O Festival Rebulir cumpre 20 anos como garante de cultura e tradición

MÚSICA E BAILE POPULARES

Ramirás celebrou por todo o alto unha emotiva gala do Festival Internacional Rebulir (FIR) coa entrega dos XIV Premios Rebulir e as actuacións das 12 delegacións participantes

O 20º Festival Internacional Rebulir de onte en Ramirás volveu ser unha festa da cultura, o baile e a música propias.
O 20º Festival Internacional Rebulir de onte en Ramirás volveu ser unha festa da cultura, o baile e a música propias. | Lucía Otero

Un ateigado polideportivo do Picouto de Ramirás acolleu este sábado a gala central do Festival Internacional Rebulir (FIR), que este ano celebra o seu 20º aniversario, consolidado como cita ineludible no calendario cultural da provincia.

Polo escenario pasaron 300 artistas, que deslumbraron co baile e música de diversas procedencias ante os 750 asistentes que non quixeron perder unha xornada de reivindicación da cultura propia dos pobos, baixo o lema desta edición: “Feito no rural”.

A gala foi o punto álxido dunha programación que comezou o xoves, cunha decena de actividades entre palestras, exposicións e pasarrúas que se desenvolveron en distintas ubicacións de Celanova, Ourense e Ramirás, convertida novamente en epicentro do folclore internacional, e que rematan este domingo en Vilavidal.

Desta vez actuaron 12 delegacións culturais: tres internacionais (Ecuador, Portugal e Senegal), outras tantas estatais (A Rioja, Asturias e Cantabria) e seis galegas, entre elas os anfitrións e organizadores da asociación cultural e escola de baile e música tradicional Rebulir. Todas elas xa tiñan deixado unha pegada importante no público de Ramirás, e volveron ofrecer as súas danzas e melodías.

Premios en catro categorías

Na gala, conducida por Cé Orquestra Pantasma, fíxose entrega dos XIV Premios Rebulir da Cultura Galega, cos que se recoñeceu a traxectoria de figuras e entidades clave na promoción da nosa identidade. O galardón na categoría de Música recaeu no grupo Malvela pola transmisión das cantigas e o folclore popular, e que ademais interpretou a canción “O Pirimpimpin”. Na categoría de Artes Escénicas, a premiada foi a actriz lucense Cristina Castaño, unha figura destaca pola súa dilatada carreira tanto en series de televisión como no cine e teatro.

O momento máis audiovisual chegou co Premio Homenaxe, outorgado ao programa Luar da TVG, un referente histórico da televisión do país, con máis de 30 anos de emisión ininterrompida. Malia non poder acudir, o incombustible Xosé Ramón Gayoso agradeceu nun vídeo o premio.

Como novidade, outorgouse o Premio “Rogelio García Yáñez”, que leva o nome dun emigrante que investiu moito en Ramirás. Nesta edición entregouse á emigración galega en Euskadi, onde viven 42.000 personas nadas en Galicia, personificada por Mónica Calvo, presidenta da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi e do Centro Gallego de Álava, co fin de salientar a súa difusión e posta en valor da cultura galega a moitos quilómetros de distancia.

Presenza institucional

A importancia do FIR como elemento dinamizador e cultural quedou patente coa ampla representación institucional que se deu cita, co presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, e o da Deputación, Luis Menor, á cabeza, e que se encargaron de repartir algúns dos premios. Xunto a alcaldesa, Isabel Gil, tamén acudiron o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial, Manuel Pardo.

Alexandre Sotelino, director artístico e académico do FIR, fai un balance “moi positivo”, e non ten dúbidas de que dentro doutros 20 anos o proxecto Rebulir “continuará, está consolidado como parte da identidade da asociación e do concello”.

Contenido patrocinado

stats