Obituario | Cándido Soria Fontes, “Blue tuesday”: ímoste botar moito de menos, compañeiro
ÚLTIMO ADIOS
O martes 21 de xaneiro, ese é o día máis triste do ano. O día en que nos sorprendeu a tristísima e incríbel mensaxe de que morrera o noso benquerido compañeiro, Cándido Soria Fortes.
Como moi ben sabes, Cándido, pola túa propia experiencia, nin a todo o mundo se lle pode chamar, con rigor, compañeiro/a, nin menos aínda benquerido/a. Pero a ti si. A ti séntache como unha luva dicirche benquerido compañeiro porque o eras, porque o es, porque xa o serás para sempre: unha boa persoa, un excelente compañeiro, humilde e leal.
Pero tamén é certo que benquerido compañeiro che queda pequeno, Cándido, porque eras moitísimo máis. Unha persoa curiosa e interesada polo mundo, pola cultura, polo resto da humanidade. Un ser solidario, co que se podía contar para todo e, en especial, para as causas máis nobres e xustas. Todo cadra porque precisamente por eses valores eras un bo profesional e un magnífico compañeiro, non me cansarei de repetilo, porque cada vez van quedando menos, non un “picapleitos”. Por iso o teu despacho non é un bufete senón un “espazo de resolución de conflitos”, toda unha declaración de principios.
Todo o mundo confirmou a tese do Xosé de que é imposíbel pensar en ti e lembrarte sen un sorriso. É certo. Tamén na expresión da túa cara se reflectían eses valores de empatía e solidariedade. Sábeno moi ben, por suposto, a Eva e a Gabi, xa que até o final te acompañou ese sorriso e toda a inmensidade de luz e instantes felices que o acompañan, e do que elas, a túa xente e as persoas que te queremos imos seguir termando.
Por iso é tan incongruente e cruel que intentando contribuír ti sempre, desde a profesión e desde a vida, á xustiza do mundo, este te leve dunha forma tan prematura e inxusta. Agora ben, podes estar seguro de que sempre vas estar con nós e de que distraeremos o tempo diante da sala falando ben de ti, con moito orgullo e cariño, pola sorte de terte coñecido, aínda que, como escribiu o poeta, nos quedan pendentes moitas charlas e camiñadas:
“A las aladas almas de las rosas del almendro de nata te requiero, que tenemos que hablar de muchas cosas, compañero del alma, compañero”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: jueves, 26 de marzo
REDES SOCIALES BAJO JUICIO
Meta y YouTube condenadas a pagar 3 millones de dólares por dañar la salud mental de una usuaria
Lo último