María José Gómez, conselleira de Medio Rural: “Despregamos todo, pero non foi posible chegar a moitos sitios”

CAFÉ DE REDACCIÓN

A conselleira de Medio Rural viviu este verán en primeira persoa a maior crise incendiaria da historia de Galicia. 674 lumes, máis de 110.00 hectáreas calcinadas, moita virulencia e, sobre todo, a cara de impotencia na xente que perdeu gran parte da súa vida. Tras un “agosto negro”, María José Gómez asegura estar centrada en traballar para acadar a recuperación do rural galego.

Publicado: 28 sep 2025 - 05:10 Actualizado: 28 sep 2025 - 14:52
Entrevista a María José Gómez, conselleira de Medio Rural | La Región

Pregunta. Cando acontece unha vaga de lumes como a que sufriu Ourense sempre se fala de planificación, pero sabíamos que o inverno e a primavera foron moi húmidos e que viña un verán seco,¿que fallou para que a provincia ardese tanto?

Respuesta. É certo que o inverno foi extremadamente chuvioso, pero xuño xa comezou con temperaturas moi altas. En todo o verán, só tivemos un día de choiva xeneralizada por toda Galicia. Viñamos de dous anos nos que o número de hectáreas queimadas foi o máis baixo da historia. En agosto, coa altísima actividade de incendios que tivemos en Galicia, con 673 incendios en todo o terriotiro, obrigou ao dispositivo antiincendios a apagar unha media de 30 a 35 lumes ao día. Entón, se me pregunta se creo que houbo unha mala planificación, pois creo que non. Creo que a planificación foi a axeitada, que temos un dispositivo que está preparado, pero preparado para funcionar ata certo punto. Calquera deses 673 incendios podería terse convertido nun grande incendio se non se extinguise a tempo. É certo que a situación en Ourense foi extremadamente complexa, cunha serie de incendios que se produciron ao mesmo tempo por toda a provincia. Estes focos deron lugar aos grandes incendios que por desgraza tivemos que soportar. Agora, creo que a resposta foi axeitada. É unha realidade que tivemos que soportar non só en Galicia, senón tamén noutras comunidades autónomas.

P. A súa consellería ten habilitadas oito liñas de axudas para paliar os danos ocasionados polos lumes. Como se está xestionando este proceso?

Quero agradecer a todos os gandeiros da provincia de Ourense que se puxeron a disposición da Consellería

R. Antes de que rematase a vaga de lumes, xa estabamos traballando para tentar sacar o máis axiña posible as axudas para os afectados. A situación que vivimos foi extraordinaria e por tanto a resposta da Xunta tamén debe ser extraordinaria. Por parte da Consellería Medio Rural, que é a máis implicada en paliar os efectos dos lumes, temos oito liñas de axudas que son compatibles entre si. Temos por un lado a do sector agrogandeiro e por outro a do sector forestal. Nos dous ámbitos intentamos cubrir todos tipo de danos que se puideron ocasionar dende infraestruturas como cortes e palleiras, ata viñedos, con axudas que poden chegar ata os 200.000 euros. Tamén quero agradecer a todos os gandeiros da provincia de Ourense que se puxeron a disposición da Consellería para doar material e todas as empresas de transporte que tamén colaboraron.

P. Se botamos un ollo á provincia de Ourense, agora mesmo resulta desolador ver como se atopa. Zonas como Manzaneda, Valdeorras, Chandrexa sufriron moito. Hai algún plan específico para a recuperación destes territorios?

R. Unha vez rematados os incendios, toca avaliar os danos no terreo e así o están a facer os investigadores. De feito, a próxima semana comezaremos a facer mulching, un proceso que consiste en esparexer palla ou forraxe nas zonas queimadas para evitar esa erosión. A primeira zona na que comezarán estes traballos será zona do incendio de Larouco. En canto ós montes afectados, o primeiro que se fixo foi modificar a normativa para que se poida axilizar os trámites da saca de madeira, incluso nos que están conveniados. Despois procede, por suposto, repoboar os montes tanto de xestión pública como privada. Unha das liñas de axuda que temos aberta cubre ata 100.000 euros por beneficiario para repoboar todos aqueles montes nos que a madeira non teña valor comercial.

P. Na vaga de incendios do 2006, o PP pediu a dimisión do entón conselleira de Medio Rural. Agora, é a oposición a que esixe a súa. Considerou esta cuestión?

R. Non. Considerei traballar para intentar recuperar o máis axiña posible os danos causados por esta vaga de incendios.

P. Pero, considera que hai algo que se podía ter feito mellor?

R. Unha vez pasado o peor, sempre queda a valoración de que se podería ter feito mellor ou que se podería ter feito peor. Eu creo que todos temos que ser conscientes de que as faixas de biomasa ao redor dos núcleos de poboación son un elemento esencial. Temos que concienciar en primeiro lugar os propietarios de que teñen que limpar as súas parcelas. En Galicia, ao contrario do que sucede no resto de España, ao maior parte dos montes son de titularidade privada. Practicamente todas as parcelas que rodean os núcleos son de particulares que, en moitos casos, son xente que herdou esas parcelas e que nin sabe onde están porque non vive aquí.

Despregamos todos os medios ao noso alcance e pedimos máis ao Goberno

R. Pero temos que ser conscientes de que temos que ter esas faixas de protección limpas, é imprescindible. A tarefa do servizo de extinción é forestal, pero cando o lume se achega as aldeas, a prioridade é a xente, e se as faixas están limpas o lume chega con menor virulencia. Estas cousas temos que telas en conta para mellorar no futuro. O presidente Rueda xa anunciou que intentaremos aumentar a dotación do convenio con Fegamp e Seaga para limpeza de fincas e que intentaremos axudar a os Concellos máis pequenos, que teñen dificultades para facer cumprir aos propietarios ca limpeza.

P. En moitos lumes foi a propia xente a que tivo que facer fronte á extinción. Fallou a coordinación entre administracións para que tivesemosque chegar a este punto?

R. Ogallá puidera dicir que chegamos ata todos os sitios. Despregamos todos os medios ao noso alcance e pedimos máis ao Goberno. Vivimos momentos moi críticos, concentrados en poucas semanas. Eu estiven mañá e noite no Cecopi e podo dicir que intentamos chegar a todos os sitios, pero evidentemente non o conseguimos. Os veciños realizaron un labor encomiable e eu sempre agradecerei ese compromiso nun momento de tanta dificultade.

P. Como valora ese apoio do ministro Óscar Puente a unha posible demanda de Renfe a Galicia polo peche do tráfico ferroviario?

“A posible demanda de Renfe contra Galicia é unha falta de respecto para todos os galegos”

R. Despois do servizo do tren que sufrimos todos os galegos, que para un día e outro tamén, e despois de que todas as investigacións apunten a que o incendio de San Cibrao das Viñas foi provocado polas chispas dun tren, parece que esa postura do ministro e unha desfachatez e unha falta de respecto e consideración tremenda cara aos os galegos.

Contenido patrocinado

stats