Os lumes afectaron aos dez picos máis altos da provincia de Ourense

MAPA

En Trevinca, quedou arrasada toda a montaña por riba dos 1.400 metros de altitude, “é desolador”

Vista de Pena Trevinca, este luns, todavía co incendio activo.
Vista de Pena Trevinca, este luns, todavía co incendio activo.

A vaga de incendios deste mes de agosto que continúa calcinando Ourense afectou xa aos dez picos máis altos da provincia, situados no Macizo de Pena Trevinca e nas serras de San Mamede, da Queixa e da Enciña da Lastra, todos por encima dos 1.600 metros, arrasando cunha biodiversidade e patrimonio únicos na comunidade.

O lume que máis afectou neste senso é o que entrou en Pena Trevinca desde Castela e León. Adentrouse na provincia hai máis de unha semana e continúa sen estabilizarse, sendo o único dos incendios que afectan á alta montaña ourensá que está activo, levando por diante xa preto de 5.000 hectáreas nos concellos de Carballeda de Valdeorras e A Veiga.

Polo momento, o incendio non afectou de forma directa a vivendas nin infraestruturas das aldeas da zona, pero medioambientalmente trátase dun dos peores lumes deste tsunami incendiario de agosto. Levou por diante todo o terreo da zona por encima dos 1.400 metros, incluídos os picos máis grandes de Galicia e arrasou entornos de orixe glaciar como a Lagoa da Serpe, o Foio do Castaño ou o val do Bibei.

“As consecuencias ambientais son brutais”, manifestou Juanjo Lorenzo, guía de Terras Altas de Trevinca, que describiu a paisaxe como “desoladora” e destacou que “isto significa retroceder trinta ou corenta anos” en canto á natureza da zona.

Lorenzo indicou que as actividades turísticas na alta montaña non se recuperarán ata que cheguen as primeiras nevadas e a superficie queimada se cubra por un manto branco. “A montaña e a natureza ten que agonizar tranquila e canto menos a molestemos vai ser mellor e vai florecer máis a súa pronta recuperación”.

O bosque máis antigo de Galicia, o Teixadal de Casaio, salvouse grazas á enorme implicación de voluntarios como manifestou o presidente da comunidade de montes de Casaio e Lardeira, Francisco Fernández. “Veu xente de Ourense, de Salamanca e incluso un italiano que se enterou da situación polas redes sociais”, destacou. A pesar disto, todo o entorno de carballos que rodea o bosque si que resultou afectado.

Na zona quéixanse pola falta de reacción na zona durante as primeiras xornadas do incendio. “Os primeiros días estivemos case sen deitarnos”, resaltou Fernández.

Os amantes da montaña lamentan que as administracións non valoren o suficiente as montañas de Trevinca e o papel que desempeñan en Galicia, “o lugar de maior importancia de montaña da comunidade, con altísimo valor medioambiental. Parece que non estamos en Galicia”, lamentou o presidente do club Montaña de Trevinca, Antonio Fernández “Cholo”, que pide respostas áxiles ás administracións.

As chamas continúan en propagación, especialmente na parroquia de Casaio, de Carballeda de Valdeorras. “Quédannos dous ou tres días mínimo para intentar controlar o incendio”, subliñou Francisco Fernández.

Tinguida de negro toda a montaña ourensá a partir de 1.600 metros

Os dez maiores cumes da provincia superan os 1.600 metros e todos resultaron afectados pola vaga de incedios. Os sete picos máis altos atópanse no Macizo de Pena Trevinca, todos resultaron afectados polo incendio que entrou desde Castela e León, xa que se calcinou todo o territorio por riba de 1.400 metros.

Trátanse dos cumes de Pena Trevinca (2.127 metros), Pena Negra (2.121), Pena Surbia (2.116), Pena Negra noreste (2.089), Ladeira da Medias (2.066), O Puertas (2.032) e Maluro (1.931).

Tamén resultou afectada Cabeza de Manzaneda (1.781 metros), polo incendio iniciado en Chandrexa de Queixa; a Fonte do Santo (1.615), en San Mamede, polo mesmo lume, e Turrieira, na Enciña da Lastra (1.612).

Contenido patrocinado

stats