A conselleira de Medio Rural considera que “a nova proposta da PAC é lesiva para os gandeiros”
MARÍA JOSÉ GÓMEZ
María José Gómez, conselleira de Medio Rural, asegura que está a destinar todos os fondos dispoñibles á remuda xeracional e á diversificación económica no rural (programas Leader), especialmente en Ourense. O obxectivo é fixar poboación e dar futuro ás zonas rurais.
Pregunta. Unha das conclusións que sacamos deste verán e que a Galicia interior, a Galicia baleirada, é a que arde. Están a chegar fondos suficientes as zonas rurais para frear o despoboamento?
Respuesta. A Consellería de Medio Rural está a poñer todos os fondos que ten dispoñibles para apostar pola remuda xeracional. A través do plan Leader estamos a traballar en 24 programas de desenvolvemento rural para apostar por outro tipo de actividades no rural como as turísticas ou empresariais, sendo Ourense unha das provincias máis beneficiadas neste aspecto. Temos que seguir apostando por un rural con futuro, e para iso é imprescindible axudar as persoas para que se asenten no rural porque as zonas urbanas e rurais van soas.
P. Estamos en plena vendima. Se o sector xa miraba con preocupación o seu futuro polo tema aranceis ou polo descenso do consumo de viño, agora sumámoslle o problema dos lumes. Como vai apoiar a Consellería aos viticultores?
R. En primeiro lugar temos esas axudas directas para os afectados polos incendios. A afección nos viñedos foi menor do que parece. Estamos a falar, por exemplo dun 2% de viñedos afectados na DO de Monterrei ou un 0,2% na Ribeira Sacra. Eu quero transmitir unha mensaxe de positividade aos consumidores. Os viñedos foron os mellores freos para o avance dos lumes.
P. Para pechar o tema incendios, sindicatos e persoal reclaman estabilizar ao 100% do persoal. Tras os problemas deste verán haberá mellores neste sentido?
R. Todas as melloras no persoal débense acordar na mesa de negociación cos sindicatos, entón será un tema que trataremos ao longo do ano que ven. Dous terzos do persoal de brigadas xa traballa todo o ano. Vimos de facer un proceso de funcionarización do persoal que aínda está por rematar. Ademais, acordamos que persoal que traballa durante seis meses pase a traballar nove meses de xeito gradual. Seguiremos a negociar diferentes medidas, non son no ámbito das brigadas.
P. Hai uns días falaba vostede das vantaxes que presentan os pasteiros para o medio rural galego. Cales son os obxectivos dese Plan de Pasteiros de Galicia posto en marcha pola Xunta e do que se está a beneficiar en maior medida a provincia de Ourense?
R. Efectivamente apoiamos a creación de pasteiros que son, ademais, unha barreira natural contra os lumes e unha ferramenta que favorece a gandaría en extensivo, pois permiten, entre outras cuestións, manter o gando controlado e mellorar a rendibilidade das explotacións. Ao abeiro deste Plan de Pastos de Galicia, desde 2020 mobilizamos máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento que rolda os 10,5 millóns de euros. E a esta cifra súmanse as máis de 500 hectáreas que se están mobilizando neste 2025 en 26 novos pastizais, cun apoio por parte do Goberno galego que supera os catro millóns.
P. Na folla de ruta do seu departamento aparece tamén a conservación das razas autóctonas, pero a día de hoxe, son rendibles? A súa cría supón un importante gasto. Hai algunha que preocupe especialmente?
R. Desde a Consellería facemos un esforzo especial na protección e conservación das razas autóctonas, pois son emblema da nosa cabana gandeira e representan tamén a nosa idiosincrasia propia. Por iso, e a maiores de seguir apoiando ás asociacións de criadores, este ano convocamos por primeira vez unha orde de axudas para fomentar, precisamente, a recría daquelas razas autóctonas ameazadas. Ademais, desde o Pazo de Fontefiz que está aquí en Ourense, en Coles, levamos a cabo unha tarefa importante para o mantemento destas razas, en colaboración directa coas explotacións que apostan por elas. Seguiremos fomentándoas sen lugar a dúbidas.
P. Galicia é a terceira comunidade autónoma en selos de calidade, 36 entre DOs e IXPs. Isto debería estar funcionando como motor do rural pero de que maneira se está apoiando aos produtores e aos produtores e produtos?
R. Estamos desenvolvendo o Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, dotado con máis de oito millóns de euros para este ano, co principal obxectivo de promocionar a nosa calidade agroalimentaria certificada e apoiar aos consellos reguladores nestas tarefas, así como no control da calidade. Estes selos levan a cabo un importante labor como axentes dinamizadores da economía galega e contribúen de xeito significativo á conservación do territorio, da paisaxe e da poboación no rural, polo que o compromiso do Goberno galego será seguir apoiando e difundindo a súa necesaria actividade.
P. Damos un salto agora ao ámbito europeo. Galicia súmase á petición de retirada do regulamento da nova PAC implica un recorte de fondos. Vostede critica que non é “non política, nin agraria, nin común”.
Esta nova PAC trae consigo un severo recorte de fondos de ata un 20% respecto á actual, algo que suporá para Galicia unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais
R. Si, desde a Xunta estamos totalmente en contra da proposta da nova PAC a partir de 2028, que é lesiva para os nosos gandeiros e agricultores, xa que implica un recorte de fondos para Galicia e a súa integración nun fondo común para os estados membros que non blinda todas as políticas que a conforman como ata agora. A actual proposta da Comisión Europea supón o desmantelamento do modelo actual cuxa efectividade é de sobra coñecida, baseado en dous piares con dous fondos diferenciados e que permite asegurar a renda dos agricultores e, ao tempo, fomentar o desenvolvemento rural. Tal e como nos formularon a nova proposta, a PAC competirá polo financiamento con outras políticas da UE e cada país poderá decidir que sectores primar e con que nivel de cofinanciamento, incrementándose así as diferencias entre territorios. Ademais, esta nova PAC trae consigo un severo recorte de fondos de ata un 20% respecto á actual, algo que suporá para Galicia unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais. Por tanto, desde o Goberno galego seguiremos facendo unha oposición frontal a esta proposta e defendendo os intereses dos nosos gandeiros e agricultores.
Entrevista completa
Podes ver a entrevista completa á conselleira, aquí.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Miércoles, 4 de febrero
MÁXIMA PRECAUCIÓN
Galería | Las lluvias anegan los campos de A Limia y arruinan el cereal
Lo último