A Deputación de Ourense recoñece o valor da xestión cultural
VII PREMIO RODOLFO PRADA
O VII Premio Rodolfo Prada repartiu 10.000 euros entre proxectos galegos
O centro cultural Marcos Valcárcel acolleu a entrega da sétima edición do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2024, na que se repartiron un total de 10.000 euros. Trátase dun galardón que outorga a Deputación de Ourense a persoas, tanto profesionais como aficcionadas, proxectos ou colectivos, que destaquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural e que leven a cabo a súa actividade na Comunidade Autónoma Galega ou fóra de Galicia, pero con claras referencias nos seus contidos e obxectivos á cultura galega.
Eduardo Rodríguez, organizador do Festival de Jazz Primavera do Café Latino, ciclo de referencia na cidade para os amantes deste estilo musical recibiu o premio para profesionais culturais, dotado con 3.000 euros. O galardón de persoas voluntarias e colectivos aficcionados -dotado con 2.000 euros- foi para a asociación cultural Pano e Aparte, que organiza en Carballo (A Coruña) o Festival Internacional de Teatro (FIOT), cun programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo de máis de tres décadas de existencia. Mentres, o terceiro para proxectos culturais -dotado con 1.000 euros- levoullo o Concello de Carral, cuxo certame de poesía, que alcanza este ano o seu vixésimo sétima edición, constitúe un dos eventos literarios máis prestixiosos de Galicia.
Por outra banda, entregouse un premio a cada unha das provincias. En Ourense, a distinción foi para Óscar Penín Romero polo proxecto “Ruralisto”, contorna ao patrimonio e á cultura con especial atención ao rural, lanzado desde a localidade de Rubio (Barbadás).
Durante o acto, o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor a aposta da Deputación de Ourense pola cultura. Mentres que Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, cualificou os proxectos gañadores como un “mosaico das iniciativas que xorden por toda Galicia”. Para o director xeral de Cultura, estes galardóns son un “moi bo exemplo da diversidade e potencia do bo facer no país en moitísimos ámbitos, públicos e tamén privados”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar