LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo permite acceder al 75% de las viviendas en venta de Ourense
afilando inconformismos
Xosé Manoel Núñez Seixas (Ourense, 1966) é doutor en Historia Contemporánea polo Intituto Universitario Europeo de Florencia e catedrático da mesma materia na Universidade de Santiago. Tamén o foi na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnic. É vicepresidente do Consello da Cultura Galega é autor de numerosos libros. Gañou o Premio Nacional de Ensaio 2019 por “Suspiros de España” e no 2020, o Premio Ramón Piñeiro pola obra “De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975)”.
Galicia, sendo unha sociedade de inmigración, segue a imaxinarse como un país de emigración
Pregunta.O mundo está agora máis tolo e caótico que nunca ou como historiador nada é novo?
Respuesta.Os que estudamos o período de entre guerras sabemos que houbo outros tempos nos que todo foi moito máis complicado. Penso que os nosos avós e bisavós o tiveron máis difícil para sobrevivir. Que é o que marca agora a diferencia? Que nos enteramos de todo ao segundo, que temos un acceso a fontes de información xeneralizado que nos anos 20, 30, nas vésperas da Primeira Guerra Mundial, non existía. Moita xente vivía, non vou dicir na dócil ignorancia, pero si que non tiña esta capacidade de decatarse ao segundo do que acontece na outra parte do mundo. Neste senso non diría que o que vivimos é novo, o que si é novo son esas dimensións.
P.Estamos desmemoriados ou temos unha memoria terxiversada?
R.Cada sociedade ten a súa memoria. Todas as sociedades teñen memorias terxiversadas. Os discursos da memoria buscan sempre establecer verdades, patróns de conduta, fixar o que se esquece e o que se lembra e como se lembra. O que ocorre é que precisamente coa revolución das comunicacións, co acceso universal a moitas fontes de información, as institucións xa non teñen o monopolio. Os discursos da memoria xa teñen unha capacidade moito menor de influír no conxunto da cidadanía. Non diría que vivimos nunha época desmemoriada o que hai é unha maior conciencia e unha maior inmediatez do choque de memorias confrontadas.
P.Respecto á memoria histórica, este país fíxoo peor que outros?
R.Hai unha certa tendencia na historiografía española, na memoria pública a verse de maneira moi doente, como que somos un desastre, diferentes de todo o mundo, que hai unha permanente loita das dúas Españas, das dúas Galicias, que non se superan traumas colectivos do pasado. Agora ben, si botamos unha ollada arredor, vemos que todas as sociedades fixeron discursos da memoria selectivos, que moitas veces os discursos da memoria, máis o menos hexemónicos, entraron en crise. En outros países de Europa tamén se inventou unha falacia, a de que todas as sociedades foran antifascistas e os fascistas foran catro. Todas as sociedades tardaron cando menos unha ou dúas xeracións en dixerir ese pasado. Elaborouse un discurso de consumo rápido. Cada sociedade fai as contas co pasado a súa maneira e por vías moi diferentes. Hai vías exemplares? Eu creo sinceramente que non. En Alemaña tardaron case 40 anos en comezar a tomarse en serio responsabilidades inherentes ao Holocausto, a guerra criminal. Tivo que vir unha serie norteamericana protagonizada por Meryl Streep, chamada Holocausto, no 1979. Ata entón o discurso que imperara era que aquí gobernaron catro toleiráns que se apoderaron da vontade do pobo alemán e que fixeron unha serie de barbaridades.
P.A historia conta o pasado, pero tamén pode contar o futuro?
R.A historia non pode predicir o futuro nunca. Os historiadores preferimos dicir aquilo de que a historia non se repite, pero rima. Hai cousas que si que nos soan parecidas. Entón, cal é a función da historia? A historia entendida como discurso crítico, como relato sobre o pasado, non como acumulación de datos. A historia ten modelos, ten que establecer prioridades, que é importante e que non. Como dicía Kant, non todo o que aconteceu é merecente de ser contado. A partir de aí, o que podemos ensinar é a aprender dos erros do pasado.
P.Vostede é experto en movementos migratorios. Galicia, emigrante ou inmigrante?
R.Os censos o demostran claramente, Galicia é unha sociedade de inmigración. Non hai máis que saír a rúa. Aínda que sempre o foi ao tempo que de emigración, aí está a inmigración portuguesa. A peculiaridade de Galicia é que, sendo unha sociedade de inmigración segue a imaxinarse a si mesma como un país de emigración- aínda que iso xa comeza a mudar- con todas as características, as veces negativas, que se asocian a iso.
P.Fíxose xustiza cos emigrantes?
R.Defíname que é facer xustiza. Coa emigración sempre hai un xogo de expectativas e realidades. Por unha banda, a emigración era vista de maneira vergoñenta na propia Galicia, símbolo de atraso, de ruptura. Por outra, resulta que os galegos que puideron emigrar era porque podían pagar esa pasaxe. No porque tivesen cartos, senón porque xa tiñan parentes establecidos nos puntos de destino ou porque había algo de terra que hipotecar. De entrada, ese tipo de migracións que tivemos non foi dun país moi pobre, pero si dun país no que había un mal estar. Moito do que Galicia medrou debeuse a emigración. En remesas materiais, pero tamén inmateriais. Pero prevaleceu a idea da emigración como fracaso político. A idea de que como os galegos emigraron, renunciaron a revolución. Hoxe sabemos que si non te dan recursos, non podes facer nada, non te podes revelar. Eses recursos, no caso galego, forneceunos a emigración. A emigración explica moitas dinámicas de cambio social en Galicia, pero seguimos pensando que é un síntoma de fracaso, aínda que moitas veces pensouse que os emigrantes nos tiñan que redimir da pobreza, investir en Galicia.
P.Cal foi a riqueza inmaterial?
R.Era xente que viña con outra mentalidade. Moitos labregos galegos onde coñecen a cidade non é en Europa, nin na Península Ibérica, senón en América. Aí coñecen como funciona unha sociedade urbana, o mundo dos sindicatos ou asociacións gremiais, a idea dos dereitos colectivos, mesmo nalgúns casos a idea de democracia. Moitos dos que volven son despois os que desafían os caciques locais, montan sociedades agrarias, dan diñeiro para que se funden periódicos e crean as escolas pensadas, en parte, para crear cidadanía. A Academia Galega, por exemplo, ten o seu xermolo e o seu apoio principal na Habana. É unha dinámica que logo interrompe a Guerra Civil. Pero mesmo despois, esas folgas de Ferrol ou de Vigo, non se entenden sen o tránsito de ideas e influencias de xente que emigrara a Francia, a Alemaña, que aprenderan como se loita polos dereitos sindicais.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo permite acceder al 75% de las viviendas en venta de Ourense
Lotería de Navidad
Turistas e Internet tiran de las últimas ventas de décimos en Ourense
TÚNEL DE RANTE
La variante exterior seguirá en obras durante el año 2026
Lo último