A historia de Galicia cántase
CANTAREIRAS EN OURENSE
Este ano as Letras Galegas están dedicadas á poesía popular oral, representada na figura das cantareiras; estas mulleres foron, son e serán fieis gardiás da nosa cultura, que manteñen presente e van difundindo a través de actuacións musicais
Durante xeracións, as cantareiras preservaron a historia da cultura tradicional galega a través das súas voces. Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina Casás, Teresa García, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido, son os sete nomes propios aos que están dedicadas as Letras Galegas neste 2025, na honra da poesía popular oral. Con todo, a figura das cantareiras está presente en todos os recunchos de Galicia polo que este ano o día da nosa lingua é especial e persoal para moitas persoas.
“É un orgullo que por fin se recoñeza o traballo que fixo tanta xente en toda a súa vida e que case nunca saíu á luz”, celebra Ana Rodríguez, profesora de varios grupos de pandereiteiras. Mentres, Diana, do grupo Silveiras do Támega de Laza, lamenta que entre os nomes que elixiu a Real Academia Galega non esté ningún da provincia de Ourense. “Para min é impensable que se esquezan da Concha do Canizo”, sinala, “foi unha eminencia, tiña un xeito moi particular de tocar un pandeiro que xa en sí era particular”.
Esta tradición axuda a manter viva a lingua galega e, lonxe de estar en perigo, dende hai uns anos o interese pola pandeireta aumentou entre os máis pequenos. “Dende o efecto Tanxugueiras houbo un boom de rapaces que apuntaran a clase”, recoñece Rodríguez que ensina a pequenos e maiores en agrupacións como a Asociación de Veciños Loureiro, do barrio do Couto.
“Eu chorar chorei” ou “A Saia da Carolina”, son dúas das cancións que empezan aprendendo os máis pequenos. “Os ritmos son sinxelos e ademais moitos xa coñecen a letra, polo que fai todo máis fácil”, explica Rodríguez. Con todo, cada grupo ten as súas preferencias a hora de elixir composicións para as súas actuacións. Incluso chegan a ter as súas propias letras. “Nos agora temos un montón de coplas que herdamos, pero igual un día estás cantando e dis mira se lle damos esta volta e a facemos máis de agora, tamén queda ben”, sinala Diana.
As letras fan referencia a moreas de cousas o que achega riqueza a esta tradición e axuda na difusión do galego. “Os nenos as veces preguntan que significan algunhas cousas, así tamén van aprendendo o noso idioma”, asegura Rodríguez, aínda que algunhas composicións mesturan tamén o castelán. “O motivo non é outro que a prohibición do uso do galego durante un tempo”, indica a cantareira.
Sobre as claves para aprender a tocar a pandeireta, a profesora deixa claro que “o máis importante é que che guste e ter ganas”, xa que o máis bonito desta tradición é que calquera pode participar, sen necesidade de ter un talento concreto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Miércoles, 4 de febrero
MÁXIMA PRECAUCIÓN
Galería | Las lluvias anegan los campos de A Limia y arruinan el cereal
Lo último