A Deputación de Ourense pon en valor ás mulleres da música tradicional

8M MES A MES

A institución provincial dedica este mes de agosto a súa campaña "8M, mes a mes" a Ana Belén Rodríguez André, profesora de pandeireta e canto tradicional na Escola Provincial de Gaitas desde o ano 2000

Ana Belén Rodríguez André.
Ana Belén Rodríguez André.

A Deputación de Ourense dedica este mes de agosto a súa campaña “8M, mes a mes” ás mulleres que manteñen viva a música tradicional galega. A protagonista é Ana Belén Rodríguez André, nada na capital en 1979 e profesora de pandeireta e canto tradicional na Escola Provincial de Gaitas desde o ano 2000.

A iniciativa, baixo o lema “Mulleres que fan soar a nosa tradición”, busca recoñecer o papel feminino na conservación e transmisión deste importante patrimonio cultural.

O vínculo de Rodríguez coa música tradicional xurdiu case por casualidade. “A miña irmá maior tiña dificultades para aprender a tocar a frauta no colexio e, cando a miña nai me viu colocar os dedos para axudala, díxome que tiña que tocar a gaita”, lembra.

Deste xeito, a Escola Provincial de Gaitas acabou converténdose nun eixo da súa vida persoal e profesional. Alí formouse, comezou a traballar e coñeceu ao que sería o seu marido. As súas dúas fillas tamén tocan este instrumento e participan na institución.Dende hai máis de dúas décadas, Rodríguez contribúe tamén a formar novas xeracións e a manter vivas a pandeireta, o canto popular e a tradición oral. Compaxina este labor con clases en diferentes asociacións veciñais, onde mantén un contacto directo con grupos de nenas e mozas.

Así, partindo desa grande experiencia, percibe un interese crecente entre as rapazas máis novas por este ámbito. “Nos últimos anos houbo un auténtico boom”, afirma. Tamén destaca a influencia da obra poética de figuras emblemáticas como Rosalía de Castro e móstrase optimista sobre o futuro: “Hai canteira, e afortunadamente cada vez é maior”.

Contenido patrocinado

stats