Río identificará as necesidades da súa mocidade

ENQUISA

Unha enquisa do Concello de San Xoan de Río, enmarcada dentro do proxecto europeo “Connecting Rural Europe”, recompila información sobre as súas condicións de vida.

Casa Consistorial de San Xoán de Río.
Casa Consistorial de San Xoán de Río.

O Concello de San Xoán de Río lanza unha enquisa dirixida á mocidade rural de entre 16 e 30 anos, co obxectivo de recompilar información sobre as súas condicións de vida, oportunidades laborais, educativas e sociais, así como a súa visión sobre o futuro das súas vilas.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo Connecting Rural Europe: Networking and Development in Small Towns – Rural, que abrangue territorios de España, Italia, Croacia e Romanía.

A enquisa, que leva menos de dez minutos en completarse, permite analizar cuestións clave como o acceso á educación e ao emprego, as oportunidades culturais e sociais dispoñibles, ou a facilidade de acceso a servizos esenciais como a sanidade e o comercio. Ademais, afonda na percepción da mocidade sobre o futuro dos seus pobos e no seu grao de satisfacción coa vida no rural.

Entre as preguntas que se plantexan, destácanse aquelas relacionadas coas oportunidades laborais, a igualdade de xénero e a mobilidade xuvenil. Tamén se recolle información sobre os principais motivos que poderían levar a un mozo a mudarse a unha contorna urbana, así como os aspectos que máis valoran das súas vilas e aqueles que lles gustaría mellorar.

PRIMEIRO PASO

Esta enquisa constitúe o primeiro paso cara á creación dun grupo de traballo en cada país participante, no que se debaterán propostas e estratexias para fortalecer o papel da mocidade no desenvolvemento do rural europeo.

Contenido patrocinado

stats