Loli Gómez, presentadora da TVG: “Este é o proxecto máis emocionante que fixen en 30 anos de traballo"

XENTE MAIOR

Loli Gómez é unha presentadora e xornalista galega moi coñecida da TVG. O seu nome completo é Loli Gómez Oviedo e leva anos vinculada a programas informativos e magazines da televisión galega. Presentou espazos como “A Revista” e tamén participou en programas de actualidade e meteoroloxía.

Loli Gómez no control de “En Compañía de Loli” nos estudos de Ordes.
Loli Gómez no control de “En Compañía de Loli” nos estudos de Ordes.

A Televisión de Galicia estrea este luns “En compañía de Loli”, un formato novo centrado en combatir a soidade non deseada, presentado por Loli Gómez, unha das caras máis recoñecidas da canle, e Marcial Mouzo. Lonxe dos tradicionais programas de citas, o espazo mesturará entretemento e servizo público a través de testemuños reais de persoas que buscan compañía e apoio emocional. O programa pon o foco nunha problemática cada vez máis visible e aspira a converterse nun punto de encontro para quen afronta este tipo de situacións.

Pregunta. En compañía de Loli chega cunha idea moi distinta á dun “dating show” habitual. Como definirías o programa?

Respuesta. É un programa que pretende loitar contra a soidade non desexada en Galicia. Falamos de persoas que, por viuvez, divorcio ou simplemente polas circunstancias da vida, pasan os días completamente soas, sen ter con quen falar nin compartir o día a día. Non falamos só de atopar parella, senón de compañía: alguén con quen falar, pasear ou compartir a vida. Moitas veces teñen familia, pero os fillos tamén teñen as súas vidas e non poden estar sempre pendentes. Queremos que recuperen parte desa vida e desa ilusión que perderon.

P. Galicia ten unha das poboacións máis envellecidas de España. Cres que facía falta un formato así na TVG?

R. Si, creo que era moi necesario. Xa funciona noutras televisións autonómicas e aquí os datos de envellecemento e soidade son moi preocupantes. É un servizo público. Queremos acompañar e axudar aos nosos espectadores a ter unha mellor calidade de vida. Vai ser un reto porque é un programa diario, pero temos moita ilusión e moitas ganas de facelo ben. Ver como persoas que estaban soas atopan compañía e lles cambia a vida é algo moi emocionante.

P. Que foi o que máis che atraeu persoalmente do proxecto?

R. O que sentín ao velo. Esa emoción de ver como persoas que estaban completamente soas recuperan a ilusión e volven sentirse acompañadas, ata o punto de emocionarte vendo as súas historias. Ademais, non vai ser só televisión. Tamén haberá unha parte solidaria importante, como a recollida diaria de alimentos para os bancos de alimentos de Galicia. Todo ese fondo humano, de axuda e compañía, foi o que me fixo apostar polo programa e sentir que tamén estamos facendo algo útil pola xente.

P. Que tipo de historias cres que van a emocionar máis ao público?

R. Imos escoitar historias moi duras e humanas: persoas viúvas, xente que pasou anos coidando dunha parella enferma ou persoas inmigrantes que chegaron aquí deixando atrás ás súas familias. Queremos escoitalas sen xulgar e darlles tamén un espazo para volver sorrir. Por iso o programa terá emoción, pero tamén momentos alegres, música e recordos doutras épocas, deses bailes e momentos felices que moita xente lembra con cariño.

P. Máis alá do entretemento, presentades o programa case como unha labor de servizo público. Que che gustaría transmitirlles aos galegos e galegas?

R. Gustaríame que as persoas que estean ao outro lado da televisión se sintan acompañadas cada tarde e reciban o noso cariño e a nosa emoción. E tamén transmitir confianza. Que se alguén coñece unha persoa que necesita compañía, perda a vergoña e se achegue ao programa. Imos coidar moito a quen participe, desde o primeiro momento e durante todo o proceso, acompañándoos en todo momento. Despois de 30 anos na Televisión de Galicia, este é probablemente o proxecto que máis emoción e cariño me transmite.

Contenido patrocinado

stats