Eduardo, Fidel e a economía de taller

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Capaz de erguer un imperio do motor entre as despóticas turbulencias do franquismo, capaz de asociarse e romper cos líderes americanos do automóbil e capaz de crear unha empresa á calor do máis rexo socialismo de Fidel... Así era Eduardo

Publicado: 24 oct 2022 - 08:07 Actualizado: 24 oct 2022 - 08:07

Eduardo Barreiros e Fidel Castro.
Eduardo Barreiros e Fidel Castro.

O xoves da semana pasada, sete profesionais que nalgún momento da traxectoria vital de Eduardo Barreiros mantiveron unha relación estreita con el, ademais da súa filla, Mariluz, que degrañou o corolario familiar, abordaron no foro que organiza este xornal algúns dos aspectos máis persoais e humanos daquel neno de Nogueira de Ramuín que ós 11 anos (1930) exercía de revisor no destartalado autobús de seu pai (que cubría o traxecto dende Os Peares a Ourense) e que trinta anos despois, iniciada a década dos 60, era o presidente dun emporio industrial do motor que lle daba traballo a 25.000 persoas.

Divulgada en milleiros de reportaxes, centos de entrevistas, ducias de publicacións, diversas biografías (a do hispanista Hugh Thomas ten 700 páxinas) e incluso nunha novela apócrifa,“Orestes murió en La Habana” da xornalista Elvira Daudet; a vida de Eduardo Barreiros é sumamente coñecida, non só para nós, os ourensáns, senón para o exército de persoas relacionadas co mundo do automóbil, para todos cantos tiveron algunha relación directa ou indirecta coa empresa e mesmo para usuarios nostálxicos dos seus emblemas automobilísticos, digamos os “Dodge Dart” e os “Simca 1000”. Por ter, ten un extenso clube de amigos -Club Barreirista de Galicia- que mantén acesa a saudosa labarada dos clásicos, e incluso unha fundación presidida por Mariluz, que xestiona un museo en Valdemorillo (Madrid), onde Eduardo Barreiros converteu en real a súa utopía empresarial.

En resumo, que non pretende esta páxina descubrir nada que non estea debullado por alguén nalgunha hemeroteca relacionada cos espazos vitais polos que transitou o inefable visionario do motor.

Así e todo, hai un episodio moi concreto dentro da nebulosa que envolve unha boa parte da súa vida cubana (1980-1992) no marco da relación que mantivo con Fidel Castro, que é á que lle imos dar protagonismo, non só pola clarividencia coa que foi abordada por Eduardo Barreiros, senón pola súa valentía, porque con menos motivos houbo outros colaboradores do réxime que acabaron sendo considerados traidores á revolución.

Trátase dunha carta que Barreiros lle trasladou a Fidel en maio de 1991, animado, probablemente, polo éxito que, logo dun complexo proceso de adaptación do empresario ós principios laborais da revolución (chegou a contar cunha ambulancia para ir buscar ós traballadores á casa e comprobar se era certa a enfermidade aducida para non presentarse na empresa) e trala sucesión de varios fracasos tecnolóxicos, conseguira coa creación dun motor exclusivo no que se asentaría a modernización industrial do país e comezaría a facer boa aquela máxima pronunciada polo Che Guevara nas orixes do goberno revolucionario, que dicía que “un país no es plenamente independiente sin una industria automotriz propia”. Iso, unido ós ventos cambiantes que procedían da Rusia de Gorbachov, levou a Barreiros -di Hugh Thomas- “a plantearle a Castro un cambio en la política oficial”, dado que “el éxito del Taíno -o motor- estaba basado en una economía mixta”.

Unha lección de microeconomía que, no fondo, era unha moción ó réxime castrista

En 1991 recibiu o título de Doctor Honoris Causa pola Universidade da Habana.
En 1991 recibiu o título de Doctor Honoris Causa pola Universidade da Habana.

É posible que o mesmo Barreiros, que tivo que apartar como puido as pedras que lle colocou no camiño o todopoderoso Insituto Nacional de Industria franquista, que lle organizou cacerías ó Caudillo para salvar as pexas da autocracia e que foi quen de erguer o emporio asumindo principios sobre autosuficiencia empresarial, a adaptación das necesidades laborais e dos medios de produción totais que asinaría o propio Marx; vistas as dificultades coas que a rixidez teórica do socialismo freaba a eficiencia práctica para desenvolver o país, debeu chegar a pensar que a súa experiencia nos dous lados sería tomada en consideración por Fidel.

Só así se entende que na misiva incluíra aseveracións do tipo: “Parece totalmente aconsejable alentar al hombre, animarlo e incluso ayudarlo cuando y cuanto sea preciso para que sus afanes de superación o de subsistencia, según los casos, no se vean abortados o relegados al mundo de los sueños”. Ou: “Hay personas con valores ocultos que, con una pequeña posibilidad, los pondrían al servicio de la sociedad, ya que un taller de carpintería resuelve los problemas de las mesas o de las sillas, pero también el de subsistencia de una o dos familias y el de formación de jóvenes; y más aún, un taller de reparaciones mecánicas, (si se me permite el ejemplo, de muchacho yo trabajé en uno); es decir, hablamos de pequeños centros de trabajo que generalmente son atendidos familiarmente, resolviendo el problema económico de la familia, formando profesionales en las distintas ramas y prestando un servicio a la sociedad a un coste muy económico...”

Aseveracións, estas, que o levan a indicarlle ó comandante que “en los quince años que llevo en Cuba he conocido a muchas personas con grandes valores, y me admira y me alegra su patriotismo y su fidelidad al régimen, pero muchas han terminado confesándome que su tristeza es grande ya que al no poder desarrollar libremente su profesión, ello los conduce a marchar”. Unha verdadeira lástima, di Barreiros, na linde da conclusión: “Si el Gobierno permitiese a los cubanos desarrollar esta serie de pequeños negocios o actividades que la población necesita, ello significaría que el sistema actual no tendría por qué variar”.

Barreiros morrería 9 meses despois, Fidel duraría aínda 25 anos e Cuba aí segue, á procura do mito inalcanzable da iniciativa privada.

Contenido patrocinado

stats