Rodríguez e dirixida por María Luisa Rúa e Clara Fuciños. Tamén foi premiada a tese da Escola Superior de Enxeñaría Informática “Deseño dun sistema CAD en colonoscopia baseado en aprendizaxe automática”, de Rubén Domínguez e dirixida por Miguel Reboiro e Hugo López.
Na categoría de traballos fin de estudos foron distinguidos tres traballos fin de mestrado. O primeiro é “Efecto das cubertas vexetais sobre a fertilidade do solo en viñedos. Ensaios nas denominacións de orixe Rías Baixas e Monterrei”, realizado por Roxana Cutillas e titorizado por Paula Pérez e Andrés Rodríguez Seijo. O segundo é “Extracción secuencial de compostos bioactivos de Laminaria ochroleuca”, realizado por Gilberto Quintela Ferraz e titorizado por Noelia Flórez e María Remedios Yáñez. Por último foi galardoado o TFM “Macroalgas mariñas vermellas: Porphyra sp. como modelo para unha biorrefinería para obtención de proteínas e xilano”, de Andrea Luaces e titorizado por María Luisa Rúa e Ana María Torrado.
No apartado de contribucións científicas desta edición foron galardoados tres artigos publicados por equipos da UVigo en revistas internacionais. O primeiro é “Hydrophilic composite nanoparticles of wheat gluten protein and carboxymethyl cellulose by pH cycle and its emulsification properties for loading curcumin (Nanopartículas compostas hidrofílicas de proteína de gluten de trigo e carboximetilcelulosa, obtidas mediante ciclos de pH e as súas propiedades emulsionantes para a incorporación de curcumina)”. Está asinado por Pengren Zou, Celia Costas, Susan Jyakhwo, Yihao Luo, Li Luo, Zhaojun Wei e Paz Otero e foi publicado na revista Food Chemistry: X. Tamén foi premiado o artigo publicado en Food and Bioprocess Technology “Advancing 3D‑printed seafood analogues with tetraselmis chui and tetraselmis chui water extract” (Avances en análogos de produtos do mar impresos en 3D mediante o uso de tetraselmis chui e o seu extracto acuoso). Neste caso está asinado por Pedro Miguel Ferreira Santos, Catarina Moreira, Carmen Molina, José A. Teixeira, Cristina M. R. Rocha e Javier Martínez. Por último nesta categoría foi distinguido o artigo “Eco-friendly technologies for obtaining antioxidant compounds and protein hydrolysates from edible insect Tenebrio molitor beetles” (Tecnoloxías respectuosas co medio ambiente para a obtención de compostos antioxidantes e hidrolizados proteicos a partir do escaravello comestible Tenebrio molitor). Publicado na revista Food Chemistry, foi realizado por Nuno Muñoz, Helena Fernandes, Borja Fernandez, José Manuel Domínguez e José Manuel Salgado.
Tres foron tamén as iniciativas premiadas no eido da transferencia. A primeira é o proxecto “Prevención da incidencia de Black rot en viñedo ecolóxico (Blackrotend)”, de María Fernández e Francisco Javier Rodríguez Rajo. O segundo é o curso “Iber como ferramenta para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil”, de Diego Fernández, Moncho Gesteira, María Teresa de Castro, Orlando García, José González Cao e Helena Barreiro. Igualmente foi galardoada a “Formación teórica-Práctica para a posta en marcha dun obradoiro de elaboración de conservas de tomate nas instalacións da Fundación Menela”, de María Inmaculada Franco, Raquel Rial, Beatriz Cancho, María Concepción Pérez, Elena Falqué.
Por último, o premio desta edición á mellor acción ou actividade de divulgación científica foi para a xornada “Innovación cara a sostibilidade no viñedo”, realizada pola investigadora Paula Pérez.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UNIVERSIDADE DE VIGO
Dos viñedos á biotecnoloxía: a ciencia dos Premios Campus Auga
UNIVERSIDADE DE VIGO
O Campus Auga aposta por atraer talento e colaborar coas empresas
CONCIERTO EN EL TEATRO
Chris Jagger deslumbra con su virtuosismo
Lo último
COCTELERA DE SONDEOS
Consenso en las encuestas: PP y Vox amarran la absoluta
VICTORIA LOCAL
La racha negativa del Voleyourense llega a su fin en casa