Parada de Sil premia de novo o talento literario

CERTAME CULTURAL

O certame contou con casi 400 participantes de España e do estranxeiro

Pasada edición da entrega de premios do concurso de microrrelatos.
Pasada edición da entrega de premios do concurso de microrrelatos.

Parada de Sil vén de fallar a décima terceira edición do seu Concurso de Microrrelatos, un certame xa consolidado dentro e fóra da Ribeira Sacra que volveu destacar pola súa calidade literaria e pola participación de autores de todas as comunidades autónomas e de varios países estranxeiros.

O xurado, formado polos profesores Arturo Fernández e Delfín Caseiro, e presidido polo catedrático emérito da Brown University e natural de Parada de Sil, Antonio Carreño, sinalou que esta foi, con diferenza, a edición con maior nivel, a pesar de que a participación se viu lixeiramente reducida debido a un erro técnico na súa difusión. A cifra de participantes roldou as catrocentas persoas.

O primeiro premio en galego, dotado con 1.000 euros, foi para Manuel Romero, de Santiago de Compostela, polo relato titulado “Os retratistas”. Pola súa banda, o primeiro premio en castelán, tamén con 1.000 euros, recaeu en Macarena Expósito, de Sevilla, quen xa fora premiada na edición anterior e conta con varias publicacións. O microrrelato galardoado nesta ocasión leva por título “Abrazando la ausencia”.

Por primeira vez, o segundo premio, que se concede independentemente do idioma, foi para unha obra en galego. O texto premiado, “Hai alguén aí?”, é da autoría de Esteban do Cabo, natural do Carballiño, quen tamén fora recoñecido na edición de 2023. Este galardón está dotado con 500 euros.

O terceiro premio, cunha dotación de 300 euros, foi para Joaquín Correa, de Huelva, polo seu microrrelato titulado “La carrera”. Correa é autor de varias obras, incluídas algunhas novelas.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 10 de maio, coincidindo coa celebración local do Día das Letras Galegas. O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, quixo agradecer tanto a ampla participación como o traballo do xurado, que de forma desinteresada e altruísta dedica tempo para garantir o prestixio dun certame que cada ano leva o nome do municipio máis aló das súas fronteiras.

Contenido patrocinado

stats