LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 8 de diciembre
INICIATIVAS
A historia de Victoria e Antonela Correa é semellante á de tantos fillos e netos de galegos. Foron os seus bisavós os que deixaron Galicia para cruzaren o océano Atlántico en busca dunha vida mellor. No seu caso, esa “longuísima viaxe en barco” tiña Uruguay como porto de destino. Así llo transmitiu a bisavoa Irene ás dúas mozas, que medraron no país americano oíndo falar da súa terra familiar. “Somos bisnetas de galegos, pero o noso vínculo con Galicia é agora aínda máis forte”, dende que hai catro anos a súa nai emprendeu a viaxe inversa dos seus antepasados para establecerse aquí co seu home e o seu fillo pequeno. “Cando viñeron tiña tres anos e agora xa ten sete”, lembra Antonela.
Nestas circunstancias, as dúas irmás Correa non dubidaron en inscribirse no programa Conecta co Voluntariado, impulsado dende a Secretaría Xeral da Emigración, “porque non tiveramos antes a posibilidade de viaxar dende Latinoamérica a Europa”. Coñecer a cultura do pobo dos seus e rencontrarse coa súa nai eran os seus obxectivos para participar nesta iniciativa, co medo “de non conseguir entrar as dúas”. Finalmente si que o conseguiron e estes días desenvolven o seu voluntariado no grupo cultural que realiza tarefas de limpeza e mantemento no castro de Viladonga, no municipio lucense de Castro de Rei.
En palabras da propia Antonela Correa, trátase dunha oportunidade “impagable”, porque lles permite rencontrarse coa súa nai despois de catro anos sen verse, así como de “coñecer un lugar moi importante para a nosa familia”. A mesma bisavoa Irene que lles contaba as historias de emigración vive hoxe de novo en Ordes, onde teñen primos e tíos, así que “o noso vínculo con Galicia é moi forte”.
O pasado martes, Victoria e Antonela chegaron ó aeroporto Rosalía de Castro, onde, ademais da recepción oficial, tamén as estaba agardando a súa nai. “Había catro anos que non a viamos e foi moi emotivo”. Pasados esos nervios iniciais, as irmás Correa están estes días descubrindo unha terra “que nos ten a todos namorados”. Conecta co Voluntariado ten como obxectivo reunir a familiares e descendentes de galegos, brindándolles a oportunidade de facer un voluntariado durante dúas semanas. “Nós estamos no castro de Viladonga axudando a limpar o entorno, estivemos arrincando prantas que poden lixar o lugar e facendo tarefas de reconstrucción, mantemento…”.
Pero non se trata só de traballar, senón que “tamén nos levan a coñecer diferentes sitios de Galicia para que reconectemos coas nosas orixes”. Tal e como o percibe Antonela, “buscan amosarnos a cultura, o folclore, a xente e interactuar moito a través de xogos e desafíos…”. Esta compoñente máis turística “é a que máis nos emociona a todos”. Nos seus primeiros días, a voluntaria de Uruguay confésase “fascinada coas paisaxes, a flora, o clima… Estamos namorados deste lugar”.
Para ela, esta experiencia, que califica de “moi linda”, está sendo unha “porta aberta”, non só para achegarse á terra dos seus senón tamén de futuro. “O obxectivo do programa é que coñezamos isto porque tamén lles gustaría que voltaramos; aínda que nós non somos os que marchamos, si somos descendentes desas persoas que nos falan con moito amor do seu pobo, da súa terra”.
Neste sentido, fala de xeito global dos diferentes programas que mantén a Secretaría Xeral da Emigración, que “nos brinda moito apoio económico e de información para que poidamos quedar a estudar, sempre dispostos a axudarnos co plan Retorna”.
Tal e como o percibe Antonela, iniciativas como Conecta co Voluntariado permiten “que nos namoremos de Galicia, que non é nada difícil en realidade, que experimentemos como é a vida a aquí e queiramos voltar ou vir para aquí”. No seu caso afirma estar considerando esa posibilidade “e sei que moitos dos meus compañeiros tamén” o están valorando “gracias a toda a axuda que nos dan”. Mentres, xunto á súa irmá e o resto dos compañeiros, vive estes días en Viladonga unha experiencia vital coa que conectar coas súas orixes galegas ó tempo que coidan dun enclave arqueolóxico de gran importancia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 8 de diciembre
COMPROMISO Y DEDICACIÓN
Tradición, industria y tecnología: la maestría artesanal de STL
CRECEN LOS SEMINARISTAS
Caen los fieles, pero sube la vocación en la Diocésis: 26 curas en cantera
Lo último
PROPUESTA DE EEUU
La segunda fase del plan para la paz en Gaza, “más próxima”
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 8 de diciembre