O Ourense Film Festival invita a percorrer o Ourense máis cinematográfico

ROTEIROS DE CINE

O OUFF recupera os seus Roteiros de Cine con tres percorridos gratuítos pola provincia para descubrir escenarios de películas e series, que se celebrarán os días 28 e 30 de setembro e o 2 de outubro.

Un dos lugares polos que transcurrirán os Roteiros de Cine.
Un dos lugares polos que transcurrirán os Roteiros de Cine.

O OUFF recuperará na súa 31ª edición os Roteiros de Cine, unha das actividades paralelas máis consolidadas do certame, con tres percorridos gratuítos pola provincia para descubrir espazos que serviron como escenario de películas e series. As rutas celebraranse os días 28 e 30 de setembro e o 2 de outubro, coincidindo co festival, que se terá lugar ntre o 25 de setembro e o 4 de outubro.

Esta proposta busca achegar o gran público á Ourense máis cinematográfica a través de localizacións que se transformaron diante das cámaras para contar historias tan diferentes como emblemáticas. Ademais de identificar as diferentes lugares de rodaxe, as visitas incluirán anécdotas, curiosidades e detalles sobre as producións que escolleron a provincia como plató co obxectivo de elaborar unha mirada completa das longametraxes e series.

O primeiro percorrido, que se celebrará o 28 de setembro, pasará por Melón, Camporredondo, Ribadavia, San Clodio, Pazos de Arenteiro e Moldes. Entre as obras vencelladas a estes lugares figuran “A Esmorga”, “Cotolay”, “El desorden que dejas”, “Olvido y León”, “Los girasoles ciegos”, “Cuñados” ou “Elisa y Marcela”.

Dous días despois, a ruta discurrirá por San Pedro de Rocas, Allariz, Verín e Cabreiroá, con referencias a títulos como “Live is life”, “A lingua das bolboretas”, “Cuñados” -que repite co anterior itinerario-, “La virgen del cristal”, “Me has robado el corazón” ou “Vidago Palace”.

A derradeira actividade, programada para o 2 de outubro, estará centrada na cidade de Ourense e en Celanova e repasará producións como “13 exorcismos”, “O home e o can”, “Hospital central”, “Santoalla”, “El bosque del lobo” ou novamente “A Esmorga” e “Los girasoles ciegos”.

As visitas estarán dirixidas por Beatriz Rodríguez Álvarez e Olalla Lorenzo Sueiro e incluirán desprazamentos en autobús entre as diferentes localizacións. A participación é gratuíta, pero require inscrición previa porque as prazas son limitadas. As reservas poden realizarse a través do correo roteirosdecine@gmail.com ou nos teléfonos 690 813 726 e 988 215 465.

A iniciativa mestura deste xeito cinema, reivindiación do patrimonio e divulgación, ao tempo que reivindica o papel preponderante da provincia como escenario audiovisual e reforza unha actividade que xa se converteu nunha das máis recoñecibles do OUFF.

Contenido patrocinado

stats