UNA IMAGEN MEJORADA
La estación de autobuses luce sus últimas mejoras
PIONEIROS LOCAIS
A semana do “apagón”, “apagada” ou “apagamento” no que nos sumiu o complexo matrimonio entre as diferentes fontes de enerxía que se producen no país, levoume a min a finais do século XIX e comezos do XX, cando a luz do candil e as lámpadas de gas foron substituídas polas primeiras farolas eléctricas. Daquela emerxeron sobre as augas dos ríos ourensáns unhas pioneiras “fábricas de luz”, de entre as que decidín traer a colación a do río Arnoia -na Peneda- pola cantidade de “xerifaltes” que intermediaron na súa xestión.
Aínda que a construcción da hidroeléctrica da Peneda, situada moi preto da desembocadura do río Arnoia, no municipio do mesmo nome, ten sido considerada obra ligada a unha insólita compañía inglesa que na primeira década do século XX xestionou a explotación dunhas vetas de estaño, repartida en dúas minas coñecidas como Sultana I e Sultana II, nos concellos de Gomesende e Freás de Eiras, o seu funcionamento inicial debe ser ligado á eclosión das coñecidas como “fábricas de luz”, proxectadas por un bo número de pioneiros locais que viron na chegada da electricidade ás súas vidas, non só un gran avance social, senón tamén unha importante fonte de ingresos para as súas economías particulares.
Pioneiros locais que se valeron nalgúns casos da súa boa situación económica ou que procuraron financiamento e “boa sombra” para conseguir as necesarias licencias de explotación, en portentados alleos que aproveitaron a oportunidade sen ter sequera contacto vital coa provincia.
Tal foi o caso do comerciante de Leiro, Ramón Moure Valdés, que en setembro de 1900 consegue a contrata do servizo da luz eléctrica a Ribadavia a través dunha sociedade denominada “Sociedad Eléctrica del Arnoya”, da que tamén forma parte o enxeñeiro de minas e electrotécnico, Luis de la Peña e Braña, quen, co tempo, chegaría a ser director do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España. Unha sociedade, esta, que se constitúe formalmente nos primeiros días de xaneiro de 1901 en Madrid e da que forman parte, ademais dos propios Ramón Moure e Luis de la Peña, o tamén enxeñeiro de camiños Francisco de Federico Martínez, cuñado do marqués de Riestras e que chegaría a ser ministro de Fomento, ademais de Enrique Rico Naya e do que fora, entre outras cousas, alcalde de Pontevedra, Isidoro Martínez Casal, en quen descargan a xestión inicial da sociedade ó nomealo xerente da mesma e situar a súa sede social na capial pontevedresa.
Con esta conformación societaria, no ano 1902 coseguen tamén o contrato de Celanova por un periodo de 20 anos e nese momento xa falan de que para ofrecer tal servizo, “en el punto denominado La Peneda, poseen una fábrica construida recientemente con arreglo a los últimos adelantos, la cual se halla produciendo fluido eléctrico sin avería o interrupción”.
Pero, tal e como desvelan os seus perfís, uns e outros acaban tendo outras ocupacións máis importantes, polo que en 1907 traspásanlle a compañía explotadora das minas de estaño, a inglesa “The Arnoya Mining”, a central da Peneda, quen amplía a mesma co fin de dar servizo tamén para os trens de lavado dos minerais nas dúas “Sultanas”.
Pasan os anos e a central acaba nas mans dun personaxe singular que sen ser de Ribadavia, mantívose ligado á comarca do Ribeiro, como foi o militar e fillo de militar, Siro Alonso, quen despois de volver como un heroe do Rif, retirouse durante un tempo da vida militar e, non só organizou xornadas de caza maior polos terrenos da súa propiedade da “Eléctrica del Arnoya”, senón que tamén competiu con outro ribeirao –con gran espírito emprendedor, pero menos sorte na vida– como foi Salustiano Peña, fundador da Eléctrica del Avia e duns aserradeiros, e que morrería á curta idade de 42, poñendose á fronte das empresas a súa viuva Concepción González, quen no ano 1929 chega a comprar a “Eléctrica del Arnoya”, malia que Siro Alonso siga, dalgún xeito, ligado a ela, incluso cando xa a guerra o tiña afastado de Ribadavia.
Tanto o perfil de Siro Alonso, coma o de Salustiano Peña darían pé para senllos relatos propios. No caso do primeiro, o “alzamento” devólveo á vida militar cos galóns de comandante, incorporándose á Lexión en Cáceres baixo as ordes do xeneral Yagüe.
No transcurso do conflito bélico é ascendido a coronel, conseguindo finalmente o grao de xeneral de brigada e, xa nos tempos da posguerra, gobernador militar de Pontevedra e finalmente gobernador militar de Madrid, onde finou no mes de xullo de 1951.
Pola súa banda, Salustiano Peña emerxe como empresario “da luz” coa “Sociedad eléctrica del Avia” coa que se fai coa explotación do servizo eléctrico de Ribadavia, Leiro, Ventosela ou Francelos, competindo en condicións case de igualdade coa poderosa “Sociedad Eléctrica del Arnoya”, ademais de poñer en marcha uns aserradeiros de madeira.
Sen embargo, a saúde non o acompañou e despois de ter sido tratado en Madrid, falece no Nadal de 1928, deixando viúva e dous fillos que, co tempo, seguirían prematuramente o seu mesmo desgraciado camiño.
En 1929, Concepción vese na obriga de poñerse á fronte dos negocios, nese mesmo ano compra a “Eléctrica del Arnoya”, morre atropellado o seu xefe de máquinas, árdelle o aserradeiro, os traballadores póñenselle en folga polo incumprimento das 8 horas de traballo, a clientela de Ribadavia entra en conflito polas condicións do servizo de luz, enfróntase a unha avería importante dunha turbina, en febreiro de 1931 morre a súa filla Dolores e en agosto de 1933 o aserradeiro volve sufrir outro importante incendio e que a leva a venderllo ó seu conveciño Manuel García, rematando tan tráxica xeira coa morte do seu fillo José no ano 1951, ó regresar de Río de Janeiro, onde vivía.
Evidentemente, a central hidroeléctrica da Peneda, non foi a única coa que contou o Arnoia para darlle luz ás xentes ó seu paso.
Pero houbo dous proxectos que por fortuna non saíron adiante.
O primeiro, nos anos 60, unha presa en Riobó (Vilar de Santos) que derivaría as augas do Arnoia para regar as terras desecadas da lagoa de Antela. E nos anos 70, outra á altura de Sande, que chegaría ata Barxa (Celanova) e asolagaría aldeas de Cartelle e mesmo a ponte romana de Freixo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UNA IMAGEN MEJORADA
La estación de autobuses luce sus últimas mejoras
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este martes, 23 de diciembre
COMITÉ PROVINCIAL
Dimite la presidenta del CEP de Vox Ourense por "proyectos personales"
Lo último
TERCERA FEDERACIÓN
El Barbadás prescinde de Guillermo García
728 MILLONES EN LA PROVINCIA
El Gordo llega a León tras un verano especialmente duro
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Desorden
AL MENOS DOS SEMANAS
Parada de Sil y A Teixeira sin médico durante las navidades