Adeus a Ramón Rodríguez Conde, o noso Ramón
OBITUARIO
Rosendo Fernández despídese do “barbas da Merca”, un home de "historia sinxela", dinamizador cultural e memoria viva da vila, que dedicou a súa vida aos demais sen buscar xamais o recoñecemento propio.
Ramón Rodríguez Conde, o noso Ramón -así oínllo dicir por primeira vez á señora Teolinda, a súa nai- de sempre foi unha figura popular, coñecido pola maioría da xente da contorna de Celanova e da cidade de Ourense, polos anos como traballador de Renfe, ademais dos moitos comensais que acudiron, solícitos dun bo xantar, ao Mesón do Labrego na Merca, que atendía xunto a súa cuñada, a Rosita, e o seu irmán o Lolo. Tamén coñecido polo “barbas da Merca”, non deixaba indiferente a ninguén, coa súa sinxeleza, amabilidade, palabra fluída, historias vividas que, entrado en conversa contaba, para gusto e interese de todos. Ese museo etnográfico, con pezas de todos os oficios, verdadeiras xoias etnográfica, ata completar case 4 mil. Festival da Cantiga Labrega, o Can do palleiro, Festa do porco, Suso Vaamonde… O Can do palleiro, na década dos 70, deulle serios problemas na ditadura, pois referíase sen nomealo a Franco. A Festa do porco transcendeu ata os nosos días; aínda hai unha semana foi a última edición, na que faltou alguén: O Ramón, o noso Ramón, xa que estabas maliño; funte a buscar, pero as poucas forzas superaban as ganas que tiñas, e non puido ser.
Ramón da Merca, patrio do seu universo, hoxe deixou un pouco máis orfa A Merca. Un home que, como acostumaba a dicir: “son de historia sinxela”. De neno foi á escola na Merca, non quixo estudar, suspendeu Formación do Espírito Nacional e ingresou nos talleres de Renfe. Un home sen ambicións persoais, máis preocupado dos demais e da familia, que nunca ascendeu en Renfe dende que entrou a traballar…, porque non quería vivir da Cidade, o seu universo sempre foi A Merca, os seus.
Ramón contáballe hai cinco anos a Carolina Piñeiro, nunha entrevista para La Región, que na mili estivo con xente que tiña inquedanzas culturais; meténdolle a curiosidade deulle por facer poesías. Ademais coñeceu un grupo onde estaba Manolo Catoira, Manolo Vidal… cos que lle foi máis fácil adentrarse na curiosidade cultural. De feito a cultura foi a palabra que o noso Ramón sempre tiña na punta da lingua. A través de Ramón coñecín eu a Suso Vaamonde; os dous eran bos amigos dende os tempos da Cantiga Labrega. Por esa amizade, comemos varias veces os tres no Mesón do Labrego, e Suso Vaamonde deu varios recitais, moi populares, no campo da Feira da Merca, ao carón dos canastros, alá polos finais dos oitenta. Cando fumos o enterro de Suso a Pereiró en Vigo..., canto falamos entre a ida e a volta.
O “barbas”, o Ramón da Merca, recopilador de lendas, costumes, tradicións, cancións, historias de xente da Merca, que como dicía “quero que non se perda a memoria dos nosos antergos, a xerga dos músicos. De feito, hoxe, son depositario das páxinas dun “Libriño” -como ti dicías- de todos os personaxes importantes que houbo na Merca, da terra dos marrelleiros. Ramón, ese libriño comprométome a que vexa a luz, tal como quedamos 48 horas antes de que nos deixaras. Ramón! Endexamais esquecín o teu comportamento nos primeiros días que cheguei A Merca, e presentounos José Rodicio, o farmacéutico, no 1981. O consultorio situado nos baixos do Concello, por non ter nin tiña unha padiola. Rodicio comprou a padiola en Ourense, para unha mellor atención aos pacientes; e ti Ramón, sen pedircho, sabendo da compra do farmacéutico, te brindaches coa furgoneta que tiñades na casa para os apeiros de labranza, a vir -viñemos e regresamos xuntos- a Ourense para trasladala ao consultorio. Apenas, nada, nos coñecíamos, pero a túa solidariedade, vendo que a xente da Merca podería estar mellor atendida, era para ti unha relixión. Como cando chegaba calquera persoa A Merca necesitando algo, alí estaba “o barbas”, o noso Ramón. Aquela maneira de sentarte enriba dunha cadeira, mantendo o equilibrio, mentres mantiñas conversas cando os demais sentados na mesa comíamos, era única e idiosincrática; nunca lle vin a ninguén sentarse así.
A Merca queda, sen o personaxe máis coñecido, popular. Persoa familiar, solidaria, desprendida de ambicións, conversadora, coleccionista, culta. Teu irmán Lolo, cuñada Rosita e sobriño Monchiño, van sentilo ben. ¡Pero tamén podo dicir! Unha mágoa para todos os veciños, sen distinción. Alegrarase a señora Teolinda, a túa nai, por terte ao carón. A mesma que só, con oírte esbirrar, dicíame: “Don Rosendo míreme ao Ramón, que debe estar costipado, e xa sabe que de médicos non quere saber nada”. Difícil esquecerte.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último