A lutuosa curva do ciclista na antiga estrada de Ourense, entre Gustei e Cudeiro

FITO GRANÍTICO

Na beira dereita da antiga estrada de Ourense, entre Gustei e Cudeiro, consérvase un fito granítico que lembra o tráxico episodio do ciclista Francisco Alomar, quen perdeu alí a vida nun accidente cando xa lle plantaba cara o propio Bahamontes

O monolito de Francisco Alomar está na marxe esquerda da estrada, baixando cara Cudeiro, nada máis saír de Gustei.
O monolito de Francisco Alomar está na marxe esquerda da estrada, baixando cara Cudeiro, nada máis saír de Gustei.

A infortunada nova acontecida nunha estrada das veciñas terras miñotas no marco da “Volta Ciclista a Portugal”, que lle custou a vida a un ciclista británico de tan só 19 anos e que pasou desapercibida nos medios de aquén da fronteira, unida ó inicio da “Vuelta” esta fin de semana, fíxéronme acordar un suceso semellante que estremeceu á opinión pública ourensá e ó ciclismo nacional o 8 de agosto de 1955, cando Francisco Alomar perdeu a vida nunha curva de Gustei, chamado como estaba a ser unha figura do ciclismo internacional.

Nacido na vila mallorquina de Sineu, situada no mesmo corazón da illa, formou parte dunha abondosa familia de nove irmáns, dos cales un dos máis novos, Jaime, tamén se dedicaría ó ciclismo profesional e incluso chegaría a ganar unha etapa do Giro de Italia.

Francisco -ou Francesc, como o coñecían en Mallorca- afeccionouse ó ciclismo no tempo do servizo militar, despois de mercar unha bicicleta de segunda man para desprazarse dende o cuartel á casa.

A etapa militar serviulle como práctica e pronto comezou a sentirse capaz de competir en probas máis ou menos esixentes, polo que tan pronto se licenciou procurou algún equipo que lle ofrecese a oportunidade de probar.

Sen solución de continuidade comezou a competir en Mallorca e de aí, en 1952 deu o salto a outras carreiras do calendario nacional.

A primeira vez que o seu nome quedou rexistrado nalgún xornal galego tivo lugar en xullo dese ano, na pista viguesa de Balaídos, nun tempo no que comezaban a aflorar os pioneiros da historia do ciclismo español, coma os irmáns galegos Emilio e Manuel Rodríguez, Langarica, Bahamontes, Gelavert, Miguel Poblet e outros moitos cos que durante os seguintes tres anos compartiría competicións nacionais e internacionais, coma o campionato español de fondo en estrada, a “Volta a Francia” -que era como se denominaba daquela e na que os ciclistas participaban por nacións-, as voltas a Cataluña, Aragón, Mallorca, Andalucía, etc., ou o Giro de Italia, no que tamén tivo oportunidade de competir.

No caso da primeira proba en Vigo, Alomar conseguiu unha destacada terceira praza, por tras dos irmáns Emilio e Manuel Rodríguez.

Malia que a xuventude aínda non lle concedera tempo suficiente para ser gañador dalgunha carreira importante, resultou vencedor do campionato de España de montaña en Vizcaia, con dúas subidas ó mítico monte Urquiola e o seu nome saltou ás páxinas internacionais cando na cuarta etapa da “Volta a Francia” logrou unha fuxida en solitario ó longo de 150 Km na etapa de Metz, o que lle valeu o premio ó pundonor, por máis que unhas etapas despois da carreira francesa tivera que retirarse debido a unha lesión de xeonllo.

Isto tivo lugar a mediados de xullo de 1955 e pouco menos de tres semanas despois conseguiu recuperarse, incorporándose ó equipo “Peña Solera”, do que tamén formaba parte Federico Martín Bahamontes, que aínda tiña a súa gran historia por escribir e co que xa compartía galóns de liderado.

O 5 de agosto déronse cita na Coruña para participar na infausta “Volta a Galicia” dese ano. Superadas as primeiras etapas e perante as perspicacias que maliciaba o futuro gañador do Tour de 1959, Bahamontes propuxo que o equipo abandonara a competición, asegurando que a organización estaba facendo todo o posible para que o vencedor da carreira fose un dos dous irmáns Rodríguez.

Aínda que Alomar non estaba de acordo coa retirada, finalmente sucumbiu ó abandono e dende Noia, o infortunado ciclista e cinco dos seus compañeiros decidiron realizar o percorrido ata Ourense nas súas propias bicicletas.

O itinerario foi cuberto sen novidade, ata que, a sete quilómetros de Ourense, entre Gustei e Cudeiro, a Francisco nunha curva esvaroulle o bidón de auga de entre as mans, perdeu o equilibrio e un golpe na cabeza contra unhas pedras deixouno moribundo. Pasaban algo das oito da tarde do 8 de agosto e algo comezou a mudar na historia do ciclismo español.

Un ruxe-ruxe sobre Serrano Suñer e Gina Lollobrígida, que lle deu morbo ó accidente

Aínda que os traumatismos encefálicos -daquela os ciclistas non utilizaban casco protector- eran mortais de necesidade, a súa fortaleza física valeulle para resistir o traslado ata o hospital ourensán e ser atendido polos doutores Guitián e Villar, que nada máis puideron certificar a morte.

Alomar durante a fuxida de Metz, na que percorreu 150 Km en solitario.
Alomar durante a fuxida de Metz, na que percorreu 150 Km en solitario.

Pese a que para o pobo ourensán en xeral, Francisco Alomar era un descoñecido, tan pronto a noticia saltou ós medios deportivos e xeneralistas de toda España, Ourense foi consciente moi pronto da importancia do personaxe.

Martín Bahamontes, que tiña o billete de avión en Vigo para marchar para Madrid, viaxou a Ourense co fin de acompañar os restos do seu compañeiro -e disque tamén competidor- xunto co masaxista e o director do equipo Jaime Ramón, que agardaron ata que o corpo foi embalsamado e trasladado por estrada ata Barcelona e logo, en barco, ata a principal das Illas Baleares onde o agardaban máis de 60 mil persoas que o acompañaron no funeral.

Á vista da conmoción causada, a cidade de Ourense tomou conciencia da dimensión mediática do deportista e os clubes relacionados co ciclismo local, a institución municipal e outros colectivos deportivos e sociais propuxeron perpetuar a memoria do lutuoso suceso e promoveron a instalación dun fito pétreo que se conserva -disque movido de sitio nalgún momento- onda un balado cunha placa que di: “Orense a la memoria de Francisco Alomar” e a data do accidente.

Os ourensáns cumpriron e aboáronse ó silencio, pero os mentideiros xornalísticos madrileños e mallorquíns non deixaron arrefriar a noticia e durante meses circulou un ruxe-ruxe que alimentou unha teoría “algo distinta”, na que “el bidón caído tenia forma de coche negro oficial” no que viaxaban “personajes famosos en su interior; unos dicen que el Marqués de Villaverde y Carmen Sevilla, otros que si la Lollobrigida y Serrano Suñer”.

O funesto episodio na curva de Gustei coincidiu practicamente no tempo coa estrea da película de Juan Antonio Bardem, “Muerte de un ciclista”, o que lle deu morbo ás especulacións malia que a película foi proxectada denantes do accidente de Alomar.

Fose como fose, o caso é que tamén por esta causa a curva de Gustei -nada perigosa, por certo- quedou ligada á crónica rosa -ou negra!- do franquismo.

Contenido patrocinado

stats