Gervasio Vázquez, unha voz de cristal

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Foi un só dos moitos e gabanciosos epítetos que recibiu estoutro “neno labrego” ó longo dunha traxectoria musical iniciada na Escola de Música de Montevideo, a onde foi levado con tan só seis anos dende a Celanova natal ó Río de la Plata

As dúas parellas en Montevideo en 1958, programas dos dous concertos e antigo edificio do Ateneo de Montevideo.
As dúas parellas en Montevideo en 1958, programas dos dous concertos e antigo edificio do Ateneo de Montevideo. | La Región

A pasada semana a aldea de Gres (Vila de Cruces) e outros lugares de Galicia celebraron diversas homenaxes a Xosé Neira Vilas e ó súa icónica novela, “Memorias dun neno labrego”. Con tal motivo considerei que era momento de traer a colación, para memoria daqueles que tamén coñeceron Montevideo de nenos, a este ourensán de Celanova, que non viviu máis de seis anos na Lama de Ansemil e que chegado á metrópole atopou na música culta e no canto un xeito de manter a voz ligada á Galicia real á que nunca regresou.

A pequena e practicamente inédita biografía destoutro “neno labrego” da terra de Celanova ten conseguido manterse no tempo por mor dunha relación persoal xurdida en 1956 co autor do “auténtico” neno labrego no marco do Primeiro Congreso da Emigración Galega que tivo lugar en Bos Aires polo día de Santiago e que constituíu a primeira gran manifestación de unidade universal da diáspora galega ó longo da historia.

No contexto dese mítico encontro -Neira Vilas actuou como secretario de organización e Gervasio como delegado do Centro Ourensán de Montevideo- Neira estivo acompañado de Anisia e decatáronse de que as raigames desta última e do propio tenor estaban chantadas na mesma aldea da Lama de Ansemil, nas lindes municipais de Celanova e Verea, xa que tanto a nai de Anisia coma os pais de Gervasio procedían de alí.

Isto e a interpretación por parte de Gervasio do poema currosiano “Un adeus a Mariquiña” provocou unha inmediata empatía que ó afondar nas actividades que centraban as vidas de ambos, Gervasio propúxolle a Neira que escribira unha ópera galega e que el poríalle voz. O proxecto non viu a luz, pero o que si a viu foi a creación dunha serie de poemas ós que Gervasio lles poría música.

Para eses anos, malia á súa xuventude, o tenor contaba xa cunha destacada experiencia escénica que iniciara en 1948 en Montevideo, recibindo xa daquela gabanciosos comentarios sobre o seu rexistro sonoro e a calidade técnica na interpretación, como chega a publicar a prestixiosa revista “Ritmo” de Madrid a raíz dun dos seus concertos previos ó afortunado encontro: “Tuvo la virtud de agradar al numeroso público asistente, por la calidad del programa brindado, la sobriedad de sus interpretaciones y el cálido aterciopelado de los matices, en las composiciones de autores españoles su voz tuvo transparencias de cristal y frescuras de vertiente, pero no por ello fueron menos acertadas sus versiones de las obras clásicas”.

Cumprindo co compromiso adquirido, Neira Vilas envioulle inicialmente sete poemas, que acabarían sendo doce e ós que Gervasio lles puxo música con evidentes tons embebidos de sabor á terra.

No ano 1958, co matrimonio entre Neira e Anisia xa consolidado, a parella viaxou a Montevideo e, para aquela, Gervasio tamén tiña rematada a musicalización dos sete primeiros poemas. “Estaba ilusionado”, di Neira Vilas. “El e Cristalina -uruguaia filla de galegos-, a súa muller, amosáronnos a cidade”.

Probablemente esa foi a derradeira vez que se viron, o cal non foi óbice para que continuaran o contacto epistolar. Concluíron en que doce poemas eran axeitados para poder realizar unha gravación e dous anos despois, o trinta de maio de 1960 o Ateneo de Montevideo acolleu unha homenaxe ó Banco de Galicia na que o acto central foi a interpretación das doce composicións, acompañado do destacado pianista Alberto Barrera.

O éxito foi rotundo. “Es poseedor de una de las voces más puras y bien timbradas que hemos escuchado”, dixo “El Día” daquela.

Ese mesmo concerto, organizado polo Comité de Sociedades Galegas do Uruguay, repetiríano no Teatro Solís, con orquestra sinfónica dirixida polo prestixoso José Yannely Fariña -fillo de italiano e galega-, pero xa Neira Vilas non tivo oportunidade de asistir a ningún dos dous. Cuba e a Revolución xa os tiñan -a el e a Anisia Miranda- noutras leas.

Un disco que saíu ó mercado polo esforzo de Xosé Neira Vilas, case 55 anos despois de ser estrenado

Portada do libro-disco e Cesáreo Torres, promotor e intérprete desta edición.
Portada do libro-disco e Cesáreo Torres, promotor e intérprete desta edición. | La Región

No transcurso da visita que Neira e Anisia lle fixeron a Gervasio e Cristalina a Montevideo, acordaron que as “Doce cancións galegas” deberían superaren os espazos escénicos e tratar de conseguir unha gravación discográfica que os fixese transcender no tempo.

Neira Vilas levou con el copia das sete partituras xa rematadas e o resto foinas recibindo vía postal ata completar.

“Un día -conta Xosé Neira Vilas- mandoume á Habana programas e eloxiosos comentarios de prensa, así como o texto musical e a gravación daquela ducia de cancións, resultado do proxecto común que nacera no goberno arxentino” O ilustre portador -continua Neira- non foi outro có admirado escritor uruguaio Mario Benedetti, quen, como tantos e tantos intelectuais suramericanos, acudía á Habana, a coñecer de primeira man o desenvolvemento da Revolución.

É preciso dar un salto no tempo e volver a 1956 para especificar que a proposta da creación dunha ópera galega por parte de Gervasio e a suxestión de Neira de comezar facendo primeiro o proxecto dos poemas musicados, tivo lugar na mesma Casa Rosada á saída dunha recepción presidencial á organización do Primeiro Congreso da Emigración.

Pero os camiños da vida tomaron sentidos diferentes. Mentres Neira estaba imbuído do fragor revolucionario, Gervasio continuou cos seus concertos de música culta e popular, pero non só de Galicia, senón tamén de Iberoamérica, con especial mención as do seu país de acollida, polo que o proxecto foi caendo paseniño no esquecemento. Isto, ata que a comezos de 2014, nunha xuntanza que o tenor Cesáreo Torres tivo con Neira Vilas para seleccionar poemas inéditos do escritor e musicalos, deron coa carpeta na que Neira gardaba as doce partituras e outros documentos relativo ás composicións.

A Cesáreo Torres o material que lle acababa de poñer na man xa non se lle despegou e nun prazo de oito ou nove meses deron cabo del, editando un libro-CD titulado “Cantos que veñen de lonxe” interpretado musicalmente polo pianista Alejo Amoedo, que se estreou no Auditorio municipal de Vila de Cruces o 21 de decembro de 2014. Da vida de Gervasio non se soubo máis. Neira Vilas falecería o 27 de novembro do ano seguinte co fermoso proxecto feito realidade 55 anos despois.

Contenido patrocinado

stats