Xosé Benito Reza, escritor e enxeñeiro ourensán: “Non só quero describir, quérome meter na pel de don Otero Pedrayo”
ENTREVISTA
Xosé Benito Reza explica que a súa colaboración en La Región afondará na paisaxe galega desde a emoción, a memoria do territorio e a defensa dos espazos naturais de Ourense, seguindo a pegada de Otero Pedrayo
Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) soubo combinar durante a súa carreira a formación de enxeñeiro de montes coa súa paixón polas letras. Despois de estar á fronte dos parques do Invernadoiro e o Xurés, e analizar lugares históricos da nosa provincia coma o Couto Mixto, aterra nas páxinas de La Región para ofrecernos a súa perspectiva sobre os espazos naturais de Ourense, seguindo os pasos de Otero Pedrayo e a súa “Xeografía de Galicia”.
Pregunta. Que nos imos atopar na súa colaboración con La Región?
Respuesta. Imos falar de algo que era moi cercano a Don Ramón e do que era un gran experto, que é a paisaxe galega, de cuxo tratamento foi pioneiro. El escribiu a “Guía de Galicia”, a “Xeografía de Galicia”... ninguén como el describiu o país, o territorio, e ninguén tratou con tanto sentimento, con tanta intensidade, a paisaxe galega.
R. Entón, eu propúxenlle a La Región poder facer algunhas colaboracións falando do territorio, dos espazos naturais máis valiosos da provincia de Ourense, centrados aquí. E pareceulles ben facer algún tipo de colaboración para explorar os territorios máis significativos, os máis importantes desde o punto de vista da natureza e da paisaxe, estéticos, atractivos.
R. A idea é facer unha colaboración semanal, centrada neses espazos máis significativos... porque non é fácil elixir un territorio, pero bueno, hai unha serie de territorios que xa están elixidos por lei, que son os espazos naturais protexidos da provincia de Ourense. Chámense coas distintas figuras: parque natural, monumento natural, paisaxe protexida, os espazos da Red Natura, lugares de interese comunitario... en fin, hai moitas modalidades, pero está todo recollido na lei nestas figuras de protección.
P. De cantos lugares estamos a falar?
R. Paréceme que son 16 espazos, o 18% da provincia, 132.000 hectáreas é a superficie protexida que ten Ourense. E despois meterei algunha cousiña máis: o río Arnoia, por exemplo, a Serra do Suído, que estaban previstos nunha posible ampliación desta rede de espazos; e tamén monumentos naturais, coma as árbores senlleiras, as árbores monumentais de Galicia...
R. E bueno, dicir que por que fago eu isto? Pois porque eu tiven bastante que ver -eu xa agora son un funcionario xubilado- con todo isto. Fun moitos anos o Xefe de Servizo de Medio Ambiente de Ourense, e tamén Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, dende onde promovín a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia.
P. Un interese pola paisaxe que o vincula con Otero Pedrayo.
R. Iso é verdade. Don Ramón para min é insuperable. Eu contactei coa galeguidade -comentábao co director deste xornal- cando marchei a estudar a Madrid de rapaciño, con 18 anos, e metínme na Biblioteca Nacional a ler libros galegos de toda aquela xente. Entón atopeime alí con Vicente Risco, con Florentino Cuevillas, con don Ramón... e eu con don Ramón flipei.
R. Comecei a ler todos os libros del. Tiña o “Ensaio sobre a Paisaxe Galega” de 1955, un ano antes de que nacese eu. Quedei alucinado, totalmente abraiado co sentimento, a carga emocional que lle metía don Ramón, porque está falando de xeografía pero dunha maneira estrepitosa, de alma. E despois, claro, se o escoitas falar -e temos a sorte de ter por aí algunha gravación del, como o discurso que deu en Buenos Aires- bueno, o que dixo Castelao cando don Ramón foi convidado a Buenos Aires e atopáronse alí no peirao. Abrazouno Castelao, que era delgadiño e pouca cousa, e dixo que abrazar a Don Ramón fora como abrazar a Galicia enteira. É verdade, aquel monumento de home.
R. Entón, eu son un admirador tremendo da obra de Don Ramón. E si é verdade que teño escrito, eu tamén escribo algo de vez en cando e publico algunhas cousas. Teño un libro sobre Ancares que se chama “Vivir en Ancares”; despois teño outro que é “O Macizo Central Ourensán” (as montañas de Manzaneda, Queixa...).
R. Outra das miñas obras chámase “Biografía de un Río y de una Ribera” sobre todo o río Arnoia, a partir dunha viaxe a pé que fixen por todo o río, e onde describo como é a vida do río; e teño outro libro que me publicou a Deputación Provincial do Parque Natural do Xurés, que foi o parque que eu promovín nos anos 90 como Reserva da Biosfera. Polo tanto, si teño escrito moitas cousas da paisaxe e dos valores naturais.
P. E como lle gustaría abordar agora a paisaxe?
R. O que quero agora é describir. Pero non facer só unha descrición. Quérome meter tamén na pel un pouco de Don Ramón, aproveitando que é o Ano Oteriano. Claro que vou falar dos valores naturais, dos tres parques (o Xurés, Invernadeiro e a Serra da Enciña da Lastra de Rubiá), vou falar de Pena Corneira, do Val do Navea... Todas estas zonas da Rede Natura. Aí entran os ecosistemas, a flora, a fauna, a vexetación... o por que foron declarados.
R. Pero máis que iso, o que pretendo é esa emoción que dicía don Ramón de cando estamos vendo unha paisaxe: cal é a nosa percepción? Que nos di esa paisaxe? E aí entra unha cousa para min fundamental e única no mundo que temos os galegos: a ocupación humana do territorio. En moi poucas partes do mundo se dá unha situación como en Galicia da maneira de tratar e de ocupar o territorio ao longo de séculos.
R. Temos máis de 30.000 núcleos de poboación en Galicia; a mesma cantidade de núcleos practicamente que ten o resto do territorio español, cando só ocupamos o 5,8% do territorio nacional. Temos 30.000 aldeas. É algo espectacular como nos adaptamos á terra, como fomos colocando as aldeíñas no fondo dos vales, no alto das montañas, a media ladeira, creando socalcos, terrazas, orientándonos buscando o sol do mediodía... é algo espectacular.
R. Iso é o que eu tamén quero trasladar: a miña emoción cando ves como nos instalamos naquel vello complexo agrario. Abel Bouhier, un francés, escribiu dela a mediados de século e quedou asombrado da capacidade dos galegos para ocupar e dominar o territorio, pero dunha forma absolutamente respectuosa e sostible. E iso implica toda a ciencia dos camiños, os carreiros, as congostras, as levadas, as canles por onde viña a auga, os regos, as presas do río, os muíños... toda esa vida que, nun momento ademais crítico, está desaparecendo.
P. Pero tamén haberá reivindicacións.
R. Falarei de dous grandísimos problemas: un, a perda desa identidade. Eu creo que a morriña, a saudade propia nosa dos galegos, está moi unida a todo este sentimento do territorio. Estabamos moi metidos no territorio, inmensamente atados, e coñeciamos cada penedo, cada valado, cada camiño, cada regueiro e todos co seu nome.
R. Tamén quero trasladar ese sentimento, esa emoción de que debemos mirar un pouquiño máis polo territorio.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FINCAS SIN CONTROL
Fincas fantasma y abandonadas ponen en riesgo las viviendas en Ourense
CARRERA AL RECTORADO
Elecciones en la Universidade de Vigo: El rectorado se decidirá en un pulso a tres
Lo último
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Sigue el rastro del dinero de Jácome
QUIERE LOS TRES PUNTOS
El Arenteiro va a por una alegría y poco más ante el Mérida
UNA VIDA DE COLECCIÓN (XXVI)
Galería | La colección de un hombre que sabía mucho de aguas