Pegada de Ourense en África

ESTUDOS COLONIAIS

A historiadora Benita Sampedro, especialista en estudos coloniais, resume a relación de Quintela de Leirado con Guinea Ecuatorial entre os anos corenta e os sesenta despois dunha visita ao Museo da Emigración a Guinea.

Benita Sampedro é catedrática de estudos coloniais na universidade de Hofstra (Nova Iorque).
Benita Sampedro é catedrática de estudos coloniais na universidade de Hofstra (Nova Iorque). | C. Q.

“Interésame todo o que teña que ver con Guinea Ecuatorial como parte das miñas investigacións en historia colonial de España. E de Guinea había moita información de empresarios cataláns e vascos, mesmo dos emigrantes do val de Benasque, que eran eses que aparecen no filme Palmeras en la nieve. Mais buscando no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares, atopeime cunha carpeta que poñía: Quintela de Leirado, Orense”. Así chegou Benita Sampedro, coruñesa, catedrática de estudos coloniais na universidade de Hofstra (Nova Iorque), até o Museo da Emigración a Guinea Ecuatorialúnico en España, presume o alcalde, o veterano Pérez Cortés, con máis de catro décadas á fronte do concello—.

A carpeta abriuse en 1944, pouco despois da guerra. “Antes non se podía, non se permitía saír porque eran tempos de reconstrución do país. Pero no 1942 empeza a mudar a lexislación sobre emigración. E no 44, ademais, o Estado franquista empeza a confiscar gando”, conta Sampedro. Outro factor determinante foi a rede migratoria tecida desde que Eloy Estrada, un paisano da aldea da Mourisca, se establecera como propietario a finais do século XIX.

As viaxes cara a Guinea foron continuas até o retorno apresurado tras a independencia, a finais de 1968. O alcalde, José Antonio Pérez Cortés, contoulle á historiadora durante unha visita este mes ao museo que el foi un dos últimos en abandonar o país, en marzo de 1969. “Foi case unha evacuación”, anota ela.

Non era o mesmo emigrar a outro estado que emigrar ás colonias, que ao fin eran territorio nacional”, lembra Sampedro. Así, os españois que foron chegando non o facían como persoal recolector. “Era un agro moi diferente ao de subsistencia familiar que deixaran aquí. Alá eran plantacións, unha agricultura industrial, e ocupáronse como capataces, condutores de maquinaria, transportistas ou no comercio. O persoal que facía o traballo de recolección nas explotacións de cacao era contratado en Nixeria, maioritariamente, aínda que tamén viñan doutras partes, como Camerún”.

Os braceiros

As colonias africanas pouco tiñan que ver coas americanas. “Foron épocas históricas e procesos totalmente distintos. África repartiuse, non foron guerras de ocupación. Comezou a finais do século XIX, cando os imperios español e portugués xa estaban liquidados. Se acaso, por buscar algunha similitude, diría que Cuba, onde existiu un sistema de escravitude até 1886, foi un modelo, aínda que vago, a través de explotacións enormes: en Guinea houbo explotacións que alcanzaron os 200 homes. Braceiros asalariados, iso si”.

A historiadora precisa: “Legalmente non eran escravos, eran traballadores asalariados, os braceiros daquela época; pero o modelo de explotación si era o da plantación, como en Cuba”.

“Os colonialismos en África non eran colonialismos de escravitude stricto sensu. Houbo diferenzas entre potencias europeas e entre colonias costeiras e outras zonas como o Congo belga, onde as condicións foron moi duras. No caso de Guinea, non foron os bubis, orixinarios da illa de Fernando Po, os que traballaron nas plantacións; a maioría dos braceiros eran traballadores contratados pola Administración española noutras partes da costa africana, como Nixeria”.

O próximo ensaio de Benita Sampedro levará por título Racismo científico y prácticas biopolíticas: el proyecto colonial español en África como laboratorio de experimentación bajo el franquismo e será publicado este ano pola editorial Bellaterra. A historiadora tamén axudou a recuperar figuras como a de Raquel Ilombé, nome artístico da escritora ecuatoguineana Raquel del Pozo Epita, e dirixiu unha tese sobre Ngugi wa Thiong’o, o escritor keniano que abandonou o inglés polo kikuyu. A cultura, o legado das colonizacións, é hoxe un campo de batalla dos estudos postcoloniais e decoloniais.

Sampedro pensa que en Guineao pasado está aí: a arquitectura, a relixión, o idioma… e tamén fronteiras artificiais, fonte de problemas; e é o presente o que preocupa”. Considera que España, xa sen intereses económicos relevantes, pinta pouco como socio, e anima finalmente aos responsables do museo a avanzar, ampliar colaboracións e ir máis alá da conexión directa Quintela–Guinea.

Contenido patrocinado

stats