O PSdeG de Ourense estableceu o calendario para a celebración das primarias e do V Congreso provincial

ELECCIÓNS NO GRUPO SOCIALISTA

Os socialistas ourensáns veñen de anunciar a definición do seu calendario para as eleccións primarias, así como tamén do V Congreso Provincial

Publicado: 14 mar 2025 - 23:39 Actualizado: 14 mar 2025 - 23:40
José Ángel Barquero, Natalia González y Alba Iglesias.
José Ángel Barquero, Natalia González y Alba Iglesias.

A Comisión Executiva Provincial do PSdeG PSOE de Ourense vén de manter unha reunión ordinaria na que se definiu o calendario orgánico para as próximas semanas, co fin de proceder á celebración das eleccións primarias a secretaría provincial e do V Congreso Provincial Ordinario. As e os socialistas destacan que “estamos ante un novo proceso no que prima a participación democrática de toda a militancia para seguir a construír o mellor proxecto socialista ourensán”.

O proceso comezará o sábado 22 de marzo mediante a celebración do Comité Provincial en Lobios, no que se debaterá e ratificará a proposta de calendario, no que destacan datas como a presentación de precandidaturas do 27 de marzo ao 3 de abril; a recollida e presentación de avais, do 4 ao 11 de abril; a campaña de información, do 17 ao 26 de abril, e a proposta de candidaturas dos delegados ao V Congreso, o 25 de abril.

A votación á secretaría xeral realizaríase o domingo 27 de abril. No caso de ser precisa unha segunda volta, esta tería lugar o domingo 4 de maio. Logo das xornadas de votación e ata a celebración do Congreso, haberá tempo para traballar no relatorio marco que fixará a orientación do proxecto para os vindeiros anos. O proceso finalizará co V Congreso Provincial Ordinario, previsto para o domingo 18 de maio.

As e os socialistas ourensáns seguirán a ser o “instrumento máis útil para traballar por todos os ourensáns, co fin de dar resposta aos seus problemas e para impulsar o presente e o futuro da provincia”, aseveran. Ao fío disto, a Comisión Executiva fixo balance da situación actual e destacaron que o obxectivo “é seguir traballando na procura de que Ourense avance e resolver as necesidades da provincia”.

Así pois, a Comisión Executiva Provincial concluíu confirmando a “necesidade” de que a nova formación resultante deste proceso democrático dos e das socialistas “continúe nesta mesma liña ascendente”, co fin de “manter o rumbo” para “avanzar por Ourense”.

Contenido patrocinado

stats