Tres lustros de premios para os que levan a nosa provincia de Ourense polo mundo

PREMIO OURENSANÍA 2025

O galardón leva entregados 25 recoñecementos dende 2011 a figuras da cultura, a empresa, o deporte ou a emigración

O empresario Olegario Vázquez Raña recolleu o Premio Ourensanía o ano pasado.
O empresario Olegario Vázquez Raña recolleu o Premio Ourensanía o ano pasado.

O 11 de novembro de 2011, a Deputación de Ourense sumábase a ese xogo de cifras inaugurando o Premio Ourensanía. Naquela primeira edición, un total de 11 persoas, grupos ou institucións recibiron un galardón co que a institución provincial quería outorgarlles un recoñecemento honorífico pola súa traxectoria profesional, social e intelectual ó tempo que lles agradecía a súa vinculación coa provincia e por levar o nome de Ourense polo mundo.

Tras aquela primeira e numerosa edición, o galardón converteuse nun recoñecemento individual que cada ano busca destacar os logros dun ourensán, unha ourensá ou un colectivo ligado á provincia. Contando aqueles 11 primeiros galardoados, o premio Ourensanía suma este ano 15 edicións cun total de 25 recoñecementos nos que os mundos da cultura, a empresa, os deportes, a xudicatura, a relixión e a emigración foron homenaxeados a través das súas figuras.

Todos estes eidos estiveron representados naquela primeira edición do 11 do 11 do ano 11 cos nomes de Viña Costeira, Aixiña, Escudería de Ourense, o grupo de investigación de Enxeñería Química EQ2, Coren, Xosé Luis Méndez Ferrín, o empresario Mario Dacosta, Cristina Pato, a comunidade cisterciense do Mosteiro de Oseira, o Parador de Santo Estevo e o xadrecista Iván Salgado, once exemplos de ourensanismo polo seu esforzo e proxección das súas orixes.

Traxectorias destacadas

Despois deles, o Premio Ourensanía recaeu ó seguinte ano no xuiz Vázquez Taín, un exemplo de constancia pola súa loita contra o narcotráfico. O ano seguinte, o mesmo no que se elixía ó Papa Francisco, o Monseñor José Rodríguez Carballo acadaba un alto posto no Vaticano así como o Premio Ourensanía, tanto polo seu labor monacal como pola súa defensa da identidade galega.

A partir de aí, o mundo da cultura ten sido o máis louvado. Inaugurouno a xornalista Victoria Prego en 2014, a quen se lle recoñeceron as súas “imprescindibles aportacións á comunicación e a política para entender la historia de España desde a transición”. Dous anos máis tarde dábase o salto ó audiovisual na figura de José Sousa, produtor afincado en Venezuela pola súa relevancia no cine pero tamén como apoio á complexa situación política do país. No 2019, o Premio Ourensanía miraba de novo cara á comunicación con Alfonso Sobrado Palomares, “pola súa ampla traxectoria literaria e xornalística”.

Este galardón non se limita ás fronteiras físicas da provincia e mostra diso foi a concesión no 2022 ó fotógrafo Manuel Outumuro, cunha traxectoria gráfica de alto nivel internacional. Este mesmo recoñecemento que trascende os mapas ourensáns fíxoselle a Adolfo Domínguez en 2023, por situar a Ourense no mundo da moda.

A empresa ou os deportes foron outros dos ámbitos nos que os protagonistas da Ourensanía teñen feito méritos recoñecidos ano tras ano. Hai xa unha década, na quinta edición, rendéuselle unha homenaxe á familia Barreiros Rodríguez, personificada en Mariluz Barreiros, presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, un home que deixou a Ribeira Sacra para converterse nun referente da automoción. Unha viaxe semellante á que fixo Olegario Vázquez Raña, premiado o pasado ano -catro meses antes do seu falecemento-, un exemplo de emprendedor con orixes no Ribeiro que deixou pegada en México e en toda América.

Ourense tamén atesoura méritos deportivos en persoas como o ex futbolista Miguel Ángel González, vinculado durante case dúas décadas ó Real Madrid e á Selección Española converténdose no deportista ourensán que máis altas cotas de recoñecemento acadou no ámbito internacional e que recibiu o premio en 2017, ou o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, “firme valedor do movemento olímpico”, galardoado en 2021.

Son moitos e variados os eidos nos que a ourensanía está presente no mundo e moitos deles da man da emigración. Como homenaxe colectiva ós esforzos dos ourensáns de alén do mar, no 2018 o premio viaxou ata Buenos Aires e Montevideo para recoñecer o traballo do Centro Partido do Carballiño (Arxentina) e o Centro Ourensano (Uruguay).

Este ano, o Premio Ourensanía céntrase na saúde mediante a figura de Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía de Hospital de Santiago. Pero o eido sanitario xa estivo tamén presente no ano máis complicado para o benestar global. En 2020, María Purificación Neira González, directora do Departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde, recibía a distinción en Oviedo, polo seu labor no ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia.

Un total de 25 galardóns entregados en 15 edicións que reafirman a Ourensanía como un exercicio de identidade para unhas traxectorias vitais e profesionais dignas de premio.

Unha escultura coa esencia da ourensanía

A esencia do Premio Ourensanía entrégaselle cada ano ós homenaxeados a través dunha figura creada polo escultor ourensán Xosé Cid elaborada en bronce. Esta lembranza en forma de peza artística complétase cunha copia da acta que acredita a concesión do galardón. Mañá, na décimo quinta edición deste recoñecemento, será o doutor Rafael López quen reciba a peza na que Xosé Cid recolleu o espírito dese sentimento ourensán.

A gala de entrega do Premio Ourensanía terá lugar mañá, luns, no Teatro Principal de Ourense ás 18,00 horas, onde o premiado estará acompañado por familiares, amigos, compañeiros sanitarios e representantes das principais institucións e entidades da política, a empresa e a sociedade galega. Os ourensáns poderán seguir o acto en directo a través de Telemiño e a páxina web laregion.es.

Contenido patrocinado

stats