Paderne postúlase como capital da produción sostible

Alimentación

O Centro de Transformación de Cantoña está “a vangarda de Galicia”, explicou Luis Menor

Luis Menor e os demais responsables durante a visita ó centro.
Luis Menor e os demais responsables durante a visita ó centro. | La Región

A antiga estación de ferrocarril de Cantoña, en Paderne de Allariz, hospeda o Centro de Transformación para pequenas producións sostibles, creado pola Deputación de Ourense a través do Inorde, e que hoxe xa se atopa “a pleno rendemento”.

A través deste centro, a administración provincial anima ós pequenos produtores da provincia, ou a calquera veciño, a que recupere as súas hortas ou pequenas plantacións de froitos, para poder transformalos en produtos que poidan ser comercializados. Así o explicou Luis Menor, presidente da Deputación, quen onte visitou as instalacións acompañado polo alcalde do municipio, Manuel Pérez; polo presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente, así como por representantes das administracións locais da comarca

O presidente provincial destacou o agradecemento dos produtores pola iniciativa, xa que “aquí atopan toda esa axuda que require producir con seguridade”. Este novo centro busca fomentar o emprendemento, incidindo naqueles produtores que teñan interese na elaboración e comercialización de conservas vexetais, zumes naturais, ou derivados do mel, xa que o centro dispón de todo o equipamento necesario para iniciar e testar os produtos no mercado “sen a necesidade de facer ningún investimento”, e que a través do cultivo e traballo da terra, obteñan unha renda complementaria coa comercialización dos seus produtos.

A provincia xa conta cun centro de transformación de produtos sostibles “de vangarda en Galicia”, salientou Menor, quen felicitou ao equipo do Inorde e a todas as persoas implicadas polo “intenso traballo” realizado ao longo destes últimos catro anos.

A Deputación investiu, a través do Inorde, medio millón de euros na rehabilitación do edificio, e para o deseño, equipamento e accións de formación contouse cunha axuda de 296.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Contenido patrocinado

stats