COLOR DEL AÑO
Cloud Dancer: minimalismo, calma y moda en un solo color
Crónicas de agora e sempre
O recente acordo tomado polo Concello da Pobra de Trives no sentido de declarar fillo predilecto ó neumólogo Julio Ancochea, levoume a unha saga familiar ourensá na que destacaron -e destacan- numerosos compoñentes, entre os que traio a colación a un dos pioneiros que, por máis que teña rúa e instituto na vila e o ano pasado fose publicado un libro de tributo polos profesores de Matemáticas da Universidade de Vigo, Ángel Cid e Benjamín Macía, no fondo resulta un gran descoñecido para o groso da sociedade ourensá.
O trece de xullo de 1920 este mesmo xornal daba conta de que na cidade de Córdoba (Arxentina) acababan de celebrarse eleccións municipais “siendo elegidos concejales los comerciantes españoles Germán Ancochea y José Patiño”.
Germán era sobriño dos reputados comerciantes triveses asentados dende había décadas na devandita cidade, Eumenio e Pedro Ancochea Boscossi, e a pesar da súa xuventude, o mozo “había llegado a labrarse una brillante posición”, como demostra o feito de ter acadado o escano na municipalidade cordobesa.
Sen embargo, tan só tres meses despois de ser electo, estas mesmas páxinas reproducen unha nota na que informan de que “falleció en la República Argentina el joven trivés Germán Ancochea...”, deixando uns fillos de curta idade -Germán e Eumenio- e unha viúva que, malia estar arroupada por unha familia acaudalada e con capacidade para ofrecerlle un futuro xeneroso ós nenos, decide retornar para Trives, onde Germán e Eumenio teñen que volver empezar.
Non lles debeu custar moito a ambos a adaptación ó cotiá da montaña ourensá, pois tan só tres anos despois de chegar, Germán aproba o bacharelato nos Maristas de Ourense “con 36 matrículas de honor” e coa vocación de formarse en “Ciencias”, mentres o seu irmán Eumenio opta pola carreira mercantil e de comercio, e acaba opositando e conseguindo o número un entre mil oitocentos opositores nunha convocatoria do Instituto Nacional de Previsión.
Vinte anos fendidos nun punto de inflexión tan doloroso como transcendental foron suficientes, polo tanto, para que Germán acadase -con premio extraordinario- na Universidade Central madrileña a licenciatura “en una disciplina del saber en la que destacarse precisa de nada comunes disposiciones intelectuales”.
Unha disciplina na que comezou a dar os primeiros pasos impartindo aulas como profesor auxiliar nesa mesa universidade, pero que decide interromper en 1932 para preparar a tese doutoral que presentou na parisina Universidade da Sorbona baixo a dirección do prestixioso matemático francés Élie Cartan, afondando nalgúns aspectos da xeometría diferencial relacionada coa Teoría da Relatividade Xeral de Einstein.
E uns estudos que, noustante, non lle restan tempo para interrelacionarse co seu entorno -tanto en Madrid como en Trives-, unhas veces para ben, como foi o inicio de relacións coa que sería a partir de 1935 a súa muller, a mestra pontevedresa Guadalupe Blanco, e outras para surtir o anecdotario local, como aconteceu no verán de 1932 cando catro afeccionados do equipo de fútbol de Vilamartín que foran xogar a Trives con motivo das Festas do Cristo e a montar liorta, “se encontraron con German Ancochea, emprendiéndola a palos con él por haberlo reconocido como futbolista trivés, hiriéndole de consideración”.
Loxicamente, nin a xenreira nin as feridas provocadas polos alborotadores de Vilamartín lle furtaron as ganas de volver a Trives, por máis que o seu prestixio como catedrático especializado en Xeometría Alxebraica fose crecendo a medida que foi transitando pola canaria Universidade da Laguna, logo pola de Salamanca e finalmente -dende 1947- pola Facultade de Ciencias da propia Universidade Central madrileña, cátedra esta que xa non abandonaría ata que se xubilou no ano 1978.
Pero, sobre todo, a reputación internacional acadouna gracias ás investigacións publicadas nalgunhas das máis destacadas revistas científicas, entre as que destaca o “Teorema de Ancochea-Hua”, que leva o seu nome e dun colega xaponés, así como polo papel de conferenciante que desempeñou en universidades tan prestixiosas coma as de Princeton, Urbana de Illinois, Hamburgo, Kiel, Göttingen, Lisboa, Copenhague ou París.
Se hai fitos que definen a vida de todo gran persoeiro, no caso de Ancochea Quevedo, este chantouno en 1946 cando foi o único español convidado á conferencia matemática que tivo lugar con motivo do segundo centenario da Universidade de Princeton, en cuxo Instituto Politécnico daba aulas o inmortal Albert Einstein.
Aínda que, como refire o seu discípulo Sixto Ríos, o “liberalismo a ultranza” de Germán Ancochea sempre o levou a “renunciar a todo cargo que tuviese interés político o a toda manifestación que supusiese un encasillamiento en los esquemas sociales”, no ano 1966 ingresou na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid e en 1979 -xa xubilado- recibiu de mans do Rei Juan Carlos a Medalla de Ouro da Universidade Complutense, tan só dous anos antes de falecer e deixar un oco que o fillo do seu director de tese -o tamén acreditado matemático Henri Cartan- definiu así: “Con él desaparece uno de los grandes matemáticos de nuestra época y también un hombre sensible y bueno que quiso honrarme con su amistad”.
O que non desapareceu -nin desaparecerá- foi a saga dos Ancochea, que xurdiu a mediados do século XIX na Pobra de Trives pola casual coincidencia do destino nesa vila do médico madrileño de orixe bilbaína e coruñesa, Pedro Ancochea Cónsul e da mestra de orixe francés Leonor Boscossi.
Do matrimonio formado por ambos -no caso do médico en segundas nupcias- xudiron, entre outros, Eumenio e Pedro, que emigraron moi novos a Córdoba, onde xa residía un medio irmán do primeiro matrimonio paterno, e que souberon asentarse economicamente naquela cidade cunha ampla nómina de rexistros empresariais no ámbito do comercio maiorísta, e socialmente non só nas asociacións españolas, senón na Sociedade de Socorros Mutuos e finalmente na fundación do Hospital Español, que aínda hoxe -xa en mans privadas- funciona na urbe arxentina.
Copiando a organización académica dos “Hermanos de las Escuelas Cristianas de Buenos Aires” e como promesa á súa nai, Eumenio fundou en 1908 na Pobra o colexio Santa Leonor, e logo, en 1923, seguindo a estrutura arquitectónica do Hospital cordobés, construiu o edificio que actualmente teno dedicado o Concello como oficina de turismo e museos.
E, se ben o “indiano” Eumenio non tivo descendencia, tódolos seus irmáns si procrearon unha abondosa cañota trivesa entre cuxas ponlas destacan neumólogos coma o que pronto será fillo predilecto de Trives, Julio Ancochea Bermudez, vulcanólogos coma Eumenio Ancochea Soto e un senfín de Ancocheas que se esparexen por multitude de traxectorias profesionais.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
COLOR DEL AÑO
Cloud Dancer: minimalismo, calma y moda en un solo color
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: domingo, 21 de diciembre
HASTA 200 EUROS DE SANCIÓN
Lista | Cómo saber si mi baliza V16 está homologada y evitar ser multado
Lo último
Los ingenieros agrícolas de Ourense renuevan su cúpula
Pepe Paz, presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas: “Temos que facer un novo rural con mais industrias agroalimentarias”
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
As esperas teñen idade?
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Los rojos que eran (viejos) verdes