J. Santa Marina, tabaco, azucre e un tren

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

J. Santa Marina naceu no Verín de mediados do século XIX e ben novo conseguiu facerse funcionario de Hacienda con destino en Filipinas. En Manila chegou a alcalde, fundou unha fábrica de tabaco e forxou unha inxente fortuna que multiplicou co azucre en Madrid

Busto obra Benlliure para un monumento en Manila, tabaqueira “La Insular” e primeira pedra e tren de “La Poveda”.
Busto obra Benlliure para un monumento en Manila, tabaqueira “La Insular” e primeira pedra e tren de “La Poveda”. | La Región

Coas imaxes da tráxica colisión de Urda aínda fumeantes, as vidas de 69 persoas segadas para sempre e as de centos marcadas a lume para o resto dos días, véuseme á idea a singular -e descoñecida- traxectoria de Joaquín Santa Marina Pérez e non tanto por ter sido vítima, el, dun accidente inesperado -que tamén-, senón por ter sido, entre outras cousas, propietario dun tren destinado ó traslado da remolacha nas veigas do Jarama e do Tajuña a unha das principais azucareiras da España dos albores do século XX.

A noticia é breve, pero suficientemente suxestiva. Publico una o xornal “El Miño” o 1 de xuño de 1900 e dicía así: “Por una sociedad en la que figura como principal accionista el acaudalado propietario hijo de Verín, Joaquín Santa Marina, se están llevando a cabo con la mayor rapidez, en la Mancha, obras de gran consideración para instalar una fábrica azucarera”.

Cando, no seu momento, a lin, xurdíronme un sen fin de preguntas arredor de tan destacado -e descoñecido para min- personaxe, que logo se me foi abrindo máis e máis ata lograr desvelar unha dimensión realmente impensable naquel momento.

Vexamos, senón...

Joaquín Santa Marina chegou á vida no Verín da década dos corenta froito dun matrimonio acomodado da vila e logo dunha boa formación inicial, conseguiu unha praza como funcionario no Ministerio de Hacienda que acabou con el en Filipinas, onde comeza realmente a súa case inverosímil traxectoria.

O posto privilexiado no que se instala a finais da década dos setenta na capital do arquipélago oriental ofrécelle unha perspectiva social e económica que non desaproveita, asociándose con outros dous compatriotas para comprar un antigo convento e as súas fincas colindantes e, aproveitando a abolición do monopolio de tabacos, levar a cabo a fundación en 1883 dunha fábrica de tabacos á que lle puxo por nome “La Insular” e que lle serviu de base para comezar a amasar unha importante fortuna.

A consolidación como empresario abriulle as portas á elite social filipina e en 1886 conseguiu ser nomeado alcalde de Manila e consolidar o proxecto empresarial, chegando a ter unha nómina de tres mil empregados e facer de “La Insular” a principal factoría tabaqueira da colonia.

Coa chegada do proceso de independencia de 1898, Santa Marina decide regresar a España, aínda que mantén a propiedade da tabaqueira, que continúa fornecéndolle xenerosos emolumentos que lle axudan a instalarse con garantías en Madrid.

A perda das colonias abriu unha oportunidade de negocio en España coa industria do azucre que xa non podía ser traído das colonias perdidas, polo que promoveu a creación dunha sociedade mercantil chamada “Azucarera de Madrid S.A.”, levando a cabo a construción dun complexo industrial nunha finca denominada “La Poveda”, no municipio de Arganda del Rey, que xa nos primeiros anos transformaba 300 toneladas de remolacha diarias en azucre, polo que considerou a necesidade de construir unha vía férrea de oito quilómetros de lonxitude e largo de vía estreita para trasladar a remolacha ata a fábrica, que acabou xerando un pobo no que residían os empregados e que aínda hoxe recibe o nome de “La Poveda”.

Paralelamente a esa intensa actividade empresarial, leva a cabo outras -tamén no ámbito da filantropía- iniciativas como a adquisición da denominada “Quinta de la fuente del Berro”, que hoxe é un dos parques emblemáticos da zona leste de Madrid e, esporeado pola escritora Emilia Pardo Bazán sufraga a fundación dunha casa de saúde denominada “La Gallega” e que foi o primeiro centro de saúde rexional levantado en Madrid.

Por esta razón, xunto coa propia Pardo Bazán, foi nomeado presidente de honra do Centro Galego en 1903, dando posteriormente o paso á política que o levou a ser senador liberal por León no período 1905/07.

Unha fatídica curva no Guadarrama e unha herdanza que colocou ós sobriños na aristocracia

Santa Marina residía no “Grand Hotel de París” situado na Porta do Sol.
Santa Marina residía no “Grand Hotel de París” situado na Porta do Sol. | La Región

Malia á fortuna atesourada, Joaquín Santa Marina non casou. Residía habitualmente no madrileño Gran Hotel de París, situado na fachada sur da Porta do Sol, e como toda familia directa tiña un irmán chamado José, que vivía coa súa muller e os fillos en Verín.

A vida de Joaquín gozaba, polo tanto, de todo canto podía desexar no plano persoal e no círculo de amizades. Admirado en tódolos ámbitos sociais, políticos e económicos do momento, coa tabaqueira filipina producindo a pleno rendemento, incluso para axudar a aqueloutros negocios que non lle resultaron tan boiantes, de súpeto unha tarde do mes de agosto de 1908 a fatalidade cruzóuselle no camiño nunha curva do “Alto del León” en plena serra do Guadarrama.

A prensa recolleuno así: “Ha fallecido en Guadarrama el archimillonario gallego D. Joaquín Santa Marina. La causa de su muerte fueron dos gravísimas heridas que recibió al despeñarse su automóvil por la sierra.

Como consecuencia hubo necesidad de amputarle una pierna sin que esto lograra impedir la muerte del acaudalado gallego.

Su chauffeur y el administrador del Sr. Santa Marina, que acompañaba a este en su viaje recibieron contusiones y heridas de baja consideración”.

Ó parecer Santa Marina e o seu administrador Vicente Asensio viaxaban “con dos señoras” e o condutor que na baixada perdeu os freos. O pánico no que se viu envolto o verinés fixo que se lanzara do coche en marcha, o que lle ocasionou as feridas na perna e na cabeza, que acabaron provocando a súa morte, deixando como herdeiro universal ó eu irmán José, que loxicamente se trasladou coa muller e os fillos a residir en Madrid.

José foi nomeado presidente da empresa azucareira e doutros negocios nos que Joaquín tiña intereses, e mesmo tamén lle tivo que facer fronte a outras débedas que este mantiña con outros empresarios.

O aval co que chegaban á Corte loxicamente facilitoulle moito as cousas e pronto se introduciron na elite social madrileña, ata o punto que unha das fillas Aurelia foi marquesas de Melín, outra foi marquesa de Aranda e outra duquesa de Hernani como consecuencia do casamento co duque de Hernani e primo do rei Alfonso XIII, Manfredo Luis de Borbón.

Contenido patrocinado

stats