Un ourensán na liberación de Kuwait
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Naceu en Celanova, pero a súa singladura surcou os mares do mundo acompañado de dous ilustres apelidos. Un -Peral- relacionado co famoso inventor do submarino, o outro -Lezón- da torgueira dun dos máis prestixiosos “civilistas” da época
Andou estas últimas semanas -a miña vila- bastante atarefada co obxectivo de conseguir brillar no Nadal como nunca se teña visto. Se a iso lle unimos o feito de que hai tamén dúas semanas a Armada Española recibiu o primeiro submarino herdeiro daquel que inventou o cartaxeneiro Isaac Peral, case cae de caixón que hoxe traia a colación a Ramón Peral Lezón, un celanovés da torgueira alicantina do banqueiro Manuel Peral López e do rexistrador e xurisconsulto celanovés, Manuel Lezón Fernández.
O 23 de xullo de 1948, o xornal “El Ideal Gallego” daba conta dunha dobre operación de traslado de responsabilidades militares á fronte dun buque da Armada, no Ferrol. O capitán de corbeta, Daniel Yusty, entregáballe o mando do dragaminas “Lérez” ó mariño do mesmo rango José Peral Torres e a continuacion, Peral Torres facíalle entrega do mesmo buque ó tenente de navío Evaristo Llanos.
As preocupacións do militar de tan ilustre apelido non estaban tanto, sen embargo, no estrito protocolo navieiro do arsenal ferrolán, como nunha pequeno-burguesa vivenda da popularmente coñecida “Calle Abaixo” de Celanova (oficializada a comezos dos anos 30 co nome do seu sogro). E isto era porque a dona do capitán, Matilde Lezón, estaba a piques de dar a luz ó cuarto vástago dun matrimonio que fora canonizado once anos antes na igrexa conventual celanovesa -recolle “Vida Gallega” o 30 de maio de 1937- “entre la bellísima señorita Matilde Lezón, hija del ilustre jurisconsulto, publicista y elocuentísimo orador gallego, Manuel Lezón, con el bizarro alférez de navío, José Antonio Peral y Torres, hijo del banquero de Elche, Manuel Peral”.
Loxicamente, nin o nacemento do neno nin o seu bautizo pasaron inadvertidos para este mesmo xornal, que se fixo eco de que “el pasado día 27 recibió el sacramento del bautimso en esta suntuosa iglesia conventual de Celanova un precioso niño, que recibió los nombres de “Ramón Ricardo Octavio”.
Un neno que, como fillo de militar, logo de ter visto a luz na ilustre vila do seu avó, na compaña da nai e dos outros tres irmáns (José Antonio, Manuel e Matilde), repartiu a infancia e a adolescencia nos distintos destinos polos que foi pasando o pai, primeiro como responsable militar en diversos escalafóns coma o destructor Lepanto, a fragata Méndez Núñez ou o minador Júpiter, despois como director da Escola Naval de Marín, como director da Escola de Tiro de Cádiz ou como agregado naval na embaixada de Lisboa e xa ó final da súa carreira, como contraalmirante xefe do Estado Maior de Ferrol e xefe do Estado Maior da Zona do Cantábrico.
Cunha traxectoria naval de tal rango por parte do pai, facíase acaído que a de Ramón seguise semellante singladura, ingresando en 1966 na Escola Naval Militar de Marín e saíndo dela cinco anos despois co grao de alférez de navío.
A partir de aí, Peral Lezón compaxinou o mar coa aeronáutica, compartindo destinos en buques do tipo da fragata Álava, do dragaminas Ebro ou do portaaeronaves Dédalo, estando ó mando, tamén, do patrullero Nalón ou do cazaminas Guadalete.
Pola súa banda, no tocante ós servizos aéreos, durante un tempo encargouse da “flotilla de aeronaves 3ª e 7ª escuadrillas”, ademais de exercer de segundo xefe do heliporto do Rota, onde asentou finalmente para dedicarse á docencia como profesor de Electrónica, coordinador do Centro de Valoración para o Combate, xefe dos servizos aéreos da base de Rota e outros cargos polos que se fixo merecente de distintas medallas do mérito naval, ata que o 28 de xullo de 2016, un lóstrego cardiaco lle segou a vida.
A elevación ó escaparate público chegoulle, sen embargo, da man da denominada Guerra do Golfo (1990-1991), ó desprazar o Estado Español, entre outros buques de apoio, a fragata Santa María, con Peral Lezón na elite, o que motivou que lle fose concedida a medalla de “Liberación de Kuwait”.
Un Peral banqueiro e un Lezón “de los gallegos más gallegos y de los españoles más españoles”
Aínda que Celanova sempre mantivo no ruxe-ruxe da vila que o apelido do xenro de Manuel Lezón estaba familiarmente enlazado co do ilustre e ó mesmo tempo desgraciado inventor do famoso submarino, Isaac Peral, esa relación non é tan directa como podía parecer, por máis que este mesmo xornal, ó informar do nacemento do primeiro fillo do matrimonio, en marzo de 1938, chegase a asegurar que o tal José Antonio Peral y Torres “es nieto del famoso inventor del submarino”.
Realmente, Peral Torres procedía da torgueira familiar dos Peral de Elche, á fronte da cal estaba o banqueiro Manuel Peral López, cuxa entidade de préstamo -Banca Peral- sería absorbida en 1953 polo Banco de Vizcaya.
Ora ben, se notable é a rama paterna de Peral Lezón, aínda que nunha dimensión diferente e noutras pólas do saber, non o ten sido menos o apelido materno, Lezón, de cuxa familia non quedan hoxe nada máis ca algúns membros -e non por vía directa- do prestixioso xurisconsulto e rexistrador Manuel Lezón.
Un Lezón, que, como xa sinalei, mantén o nome da rúa na que está situada a casa familiar, competindo co popular “Calle Abaixo”. E un Manuel Lezón que, sen chegar ó grao de coñecemento público doutros prohomes da vila celanovesa do século XIX e principios do XX, coma o poeta Curros, o médico Fernández Losada ou o poeta e médico Castor Elices, é evidente que dende a súa etapa primeira como rexistrador da propiedade na vila de nacemento, ata o seu falecemento en 1934, foron moitos os aspectos do dereito nos que afondou (especialmente no tocante ó dereito consuetudinario, ó foral ou ó agrario) e nos que logrou un gran prestixio non só en Galicia, senón tamén fóra dos seus límites.
“Felicitamos sinceramente al sr. Lezón -publica “Vida Gallega” en 1932, con motivo de lle dar o nome á rúa-, pero más aún a Celanova, que puede contar entre sus hijos a quien pasea con tanto prestigio el nombre del pueblo natal por todo el mundo -español y no español- de los hombres consagrados a los más profundos estudios jurídicos”. Para o redactor de Vida Gallega, “Manuel Lezón es uno de los gallegos más gallegos y de los españoles más españoles”, razón pola cal a súa figura ha ser motivo de retrato noutrora.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LA DIPUTACIÓN DEFIENDE SU PAPEL
Los bomberos del Consorcio de Ourense, en huelga indefinida desde el 11 de abril por incumplimientos del convenio