Cando o bispo Quevedo cualificou de ofensivas as pandeiradas
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Rexístrase a existencia de pandeiradas na provincia, alomenos, dende 1778. O musicólogo, Manuel Garrido, descobre o primeiro documento histórico que fai referencia a este tipo de celebracións
“No consienta en su parroquia se den comidas que llaman de campo, pitanzas, panderadas, bailes y juntas de mujeres y mozos después del toque de oración, con pretexto de hiladas e de velar cadáveres de los difuntos ni otro alguno en lo que suelen resultar grandes ofensas contra Dios nuestro señor”. Estas foron as palabras escritas polo bispo Quevedo -que máis tarde acabaría sendo cardeal- nun mandato parroquial que data do ano 1778 e que fai refencia ao lugar de Xirazga, do concello de Beariz.
O musicólogo e etnomusicólogo Manuel Garrido localizou este escrito recentemente no arquivo diocesano de Ourense, durante a investigación da súa tese. Trátase do documento máis antigo (localizado ata o momento) no que se rexistra a existencia de pandeiradas -reunións nas que as canteiras tocan a pandeireta e cantan, mentres outros bailan-.
Con este achado pódese marcar unha primeira referencia sobre a orixe destas celebracións, un fito de especial relevancia no mundo da música tradicional galega. “Sempre se falou das pandeiradas e cantareiras como algo que herdabamos dos nosos antepasados, sen coñecer realmente os inicios”, sinala Garrido, “con este documento comezamos a saber con certeza dende cando se levan a cabo este tipo de celebracións, a partir de aquí podemos comezar a marcar un percorrido máis real”, celebra o experto en música e tamén profesor na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense.
Aínda que a hoxe as cantareiras son unha figura presente en moitos recunchos da comunidade galega, o documento fai referencia, de xeito específico, á zona de Liñares. Isto podería significar que fose un dos lugares onde temos constancia que se organizaban pandeiradas. “Só se prohibía nesta parroquia, noutros puntos non era necesario facelo, porque probablemente non se daban estas celebracións”, apunta Garrido, que sinala que hai tres zonas por excelencia á hora de falar de cantareiras: Bergantiños, Mondariz e Liñares. Engade tamén que o que fai especial as pandeiradas é que calquera persoa podía participar nelas, independentemente do seu talento, porque “o importante non era facelo ben, se non desfrutar”.
Esta tradición chegou ata o hoxe polo boca a boca. “É unha tradición popular que sempre se transmitiu de xeito oral”, reflexiona o musicólogo. Así, hai moi poucos rexistros que recollan as cancións e ritmos que existen, e son ademais moi recentes. “Hai 40 anos eu fun a Liñares para gravar unha pandeirada, pero hai moi poucos documentos sobre todo o que as rodea”, revela Garrido que asegura que “moi poucos autores investigaron a fondo este tema”. Deste xeito, hai que resaltar que os cantos, aínda que teñen a mesma esencia, foron modificándose ao longo dos anos, adaptando as letras á realidade que se vivía en cada época.
Por outra banda, cómpre sinalar que as pandeiradas non foron as únicas manifestacións musicais que non estaban ben vistas pola Igrexa. “Este mesmo bispo tamén prohibiu as gaitas nas procesións e celebración de fiadeiros noutros lugares”, asegura Garrido en referencia a outros documentos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Miércoles, 4 de febrero
MÁXIMA PRECAUCIÓN
Galería | Las lluvias anegan los campos de A Limia y arruinan el cereal
Lo último