FESTIVAL DE MAGIA
Abril arranca con magia en la villa de Ribadavia
TEATRO, DANZA, PERFORMANCE, CIRCO E ARTES VIVAS
A vila de Ribadavia acolle do 18 ao 26 de xullo a 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT), un dos festivais de artes escénicas máis veteranos e prestixiosos do país, que este ano aposta decididamente pola contemporaneidade, a diversidade, o feminismo e os formatos híbridos.
A presentación oficial do programa tivo lugar o pasado xuño na necrópole do Castelo de Ribadavia, nun acto institucional no que participaron o alcalde César Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o subdelegado do Goberno, Eladio Santos; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e as responsables artísticas da MIT, Sabela Mendoza e Gena Baamonde.
A MIT 2025 inclúe máis de 35 actividades repartidas por unha ducia de espazos escénicos —desde o Auditorio do Castelo ata prazas, museos, espazos naturais ou parroquias do municipio— configurando un festival expandido, que se abre á comunidade e ao territorio.
A programación de exhibición conta con 23 espectáculos procedentes de Galicia, do resto de España, Portugal, Italia e Brasil. Unha selección que combina linguaxes e formatos diversos, desde propostas íntimas ata grandes producións, e que aborda temas como a memoria histórica, identidade, saúde, ecoloxía, disidencia ou pensamento crítico.
A presenza galega é especialmente destacada, con nove compañías: Disiden.Cia, Ibuprofeno Teatro, La Guajira, Ártika, Ítaca Teatro, Pistacatro, Furia Sotelo, Chévere e o colectivo A Volátil, que participa por primeira vez na MIT. Ademais, celebrarase o 20º aniversario do Premio Abrente con actividades especiais.
Entre as propostas internacionais figuran a compañía italiana Parini Secondo con HIT (out); a portuguesa Circolando con Crátera; e a artista brasileira Mari Paula con Escambo, que tamén ofrecerá un obradoiro para infancia. Desde o panorama estatal destacan artistas e compañías como Luz Arcas/La Phármaco (Tierras raras), Los Torreznos (La cultura), Cris Blanco (Grandissima Illusione), Societat Doctor Alonso (Hospital de Campo), Malpelo (Bach), Kolektiv Lapso Cirk, María Jurado e Teresa Lorenzo, entre outras.
A MIT reforza o seu compromiso coa creación e a mediación con 3 residencias artísticas, 6 obradoiros abertos a profesionais, público xeral e infantil, e un programa de foros, encontros e actividades paralelas. Entre os obradoiros destacan propostas como o de clown con Roi Borrallas, máscara neutra con Mar Navarro, o laboratorio El Desenterrador con Sofía Asencio e Tomás Aragay, ou o obradoiro de movemento infantil con Mari Paula.
O ciclo satélite da MIT tamén levará espectáculos a aldeas como San Cristovo, Sampaio, Santo André ou Francelos, descentralizando o acceso á cultura escénica de calidade.
Esta edición incluirá a entrega do Premio da Academia Galega de Teatro ao director Xulio Lago, así como unha celebración especial polo 20º aniversario do Premio Abrente de dramaturxia. Tamén se outorgarán o Premio de Honra (que se anunciará na inauguración) e o Premio do Público, consolidado desde o ano 2000.
Os abonos estarán á venda desde o 1 de xullo por 62 euros. A venda de entradas individuais comezará o 7 de xullo, con prezos de 7 euros (tarifa xeral) e 5 euros (tarifa reducida) para estudantes e persoas desempregadas, agás a inauguración e clausura, cun custo de 10 e 8 euros, respectivamente.
O programa tamén inclúe espectáculos e actividades de acceso gratuíto, como obradoiros, presentacións e accións participativas todos os días do festival. A MIT 2025 conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC – Xunta de Galicia), a Deputación de Ourense, o INAEM (Ministerio de Cultura), entre outras entidades colaboradoras.
Máis información, inscricións e entradas: www.mitribadavia.gal
Contenido patrocinado
También te puede interesar
FESTIVAL DE MAGIA
Abril arranca con magia en la villa de Ribadavia
TEJIDO EMPRESARIAL
Ribadavia sitúa la economía social como eje de desarrollo
"ICONO" SANITARIO
Ribadavia, punto de partida de la nueva medicina rural
Lo último
JORNADA DE REFORESTACIÓN
Voluntarios plantan 700 árboles en Larouco, epicentro del mayor incendio de Galicia