O Larouco reivindica o seu mel “libre de contaminación”

PRIMEIRA FEIRA

24 oct

Detalles del evento

Monterrei
24 oct
Presencial
Vista da serra do Larouco.
O Larouco reivindica o seu mel “libre de contaminación” | Bruno Losada

Unha contorna libre de contaminación, sen pesticidas e cunha biodiversidade privilexiada. A Serra do Larouco garda un tesouro en forma de mel, especialmente de castiñeiro, que agora a veciñanza quere poñer no lugar que merece. Con este espírito reivindicativo, de defensa do medio natural e de posta en valor do potencial socioeconómico do produto local, nace a primeira edición da Feira do Mel da Serra do Larouco.

Detrás desta iniciativa está o colectivo “Os meses do Larouco”, nado a principios de 2024 co obxectivo claro de protexer esta paraxe fronte a ameazas como a ampliación de parques eólicos, a vaga de incendios forestais ou a instalación de liñas de alta tensión. “A feira créase para darlle visibilidade á serra, porque cando falamos de rural tamén hai que falar da calidade das persoas e dos produtos”, sinalan dende a organización. Advirten, ademais, de que a zona conta cun gran número de apicultores potentes que, en moitos casos, non son conscientes do valor real do que producen.

Para reverter esta situación e presumir duns meles “moi prezados”, o pavillón de deportes de Baltar converterase o vindeiro sábado, 24 de outubro, no epicentro da apicultura. O programa arrancará ás 10,00 horas cun acto moi especial: unha homenaxe ao recentemente falecido Román Cid, profesor de apicultura de recoñecido prestixio e cofundador da asociación “Abellas Nais”.

A xornada matutina combinará formación e padal. Haberá unha charla técnica a cargo de Manuel Aguiar e un showcooking con degustación dirixido polo cociñeiro local José Antonio Lorenzo Cuquejo, que se complementará cunha cata de meles da man de José A. Pazos, coñecido como “Ñaca”.

Futuro e retos do sector

Xa pola tarde, a partir das 16,00 horas, o recinto acollerá unha vertente máis profesional a través de diversos relatorios moderados pola divulgadora ambiental Xiana Albor. Nesta quenda exporanse casos de éxito na comercialización do rural, coa participación de Mónica Herrero (Apícola A Meleira) e o propio José A. Pazos (Meles Aialma).

O broche final poñerao unha mesa de debate crucial para o futuro da actividade. Nela, o profesor Benito Pardo e o ecoloxista Manuel García abordarán os grandes retos aos que se enfronta o sector e o propio ecosistema da serra, tales como o cambio climático, o impacto dos lumes e a expansión da vespa velutina.

Durante todo o día, o recinto feiral manterá unha zona de venda con apicultores de referencia da contorna, propostas infantís para os máis pequenos e a participación de marcas convidadas como Queixos Gaia.

Contenido patrocinado

stats